O Goberno en funcións concédelle a Reganosa autorización para operar

A planta de Reganosa, a uns centos de metros do núcleo urbano de Mugardos CC-BY-NC-ND Xoán Porto

O BOE deste sábado publica a autorización administrativa e a aprobación do proxecto de execución concedidas polo Goberno en funcións a Reganosa, para que a planta de gas situada en Mugardos poida manter a súa actividade. A decisión chega despois de dúas sentenzas contrarias do Tribunal Supremo e de que o Consello de Ministros acordase eximir a instalación de contar coa necesaria avaliación de impacto ambiental.

A resolución da Dirección Xeral de Política Enerxética publicada hoxe, con data do 7 de xullo, sinala que para dar o visto bo á planta se solicitaron informes á Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao, ao Concello de Mugardos, á Xunta de Galicia (Secretaria Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Dirección Xeral de Enerxía e Minas e Dirección Xeral de Conservación da Natureza), a Augas de Galicia e ao Ministerio de Defensa. O texto emprega como argumento para defender a legalidade da planta a modificación ad hoc do PXOM de Mugardos aprobada por Concello e Xunta en 2012, despois doutra sentenza do Tribunal Supremo contraria aos intereses de Reganosa, que anulaba a modificación do plan urbanístico realizada en 2003 para dar amparo á planta. 

Antón Sánchez, viceportavoz parlamentario de AGE, denuncia que o Goberno central axuda a empresas “que incumpren reiteradamente a lexislación, como é o caso escandaloso de Reganosa". Sánchez engade que “este Executivo sempre se pon do lado dos que cometen fraude, para lles facilitar esquivar a lei que a cidadanía si ten que cumprir”. E conclúe que a decisión “é unha actuación chea de desprezo cara á cidadanía, que loita desde hai anos contra a ubicación aberrante da planta de recepción e almacenamento de gas licuado na ría de Ferrol. Esta localización pon en perigo a vida de milleiros de persoas”.

A decisión era esperada, despois da moi criticada actuación do Consello de Ministros, que excluíu a Reganosa dos trámites medioambientais esixidos a calquera instalación

A decisión era esperada, despois da moi criticada actuación do Consello de Ministros, que excluíu a Reganosa dos trámites medioambientais esixidos a calquera instalación. Para Patricia Gabeiras, avogada do Comité Cidadán de Emerxencia, este acordo do Consello de Ministros tiña "indicios de prevaricación". Xa en abril Gabeiras denunciaba en rolda de prensa que "Reganosa non ten vontade de cumprir as sentenzas", augurando que "van tentar acadar unha nova autorización, que tamén será ilegal e que tamén recorreremos". "Pódenlle dar as voltas que queiran, mesmo falan de conseguir unha autorización provisional, que é algo que non existe na Lei de Hidrocarburos. Ata onde queren que xoguemos? Ata onde queren chegar?", engadía. "Legalizar o ilegal é unha práctica moi común, que deteriorou o estado de dereito neste país, e que nos últimos anos se levou a cabo sobre todo no ámbito do urbanismo", denunciaba Gabeiras en entrevista con Praza, na que xa anticipaba que o Comité ía recorrer a decisión ante o Tribunal Supremo e ante a fiscalía, ante os indicios de corrupción.

 

A planta de Reganosa, a uns centos de metros do núcleo urbano de Mugardos CC-BY-NC-ND Xoán Porto

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.