Varias empresas que presentaron ofertas "idénticas" a un concurso público aínda non foron sancionadas pola Xunta cinco anos despois

O concurso investigado por Competencia era para urbanizar parte da Plisan, na imaxe © Autoridade Portuaria de Vigo

Tras unha denuncia da Zona Franca de Vigo en xullo de 2018, Competencia da Xunta non requiriu explicacións ás empresas ata máis de dous anos despois e tardou outros 15 meses en incoarlles expediente sancionador, aínda pendente de recursos

O 11 de xullo de 2018 a Zona Franca de Vigo presentou unha denuncia ante os organismos de defensa da competencia por presuntas prácticas prohibidas por parte de varias empresas que se presentaran a un concurso público para urbanizar parte da Plataforma Loxística Industrial de Salvaterra-As Neves (PLISAN), polígono impulsado polo consorcio vigués xunto coa Autoridade Portuaria e a Xunta. As ofertas técnicas que presentaran eran "exactamente idénticas tanto no seu contido como no seu formato, coa única condición dos logotipos identificativos de cada unha das empresas".

Máis de cinco anos despois a Comisión Galega da Competencia, dependente da Xunta e condenada recentemente por non sancionar a Monbus e Alsa por repartirse o mercado dos buses, aínda non logrou sancionar ás construtoras implicadas. Non lles requiriu explicacións ata máis de dous anos despois, tardou outros 15 meses en incoarlles expediente sancionador e o proceso está aínda pendente de recursos.

Unha visita de autoridades ás obras da Plisan en 2016 cando Ignacio López-Chaves, ao fondo, hoxe presidente de Competencia, era delegado da Xunta en Vigo CC-BY-SA Xunta de Galicia

A denuncia inicial formulada por Zona Franca puña o foco en 3 das 18 ofertas presentadas ao concurso: as formuladas por Civis Global en solitario; OHL e Avan Integral (en unión temporal de empresas ou UTE); e Indepo, Gévora Construcciones e Hidromiño (tamén en UTE). O expediente sancionador finalmente incoado acabaría afectando tamén a Unión Vantaxe, matriz de Civis Global, Avan Integral, Indepo e Hidromiño). 

As ofertas que presentaron as empresas ao concurso público eran "exactamente idénticas tanto no seu contido como no seu formato, coa única condición dos logotipos identificativos de cada unha das empresas"

A denuncia de Zona Franca foi formulada ante a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC), que un mes despois de recibila remitiuna á Comisión Galega da Competencia por afectaren os feitos denunciados só a Galicia. Pero a Comisión Galega da Competencia, presidida polo popular Ignacio López-Chaves, non pediu copia do expediente a Zona Franca ata o 20 de xaneiro de 2020, máis dun ano e catro meses despois de recibir a denuncia. O consorcio vigués remitiulle o expediente en dúas semanas, a comezos de febreiro, pero despois non sería ata máis de oito meses máis tarde, o 18 de novembro, que Competencia requiriu explicacóins ás empresas implicadas.

As empresas contestaron a Competencia o 10 de decembro de 2020, pero non sería ata 14 meses máis tarde, o 11 de febreiro de 2022, que o órgano da Xunta acordou incoar expediente sancionador "ao apreciar indicios racionais de prácticas prohibidas".

Parte da evolución do expediente de Competencia ás empresas que presentaron ofertas "idénticas" nun concurso da Zona Franca de Vigo CC-BY-SA Praza Pública

Nese momento, máis de tres anos e medio despois da denuncia inicial, comeza un proceso no que Competencia concreta primeiro os feitos e despois formula unha proposta de resolución, fases nas que as empresas presentan sucesivos recursos. 

Ata que o 30 de xaneiro deste ano unha das empresas, Unión Vantaxe, matriz doutras catro, solicita o que se denomina unha "terminación convencional" do procedemento, un mecanismo que permite ás empresas investigadas por Competencia non seren sancionadas economicamente ou coa prohibición de non contratar coas administracións a cambio de implantar medidas de corrección nos seus funcionamentos internos e compromisos de futuro. O resto de empresas alegaron para matizaren eses compromisos e acabaron uníndose a esa petición de "terminación convencional" do procedemento a cambio de non seren sancionadas. 

Tanto Competencia da Xunta como a estatal CNMC consideran que os compromisos das empresas para evitar seren sancionadas son "non proporcionados e insuficientes"

Porén, a pasada primavera Competencia daba por rematado o proceso de negociación coas empresas para esa "terminación convencional" do expediente ao considerar os seus compromisos "non proporcionados e insuficientes". E aquí comezou un novo proceso de alegacións no que se acusou a Competencia de xerar indefensión ao non aceptar as propostas de emenda das empresas. Unión Vantaxe mesmo alegou que Competencia tiña que aceptar o seu propósito de emenda como tamén aceptara o doutras empresas implicadas nun caso similar noutro concurso público en Lugo no que tamén se presentaran ofertas idénticas.

Toma de posesión de López-Chaves como presidente da Comisión Galega da Competencia en 2019 en presenza de Rueda e o vicepresidente económico Francisco Conde CC-BY-SA Xunta de Galicia

A pasada semana Competencia da Xunta -co aval da comisión estatal que tamén considerou insuficientes os compromisos das empresas- acabou desestimando o recurso de Unión Vantaxe e ratificou a súa decisión de dar por rematada a negociación para perdoar ás empresas as sancións. Retómase así agora o proceso sancionador, pero tanto este como a decisión previa de dar por pechada a negociación coas empresas para perdoalas poden ser aínda recorridos ante a xustiza ordinaria. 

A Comisión Galega da Competencia "non fai declaracións sobre os asuntos que se están a tramitar".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.