Competencia multa 21 empresas de Monbus e Alsa con 1,6 millóns e prohibe á Xunta contratalas un ano

Sanción da Comisión Galega da Competencia a 21 empresas de Monbus e Alsa por repartirse o mercado CC-BY-SA Praza Pública

A Comisión Galega da Competencia vén de sancionar 21 empresas dos grupos Monbus e Alsa, incluída a matriz do primeiro, con 1,6 millóns de euros e a prohibición de recibir durante un ano concesións de transporte regular a Xunta por repartirse ilegalmente o mercado en 2020. O Pleno da comisión, controlado polo PP, rebaixa a proposta de sanción formulada hai catro meses polo funcionario que investigou o cártel co que as firmas se repartiron ilegalmente cinco concesións de transporte regular.

O Pleno da Comisión Galega da Competencia, controlado polo PP, rebaixa a proposta de sanción formulada polo investigador do cártel co que as firmas, incluída a Matriz de Monbus, se repartiron ilegalmente cinco concesións de transporte regular

En marzo de 2023 o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) sentenciou que Monbus e Alsa se repartiran ilegalmente o mercado das liñas de bus de transporte regular no concurso público convocado pola Xunta para renovalas en 2020, sentenza que despois foi ratificada polo Tribunal Supremo. A xustiza censurou que a Comisión Galega da Competencia nin investigase o caso malia recibir denuncias ao respecto e obrigouna a abrir un expediente sancionador.

Ese expediente obrigado pola xustiza rematou a súa fase de investigación o pasado setembro coa proposta por parte do investigador do caso, revelada en exclusiva por Praza.gal, de sancionar a 14 empresas do grupo Monbus e 6 do grupo Alsa con multas que sumarían 1,77 millóns de euros. Tamén se propuña a prohibición de participar en calquera concurso público de transporte de pasaxeiros por estrada de calquera administración en Galicia durante un ano.

Competencia, presidida polo popular Ignacio López-Chaves, tivo que abrir o expediente sancionador obrigada pola xustiza despois de que previamente nin investigase as denuncias que recibiu

Esa proposta, xunto coas alegacións formuladas polas empresas, foi avaliada polo Pleno da Comisión Galega da Competencia, que con data deste martes 9 de decembro vén de decidir a sanción final, rebaixada a respecto da proposta do investigador. O Pleno estivo composto polo presidente da comisión, Ignacio López-Chaves, e os vogais María Teresa Cancelo e Daniel Neira Barral, os dous primeiros ex-deputados do PP.

A sanción final varía as multas concretas que recibe cada empresa en función do seu volume de negocio e implicación no amaño dos contratos e fai pasar o monto final de 1,77 millóns a 1,6. Pero se antes eran 20 as empresas sancionadas agora na listaxe final aparece unha máis xa que o pleno considera igualmente responsable á matriz de Monbus, Grupo de Autocares Monbus SL.

O popular Ignacio López-Chaves na súa toma de posesión como presidente da Comisión Galega da Competencia CC-BY-SA Xunta de Galicia

Canto á prohibición de contratar, a proposta do investigador era que se estendese a calquera concurso público de transporte de pasaxeiros por estrada de calquera administración de Galicia durante un ano. Porén, a sanción final redúcea a concursos de transporte público regular de viaxeiros por estrada da Xunta.

A sanción pode agora ser recorrida ante a xustiza ordinaria, o que pode demorar varios anos a súa aplicación, mentres Competencia ten aberta outra investigación por prácticas similares no transporte escolar

En 2023 a sentenza do TSXG que analizou o concurso público da Xunta de 2020 sinalou que "o feito de que Alsa e Monbus concorresen en UTE [unión temporal de empresas] a 5 lotes (entre eles, os 4 de maior importancia económica) e sen concorrer por separado a ningún dos outros 24 lotes, non pode interpretarse, conforme ás regras da lóxica e as pautas da experiencia, como unha 'casualidade' senón que ha de considerarse como unha 'causalidade' dun acordo, previo". Unha actuación que "non está xustificada e responde á conduta, prohibida, de repartirse o mercado", sentenciara o TSXG.

E iso é o que agora conclúe Competencia, sinalando que "existe unha ampla e extensa cantidade de indicios acreditados", "a participación neles das empresas denunciadas é evidente", hai un "nexo causal entre os feitos executados polas empresas e a infracción" e "unha influencia decisiva, dominante e determinante da empresa Grupo Autocares Monbus SL sobre o resto das empresas que forman parte do grupo Monbus".

Prohibición de contratar coa Xunta durante un ano imposta ás empresas de Monbus e Alsa CC-BY-SA Praza Pública

A sanción de Competencia pode agora ser recorrida ante a xustiza ordinaria, o que pode supoñer varios anos de demora ata que os tribunais a confirmen ou corrixan.

Ademais desta investigación, a Comisión Galega da Competencia ten tamén aberta outra similar "por posibles condutas relacionadas con prácticas anticompetitivas" noutro concurso público da Xunta, neste caso o convocado en 2021 pola Consellería de Educación para renovar o transporte escolar. Nesa investigación o acordo de incoación sinala 19 empresas, das que 11 son do grupo Monbus. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.