A Comisión Galega da Competencia, nomeada polo Goberno galego e presidida polo popular López-Chaves, incoou o expediente o pasado luns, e o venres decidiu sancionar tamén a varias construtoras por outro proceso demorado de hai cinco anos
A Comisión Galega da Competencia adoptou o pasado luns, 23 de outubro, o "acordo de incoación de procedemento sancionador contra Alsa Grupo SL e Grupo Monbus" que lle ordenou iniciar a Xustiza tras constatar que as dúas empresas se repartiran ilegalmente o mercado do transporte público por estrada. O inicio do expediente sancionador chega despois de que o Tribunal Supremo veña de facer firme unha sentenza previa do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que certificou ese reparto ilegal do mercado e que censurou que Competencia, dirixida polo popular Ignacio López-Chaves, non practicara "ningunha dilixencia" tras recibir denuncias ao respecto.
Porén, a sanción aínda pode tardar meses e mesmo anos en chegar, como permite comprobar outra resolución da pasada semana sobre outro caso, relativo a varias empresas construtoras e no que pasaron 20 meses entre a incoación do expediente sancionador e a resolución final que agora impón a multa económica.
Hai sete meses que o TSXG constatou o reparto ilegal do mercado entre Monbus e Alsa ao pactar entre elas como concorrer ao concurso público co que a Xunta renovou en 2020 as principais liñas de bus interurbano de Galicia. Nesa sentenza o TSXG ordenou á Comisión Galega da Competencia, nomeada pola Xunta, sancionalas tras comprobar tamén a súa inacción previa ao respecto.
O TSXG censurara que Competencia da Xunta non fixera "ningunha dilixencia" tras unha denuncia contra Monbus e Alsa que resultou ser certa, e despois as empresas acusaron o tribunal de "usurpar" as funcións da Xunta, o que vén de ser desbotado polo Supremo
Porén, tanto o Goberno galego como as empresas recorreron ao Supremo, estas últimas mesmo acusando ao TSXG de "usurpar" unha función da Xunta por ordenar esa sanción en lugar de ordenar só unha nova investigación. Pero o Supremo rexeitou os recursos cun auto asinado o 4 de outubro que fixo firme a sentenza previa.
Ese auto foi avanzado por Praza.gal o pasado 19 de outubro, e só despois, o 23 de outubro, a Comisión Galega da Competencia decidía cumprir a orde xudicial e acordaba incoar o expediente sancionador. Porén, o resultado dese expediente aínda pode tardar meses e mesmo anos en ser efectivo, porque agora as empresas poden alegar e mesmo en última instancia, unha vez feita firme a sentenza na vía administrativa, recorrer novamente á xustiza.
Un exemplo do que pode tardar un expediente tramitado pola Comisión Galega da Competencia é o que agora vén de resolver ese organismo nomeado polo Goberno galego sobre un concurso público de 2018 da Zona Franca de Vigo no que varias empresas presentaran ofertas "idénticas". Tras a denuncia inicial da Zona Franca, Competencia tardou meses e mesmo anos en varios trámites da investigación previa. Non foi ata o 11 de febreiro do ano pasado que acordou incoar expediente sancionador, pero ese expediente non se resolveu definitivamente na vía administrativa ata a pasada semana, 20 meses despois da súa incoación, cando Competencia emitiu a resolución sancionadora.
Un exemplo do que pode tardar un expediente sancionador é o que agora vén de resolver Competencia 20 meses despois de incoalo multando a varias construtoras con 1,2 millóns de euros por presentar ofertas "idénticas" a un concurso da Zona Franca de Vigo
Polo medio as empresas tentaron que Competencia lles perdoase a multa económica a cambio do que se denomina unha "terminación convencional" do expediente, que consiste en que as empresas implicadas fan propósito de emenda e comprometen diversas actuacións para mellorar o seu cumprimento das normas de competencia. Pero neste caso a Comisión Galega da Competencia, instada pola Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC), considerou insuficientes os compromisos e optou pola multa económica. Polo medio, todo tipo de recursos e trámites das empresas implicadas foron demorando a resolución agora feita pública.
Nesa resolución final, que declara "acreditada a existencia dunha conduta prohibida" pola lei de defensa da competencia, sete empresas construtoras, catro delas filiais doutra, son sancionadas cun total de 1,2 millóns de euros e prohibición de contratar coa administración durante varios períodos de tempo.
Ademais, Unión Vantaxe suma unha prohibición de contratar con calquera administración na provincia de Pontevedra durante oito meses e as outras seis empresas a mesma prohibición durante seis meses.
Pero esta resolución sancionadora final da Comisión Galega da Competencia pode ser aínda recorrida na vía xudicial.
As sancións son as seguintes: Civis Global, 203.861,84 euros (0,30% do volume de negocio); OHL, 922.990,94 euros (0,125% do volume de negocio); Avan Integral, 3.885,51 euros (0,375% do volume de negocio), C.D. Indepo, na actualidade Acinser Integral, 13.366,34 euros (0,30% do volume de negocio); Gévora Construcciones, 34.515,71 euros (0,15% do volume de negocio); Hidromiño, na actualidade Luzviprom, 84,66 euros (0,30% do volume de negocio); e Unión Vantaxe, 15.730,77 euros (1,5% do volume de negocio).