Galiza Sen Gas denuncia que no que levamos de século "en Galicia aumentou máis o uso de gas fósil que o de todas as enerxías renovábeis xuntas" e advirte de que este uso crecente está a atrasar a transición enerxética no país
Galicia importa cada vez máis gas fósil, un combustible que chega principalmente en barcos en forma de Gas Natural Licuado (GNL) á planta regasificadora de Mugardos, no interior da Ría de Ferrol. A plataforma Galiza Sen Gas publicou esta semana o informe Gas natural, o combustíbel fósil que atrasou a transición enerxética, que a partir das estatísticas máis recentes dá conta do incremento das importacións e do seu uso para a produción eléctrica e tamén para a exportación. Critica, ademais, que estas importacións están "ligadas a abusos dos dereitos humanos e á destrución do territorio nos países de orixe".
Galiza Sen Gas denuncia que no que levamos de século "en Galicia aumentou máis o uso de gas fósil que o de todas as enerxías renovábeis xuntas". A plataforma advirte de que este uso crecente dun combustible fósil coma o gas, está a atrasar a transición enerxética en Galicia, contravindo o avance que supuxo a fin do uso do carbón para a produción eléctrica o ano 2023. Ademais, lembra que para cumprir o Acordo de París Galicia debe pór fin ao uso de gas na produción eléctrica antes de 2030 e en todos os usos no ano 2035.
A entidade pon no foco a instalación regasificadora de Reganosa, lembrando que a súa entrada en funcionamento en 2007 "posibilitou un salto no emprego do gas fósil" ao permitir a importación de gas natural licuado, unha variante "máis prexudicial para o clima, que o de gasoduto"
A plataforma explica que "o relato, difundido con éxito por empresas enerxéticas e gobernos, do gas fósil como combustíbel 'limpo' e 'barato' necesario para transitarmos, con seguridade e competitividade, desde un sistema enerxético fósil dominado polo petróleo e o carbón a outro 100% renovábel, amparou unha gasificación desproporcionada e financiada en boa medida con diñeiro público que acabou por actuar como un atranco máis dunha transición enerxética que discorre lenta e inxusta de máis e na que, baixo un suposto papel de actor secundario, o gas fósil adoptou un rol protagonista".
A entidade pon no foco, especialmente, a instalación regasificadora de Reganosa, en Mugardos, lembrando que a súa entrada en funcionamento no ano 2007 "posibilitou un salto no emprego do gas fósil" ao permitir a importación de gas natural licuado, unha variante "aínda máis intensiva en carbono, e polo tanto máis prexudicial para o clima, que o de gasoduto". Todo o importado até 2007 fora de gasoduto, procedente de Alxeria. A partir de 2007 a maioría do gas recibiuse como gas licuado transportado en barcos metaneiros. Ademais, a posta en marcha da regasificadora de Reganosa fixo posible que Galicia se convertese en reexportadora de gas fósil.
Nos últimos anos medraron especialmente as importacións de gas dende os Estados Unidos (que o obtén a través do fracking) e dende Rusia, mesmo a pesar das sancións introducidas pola UE despois do inicio da guerra en Ucraína
Galiza sen Gas fai fincapé en que nos últimos anos unha parte cada vez maior do gas fósil importado por Galicia provén dos Estados Unidos, onde a maior parte se extrae mediante a técnica do fracking, máis negativa para o medio ambiente. O outro país do que se incrementaron nos últimos anos as importacións de gas é Rusia, mesmo a pesar das sancións introducidas pola UE despois do inicio da guerra en Ucraína. Nunca tanto gas importou Galicia de Rusia como dende que se iniciou o conflito en febreiro de 2022.
Neste senso, chama a atención que no período 2012-2017 o primeiro país de orixe dos metaneiros que descargaron en Mugardos foi Nixeria (44 gaseiros dun total de 124), seguida de Perú (23), Trinidade e Tobago (19) e Qatar (18), moi por diante dos Estados Unidos (2) e Rusia (0). Mentres, no sexenio 2018-2023 a lista está encabezada por Rusia (69) e os Estados Unidos (28), por diante de Nixeria (17) e Trinidade e Tobago (14).
Nos últimos anos o peso das centrais de queima de gas na produción eléctrica galega moveuse entre o 15% e o 22%, ocupando o baleiro deixado polo carbón e ante a falta de desenvolvemento das enerxías renovables
A maior parte do gas importado por Galicia -entre o 85% e o 90%- é empregado para a produción eléctrica e tamén para o seu uso industrial e tan só o 10-15% é destinado ao seu uso directo para a calefacción dos fogares. Entre 2017 e o 2022 aumentou nun 18,7% o consumo de gas, un incremento debido ás centrais de ciclo combinado, "que gañaron máis protagonismo como consecuencia do colapso do carbón a partir de 2019 e do cativo crecemento da potencia eléctrica renovábel en Galicia durante os últimos anos", denuncia a plataforma ecoloxista.
Nos últimos anos o peso das centrais de queima de gas na produción eléctrica galega moveuse entre o 15% e o 22%, aínda que no 2024 a proporción de electricidade xerada por esta vía descendeu de forma importante debido ao excepcional ano vivido polas centrais hidroeléctricas, cuxo comportamento é moi cambiante e depende do réxime de chuvias.
Galiza sen Gas lembra que para cumprir o Acordo de París, Galicia debe deixar de usar gas fósil antes de 2035. A entidade sinala que o primeiro paso é pór fin ao seu emprego na produción eléctrica antes de 2030, pechando as centrais de ciclo combinado a gas fósil de Sabón (Naturgy) e As Pontes (Endesa)
Os ciclos combinados convertéronse nos principais protagonistas da transición eléctrica en Galicia, critica a entidade, que detalla que o aumento acumulado da produción dos ciclos combinados en 2008-2024 con respecto a 2007 (34.316 GWh) supera mesmo o dos parques eólicos (30.077 GWh). Mentres a capacidade de produción (potencia instalada) eólica medrou en 869 MW entre 2007 e 2023, e a total renovable (incluída a hidráulica e o autoconsumo fotovoltaico) en 1.559 MW, os ciclos combinados achegaron 1.247 MW máis ao sistema eléctrico galego, explica o informe.
Cómpre ter en conta, en todo caso, que o grao de utilización das centrais eléctricas de ciclo combinado ten sido baixo, pois a súa máxima produción anual ascendeu a uns 5.000 GWh, cifra acadada só en dous anos (2008 e 2022), o que significa que só se ten aproveitado como moito a metade da capacidade total de produción. Abondaría co ciclo combinado das Pontes para subministrar a máxima produción anual requirida ata a actualidade polo sistema eléctrico en Galicia aos ciclos combinados.
"Abandonado de vez o carbón en 2023, o gas natural é o próximo combustíbel fósil que podemos deixar atrás no camiño cara a un modelo enerxético totalmente renovábel en 2040", sinala a entidade
Galiza sen Gas lembra que para cumprir o Acordo de París, Galicia debe deixar de usar gas fósil antes de 2035. A entidade sinala que o primeiro paso é pór fin ao seu emprego na produción eléctrica antes de 2030, pechando as centrais de ciclo combinado a gas fósil de Sabón (Naturgy) e As Pontes (Endesa) e destaca que este é "un obxectivo factíbel" se se amplia a capacidade de produción e almacenamento de electricidade limpa -producida a través do vento, o sol ou a auga- e se se mellora a xestión da demanda. "Abandonado de vez o carbón en 2023, o gas natural é o próximo combustíbel fósil que podemos deixar atrás no camiño cara a un modelo enerxético totalmente renovábel en 2040", engade.
Tamén alerta de que "a pretensión do sector gasista de usar o hidróxeno verde como vía para manter a súa posición no sistema enerxético é unha ameaza para unha transición enerxética rápida e xusta"
A entidade tamén alerta de que "a pretensión do sector gasista de usar o hidróxeno verde como vía para manter a súa posición no sistema enerxético é unha ameaza para unha transición enerxética rápida e xusta, na medida en que poida competir coa electrificación directa, máis eficiente, ou converter Galicia nun hub exportador de hidróxeno verde cara ao centro de Europa, grazas a proxectos como o H2Med, co que se integraría o hidroduto Guitiriz-Zamora, impulsado por Reganosa e Enagás".