Tras 5 sentenzas anulando trámites de Xunta e Estado a favor da planta de Mugardos, o tribunal remata a loita xudicial ditando que a prohibición desa actividade a menos de 2 quilómetros de vivendas foi mudada por outra que só pide "distancias adecuadas"
A planta de gas de Reganosa que entrou en servizo en 2007 en Mugardos impulsada por Manuel Fraga e o empresario Roberto Tojeiro funcionou ata 2021 de xeito ilegal. Así o estableceu o Tribunal Supremo en cinco sucesivas sentenzas firmes contra outros tantos permisos de Xunta e Estado. Pero a legalización aprobada en 2021 vén de ser agora validada polo mesmo Tribunal Supremo na súa primeira sentenza favorable ao proxecto.
Foron a Plataforma de Veciños da Parroquia de Mehá, Greenpeace e Adega os que conseguiron que o Supremo analizase se a legalización de 2021 se fixera cunha avaliación ambiental correcta, ao contrario que os permisos previos, e se debía respectarse unha distancia mínima de 2.000 metros con núcleos de poboación. E o Supremo valida agora a avaliación ambiental e establece que a distancia mínima foi derrogada por Xunta e Estado e xa só se pide "manter as distancias adecuadas", o que neste caso se dá por válido con menos de 200 metros.
A decisión de instalar a planta regasificadora no interior da ría de Ferrol, en terreos do concello de Mugardos lindeiros con Forestal del Atlántico, outra empresa do mesmo Grupo Tojeiro que xa operaba alí, provocou protestas veciñais e de diversos colectivos como a pesca ou marisqueo. A planta comezou a operar en 2007 e entre 2012 e 2019 o Supremo anulou sucesivos trámites que requirira a súa posta en funcionamento, reveses resoltos polas diversas administracións implicadas pola vía de volverlle a outorgar os permisos invalidados pola xustiza.
Así, en 2012 o Supremo anulou a modificación do plan de urbanismo de Mugardos validada en 2003 pola Xunta que facilitou o emprazamento da planta. En marzo e abril de 2016 o mesmo tribunal anulou respectivamente a autorización administrativa previa que obtivera en 2003 e a aprobación do proxecto de execución que lograra en 2004, as dúas do Goberno de España, nos dous casos decisións que se tomaran sobre a base do plan de urbanismo que non permitía ese tipo de instalacións na zona. E tamén en 2016 o Supremo anulou o plan de emerxencias da instalación aprobado pola Xunta.
A reacción das administracións implicadas tras cada sentenza anulatoria foi volver aprobar os trámites ilegalizados
En todos os casos a reacción das administracións implicadas foi aprobar novamente os trámites anulados pola xustiza, pero o xeito de facelo por parte do Goberno de España aínda traería a quinta sentenza en contra do Supremo.
Para legalizar a instalación e volver outorgar os permisos anulados pola xustiza en marzo e abril de 2016, en maio dese ano o Goberno central de Mariano Rajoy, daquela en funcións, intentaba acelerar os trámites eximindo a planta de ter que someterse a unha avaliación ambiental completa para volver darlle as dúas autorizacións que viña de tombar o alto tribunal. Esa decisión de acelerar a tramitación ambiental tamén foi anulada en 2019 polo Supremo, o que levou ao Goberno de España agora presidido por Pedro Sánchez a tramitar novamente esa declaración de impacto ambiental.
Finalmente, en xaneiro de 2021 o executivo central concedía o permiso ambiental anulado en 2019 e medio ano despois outorgaba novamente a autorización administrativa e aprobaba o proxecto de execución anulados en 2016.
Esa segunda legalización de 2021, a do Goberno de Sánchez, foi tamén recorrida pola plataforma de veciños e as organizacións ecoloxistas ante o Tribunal Superior de Xustiza de Madrid, que en abril de 2024 desestimou o seu recurso e avalou a autorización da planta. Os afectados volveron recorrer ao Supremo e agora o alto tribunal, en sentenza asinada o 27 de febreiro, desestima os seus recursos.
O Supremo considera por unha banda que, logo de anteriores eivas, agora a declaración de impacto ambiental realizada para esta legalización "é plena e responde aos parámetros da lexislación nacional e comunitaria, incorporando medidas preventivas, correctoras e compensatorias para todas as fases do proxecto", incluídas "condicións específicas para o tráfico marítimo", elemento especialmente cuestionado polos recorrentes.
O Supremo non analiza se os menos de 200 metros entre Reganosa e as primeiras vivendas é unha "distancia adecuada" porque considera que xa o fixo o Tribunal Superior de Madrid, ao que avala
O Supremo tamén analiza o réxime de distancias de instalacións deste tipo a respecto de núcleos de poboación, xa que Reganosa está a menos de 200 metros das vivendas máis próximas. O alto tribunal considera que a normativa previa que esixía un mínimo de 2.000 metros, o Regulamento de Actividades Molestas, Insalubres, Nocivas e Perigosas (Raminp), quedou derrogado na práctica por nova normativa aprobada por Xunta e Estado en 2007, 2008 e 2013. E malia que ese regulamento podía ser de aplicación cando a planta comezou a funcionar en 2007, xa non o era cando se volveu pedir permiso en 2019 para legalizala, momento no que a vixente era unha nova lei galega de 2013.
A nova normativa, di o Supremo, "non establece con carácter xeral" unha distancia mínima de afastamento como facía o regulamento anterior "senón que opta por establecer, con carácter xeral, a necesidade de 'manter as distancias adecuadas', que é tamén a expresión utilizada" na directiva europea sobre esa mesma cuestión. E esa valoración de se a distancia é "adecuada", engade o Supremo, "corresponderá ao tribunal de instancia", neste caso o Tribunal Superior de Madrid, "estando vedada en sede de casación a revisión da valoración probatoria efectuada por aquel".
Isto é, o Supremo xa non analiza se a distancia de menos de 200 metros entre Reganosa e as vivendas máis próximas é "adecuada" senón que se limita a considerar que a sentenza anterior do Tribunal Superior de Madrid "examinou de forma exhaustiva o apartado da seguridade" e "non atopa razóns para dubidar da suficiencia e adecuada xustificación".
O Supremo desestima así o recurso dos afectados e establece que esta vez si Reganosa foi legalizada correctamente a uns poucos metros de vivendas habitadas.