Galicia eleva ao máximo histórico a importación de gas dos Estados Unidos

Evolución da orixe dos gaseiros que descargaron cada ano en Mugardos, sobre unha imaxe da planta regasificadora de Reganosa CC-BY-NC-SA Montaxe: Praza.gal Imaxe: © Reganosa

En 2025 EUA foi o principal país de procedencia dos gaseiros que descargaron en Mugardos (14), máis do dobre que o ano anterior. O segundo país foi Rusia (11), unha cifra considerable tendo en conta as sancións internacionais e as ameazas da UE de prohibir a adquisición de produtos enerxéticos dende aquel país

Poucos mercados dependen tanto dos cambios da política internacional coma o do gas ou o do petróleo. A guerra en Irán paralizou as exportacións destes produtos dende o Golfo Pérsico e disparou o seu prezo. Qatar, por exemplo, un dos principais países exportadores de gas licuado, anunciou a paralización dos envíos debido á situación no Estreito de Ormuz. Aínda que España importa moi pouco gas do Golfo Pérsico (e Galicia menos aínda), de seguro sufrirá os consecuentes aumentos de prezo ante a redución da oferta.

De onde importa Galicia o gas fósil que chega á planta regasificadora de Mugardos? A súa orixe foi variando co tempo. Mentres que nos primeiros anos de actividade de Reganosa, a maior parte dos gaseiros viña de Nixeria, Trinidade e Tobago, Perú, Noruega, Alxeria ou Qatar, dende o ano 2018 Rusia converteuse no principal subministrador de gas licuado. Esta situación non só non cambiou tras o inicio da guerra en Ucraína e as sancións impostas pola UE a Moscova, senón que a chegada de gaseiros dende Rusia mesmo se incrementou.

O outro país que nos últimos anos veu incrementando as súas vendas de gas á planta de Reganosa son os Estados Unidos. Ata o ano 2016 non chegara a Mugardos ningún gaseiro procedente deste país e entre 2016 e 2020 as descargas estadounidenses foron case que testemuñais. Porén, a partir de 2021 as importacións de gas fósil procedente dos Estados Unidos disparáronse.

Este mércores coñecemos que no ano 2025 Estados Unidos foi o principal país de procedencia dos gaseiros que descargaron en Mugardos (14), máis do dobre que o ano anterior. O segundo país foi Rusia (11), unha cifra considerable tendo en conta as sancións internacionais e as ameazas da UE de prohibir toda importación de produtos enerxéticos dende aquel país. 25 dos 26 gaseiros que descargaron en Reganosa procedían de EUA e Rusia (o outro veu de Angola), algo que ata hai pouco era pouco menos que impensable.

A UE acordou prohibir as importacións de gas ruso a partir de 2027. Porén, a situación creada tras os ataques de Estados Unidos e Irán a Israel están a provocar que varios países europeos pidan reconsiderar esta decisión.

O aumento das importacións de gas licuado dende os Estados Unidos non é exclusivo de Reganosa. Durante o ano 2025 os EUA convertéronse no principal país de orixe dos gaseiros que chegaron a España, sumando o 44% do total

O aumento das importacións de gas licuado dende os Estados Unidos non é exclusivo de Reganosa. Durante o ano 2025 os EUA convertéronse no principal país de orixe dos gaseiros que chegaron a España, sumando o 44% do total, e relevando o gas ruso como líder neste tipo de importacións. Dos 245 gaseiros que descargaron nas plantas do Estado, 108 viñan dos Estados Unidos, 39 de Rusia e 27 de Nixeria, o terceiro país máis habitual.

Alxeria seguiu a ser, por pouco, o principal vendedor de gas fósil a España (128.506 GWh), subministrando a maior parte do produto a través de gasodutos. Estados Unidos aparece xusto detrás, a pouca distancia, con 111.660 GWh.

O gas fósil que España está a mercar dos Estados Unidos é máis caro que o que procede doutros países e ademais é moito máis prexudicial para o medio ambiente que o que chega por gasoduto. Así mesmo, é criticado por ser obtido a través da técnica do fracking

Este incremento nas compras de gas fósil aos Estados Unidos chega nun contexto no que o presidente Trump presiona a España e ao resto dos países europeos para que aumenten as súas compras de produtos estadounidenses, alegando unha relación comercial desequilibrada (aínda que en realidade España importa dos EUA moito máis do que exporta).

O gas fósil que España está a mercar dos Estados Unidos é máis caro que o que procede doutros países (entre eles o ruso) e ademais é moito máis prexudicial para o medio ambiente que o que chega por gasoduto (coma o de Alxeria), pois require maior gasto enerxético e é máis intensivo en emisións de gases de invernadoiro. Ademais, o gas estadounidense foi en boa medida obtido a través da polemica técnica do fracking, criticada entre outras razóns pola liberación ao aire de bolsas de metano.

O 2025 foi o segundo ano da historia no que máis gas fósil se descargou na planta de Reganosa, só por detrás do 2023. Galiza sen gas vén denunciando que o atraso na transición enerxética fixo que o consumo galego de gas fósil aumentase

O 2025 foi o segundo ano da historia no que máis gas fósil se descargou na planta de Reganosa, só por detrás do 2023. Galiza sen gas vén denunciando que o atraso na transición enerxética fixo que o consumo galego de gas fósil aumentase ata acadar un máximo histórico entre 2021 e 2023

A maioría do gas fósil importado por Galicia destínase ao consumo interno, aínda que nalgúns anos as reexportacións, posibilitadas por Reganosa, poden ser importantes, como sucedeu xa no ano 2023, atendendo ao datos do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA). As centrais térmicas de gas (ciclos combinados) de Sabón (Naturgy) e As Pontes (Endesa) e a industria acaparan a maior parte da demanda anual galega de gas fósil.

A plataforma Galiza sen gas defende o fin do uso de gas fósil na produción eléctrica antes de 2030 e no resto dos sectores antes de 2035. Trátase, apuntan, de "obxectivos realizábeis mediante a redución do consumo de enerxía e o desenvolvemento das enerxías renovábeis".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.