A patronal aceptou este xoves unha mediación do Consello Galego de Relacións Laborais para tentar evitar a folga indefinida a partir do 2 de febreiro, á que os días 9, 10 e 11 sumaríanse os paros convocados no sector ferroviario en todo o Estado
A décima xornada de folga en todo o transporte en bus da provincia da Coruña -urbano, interurbano, escolar ou discrecional, con excepción do bus urbano desa cidade, con convenio propio- chega este venres coa primeira expectativa de achegamento entre sindicatos e patronal. Os empresarios aceptaron este xoves a mediación do Consello Galego de Relacións Laborais solicitada polos sindicatos, cos que sentarán a falar o vindeiro luns día 26.
Se non se producen achegamentos antes, unha semana máis tarde, o 2 de febreiro, comezaría unha folga indefinida, á que os días 9, 10 e 11 se sumaría a folga convocada no sector ferroviario en todo o Estado tras os accidentes mortais de Andalucía e Catalunya. [Aquí poden consultarse os servizos mínimos da folga de buses].
A folga de buses convocada por CIG, UXT e CCOO demanda melloras salariais e de condicións laborais para uns 3.000 traballadores, o que segundo argumentan "permitiría a renovación xeracional do sector, que conta cun persoal cunha elevada idade media, e no que as empresas día tras día se queixan da falta de man de obra". Porén, aseguran que ata o momento a patronal só ofreceu unha suba salarial do 1,2%, moi por baixo da inflación, sen melloras nas condicións laborais. Unhas condicións de traballo sen control real de horas ou con dificultades para a conciliación que consideran especialmente malas no caso do persoal acompañante do transporte escolar, que cualifican de "escravitude".
CIG, UXT e CCOO reclaman mellores condicións laborais para 3.000 traballadores mentres as empresas veñen recibindo sucesivas axudas públicas
Ao coñecer este xoves que a patronal finalmente acepta a mediación do Consello Galego de Relacións Laborais, cunha primeira xuntanza o vindeiro luns, a CIG vaorou que "é froito da presión mobilizadora" do persoal, ao que pide secundar o paro deste venres "para demostrarlle á patronal que o sector non parará até conseguir un convenio digno". "O persoal segue preparado para a folga indefinida se non hai avances, pero agardamos que a patronal entenda que meter o conxunto do transporte de viaxeiros/as nunha folga indefinida significa endurecer o conflito dunha maneira que cada vez teña máis difícil solución", valora Ernesto López Rei, representante da CIG.
As xornadas de folga desenvolvidas ata o momento desde o 5 de decembro saldáronse cun notable éxito, mesmo con incumprimento dos servizos mínimos impostos pola Xunta e cualificados como "abusivos" polos sindicatos. Precisamente ao Goberno galego reclama unha maior implicación como responsable das concesións de servizo público e servizos de transporte escolar que sustentan á gran maioría das empresas.
Mentres, as concesionarias de bus da Xunta en toda Galicia veñen de recibir, segundo revelou en outubro Praza.gal en exclusiva, outros 17 millóns de euros en axudas públicas pola "excepcional situación económica". Ao tempo, e como contou tamén en exclusiva Praza.gal, Monbus e Alsa veñen de ser sancionadas pola Comisión Galega da Competencia con 1,6 millóns de euros de multa e prohibición de contratar coa Xunta durante un ano por repartírense o mercado das liñas regulares.