CIG, UXT e CCOO reclaman mellores condicións laborais para 3.000 traballadores mentres as empresas veñen recibindo sucesivas axudas públicas
Todo o transporte en bus da provincia da Coruña -urbano, interurbano, escolar ou discrecional, con excepción do bus urbano desa cidade, con convenio propio- volveu parar este venres na sétima xornada de folga convocada por CIG, UXT e CCOO en demanda de melloras laborais. Por diante quedan outras dúas xornadas máis de paros, o luns e o venres da vindeira semana, antes de que a folga vire en indefinida a partir do luns 2 de febreiro se segue sen haber avances na negociación coa patronal. [Aquí poden consultarse os servizos mínimos].
Os sindicatos reclaman unha mellora salarial e das condicións laborais para uns 3.000 traballadores, o que segundo argumentan "permitiría a renovación xeracional do sector, que conta cun persoal cunha elevada idade media, e no que as empresas día tras día se queixan da falta de man de obra". Porén, aseguran que ata o momento a patronal só ofreceu unha suba salarial do 1,2%, moi por baixo da inflación, sen melloras nas condicións laborais. Unhas condicións de traballo sen control real de horas ou con dificultades para a conciliación que consideran especialmente malas no caso do persoal acompañante do transporte escolar, que cualifican de "escravitude".
Os sindicatos demandan a implicación da Xunta, responsable das concesións de servizo público e transporte escolar que sustentan á gran maioría das empresas
As xornadas de folga desenvolvidas ata o momento desde o 5 de decembro saldáronse cun notable éxito, mesmo con incumprimento dos servizos mínimos impostos pola Xunta e cualificados como "abusivos" polos sindicatos. Precisamente ao Goberno galego reclama unha maior implicación como responsable das concesións de servizo público e servizos de transporte escolar que sustentan á gran maioría das empresas.
Este venres os piquetes informativos non se limitaron a bloquear as cocheiras das grandes empresas ou concesionarias senón que tamén se desprazaron a empresas de menor tamaño para tentar que a folga teña maior repercusión tamén no transporte escolar.
Mentres, as concesionarias de bus da Xunta en toda Galicia veñen de recibir, segundo revelou en outubro Praza.gal en exclusiva, outros 17 millóns de euros en axudas públicas pola "excepcional situación económica". Ao tempo, e como contou tamén en exclusiva Praza.gal, Monbus e Alsa veñen de ser sancionadas pola Comisión Galega da Competencia con 1,6 millóns de euros de multa e prohibición de contratar coa Xunta durante un ano por repartírense o mercado das liñas regulares.