O Tribunal Supremo acaba de anular, a través dunha sentenza con data de 26 de xullo, o Plan de Emerxencia Exterior de Reganosa aprobado pola Xunta bipartita en xullo de 2007. Esta é a cuarta sentenza firme contraria á planta de regasificación de Mugardos, logo de anularse tamén o plan de urbanismo, a autorización da planta e o proxecto de execución que a amparaban. A anulación do seu plan de emerxencia baséase en que, ao terse anulado tamén xudicialmente a modificación do plan de urbanismo da vila que amparou a planta, tamén é agora nulo o plan de emerxencia realizado a partir de dita ordenación urbanística. “Para realizar un plan de emerxencia se debe ter en conta o emprazamento ou ubicación da instalación, cuxos riscos se trata de previr”, critica o Supremo.
Esta é a cuarta sentenza firme do Supremo contraria á planta de regasificación de Mugardos, logo de anular tamén o plan de urbanismo, a autorización da planta e o proxecto de execución que a amparaban
A sentenza do Supremo contra o plan de emerxencia de Reganosa aprobado pola Xunta revoga unha sentenza previa do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que en abril de 2014 desestimara as denuncias veciñais. Agora o Supremo dá a razón ao recurso interposto pola Plataforma de Veciños O Cruceiro de Mehá. O TSXG dixera que non era “relevante” a relación entre o plan de emerxencia de Reganosa e a previa declaración como nula da modificación do plan de urbanismo de Mugardos que daba cobertura á regasificadora.
Porén, o Supremo di que “para realizar un plan de emerxencia exterior cun mínimo de eficacia se debe ter en conta o emprazamento ou ubicación da instalación, cuxos riscos se trata de previr”. Por iso, o Supremo di que o plan de emerxencia debe ser nulo “se non se coñece o lugar do emprazamento da instalación e tampouco o planeamento”. E engade que “ata que non se determine un novo planeamento urbanístico, non é posible aprobar un eficaz plan de emerxencia”. No entanto, en declaracións á axencia Europa Press a empresa resalta que o plan anulado xa non está en vigor, porque se rexe por outro dende 2013.
O Supremo di que as novas autorizacións outorgadas á planta polo Goberno en funcións non alteran a súa decisión de que é necesario elaborar un novo plan de emerxencia
O Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol salienta que esta é a cuarta sentenza contraria a Reganosa, logo de que, ademais de anular en 2008 a modificación urbanística antedita, o Supremo tamén anulase a comezos deste ano a autorización administrativa previa e o proxecto de execución da planta. Malia esas sentenzas, o actual Goberno en funcións outorgoulles ambas autorizacións a principios deste mes, permisos que Reganosa comunicou ao tribunal para tentar parar o proceso xudicial. Porén, o Supremo considera que ese feito “non altera a nosa decisión” e incide en que a Xunta deberá aprobar un novo plan de emerxencia en atención tanto ao plan de urbanismo como “a esa autorización previa e proxecto de execución cos que, ao parecer, conta agora”.