231 millóns de euros e 20 anos de trámites: Feijóo pon cifras á desfeita do maior polígono de Galicia

Feijóo este luns visitando as obras da Plisan, entre Salvaterra e As Neves CC-BY-SA Xunta de Galicia

O porto seco de Vigo (Plisan), proxecto lanzado en 2000 por Xunta, Autoridade Portuaria e Zona Franca, comeza este martes a poxa pública de parcelas tras dúas décadas de trámites, obras e sentenzas que evidencian a mala planificación das tres administracións

No ano 2000 Xunta, Autoridade Portuaria e Zona Franca de Vigo lanzaron o proxecto do que, con 4,2 millóns de metros cadrados de superficie, ía ser o segundo maior polígono industrial do Estado: a Plataforma Loxística e Industrial de Salvaterra-As Neves (Plisan), que ía funcionar a xeito de porto seco dos peiraos de Vigo uns 35 quilómetros terra adentro. Dúas décadas despois, as primeiras parcelas do polígono comezan a comercializarse este martes e non serán ocupadas polas empresas interesadas ata comezos do ano próximo. Así o anunciou este luns, nunha visita á zona, Feijóo, que actualizou o custo total do proxecto: 231 millóns de euros.

A historia da Plisan é a dunha xestión desastrosa por parte das administracións implicadas -controladas as tres polo PP durante a maior parte das dúas últimas décadas- ao tempo que o proxecto servía para lanzar promesas en sucesivas convocatorias electorais. Que a xestión foi mala non o din políticos senón maxistrados en diversas sentenzas xudiciais. Que a Plisan serviu aos políticos para xerar expectativas que non se cumpriron compróbase ao lembrar como o propio Feijóo, ao que xa lle tocara xestionar parte do proxecto durante dous anos e medio na súa etapa de conselleiro de Política Territorial con Fraga, chegou hai unha década á presidencia da Xunta co anuncio de que Mitsubishi estudaba instalar alí unha gran fábrica de baterías eléctricas coa que fornecer o mercado europeo, proxecto que un par de anos despois comezou a caer no esquecemento. 

Vista aérea dos terreos da Plisan, entre Salvaterra e As Neves, xunto ao río Miño © Zona Franca de Vigo

A Plisan ía ter 4,2 millóns de metros cadrados pero en 2010 o Supremo suprimiu case un terzo desa superficie, que fora incluída malia ter protección forestal

A Plisan deseñada sobre os planos en 2000, xunto ao río Miño e a liña de tren entre Vigo e Ourense, ía ter 4,2 millóns de metros cadrados de superficie, 420 hectáreas equivalentes a outros tantos campos de fútbol. Pero en 2010 o Tribunal Supremo sentenciou que case un terzo desa superficie non debía ser incluída no proxecto porque tiña protección forestal. Malia que as árbores xa foran arrasadas e todo o espazo era definido naquela época pola oposición no Parlamento de Galicia como “escenario postcatástrofe nuclear” ou “paisaxe lunar”, aquela sentenza obrigou a un novo reparto dos terreos que inicialmente ían corresponder por separado a cada unha das tres administracións implicadas. Pero o seguinte modelo elixido, de propiedade compartida entre as tres, impedía a venta de terreos, restrición legal que afecta ás autoridades portuarias, o que obrigou a novos cambios legais que demoraron a súa comercialización ata o proceso que comeza este martes, no que haberá parcelas de compra-venta e outras só con dereito de superficie.

Sobre as administracións promotoras da Plisan tamén caeron sentenzas condenándoas a incrementar as expropiacións aos anteriores propietarios dos terreos, aos que se indemnizara pola superficie pero non polos dereitos mineiros que perdían cos seus terreos situados nunha zona con tradición de canteiras.

A autovía de acceso á Plisan, parte dela aínda pechada, foi rematada en 2015 pola Xunta, que pola contra non lanzou o concurso da depuradora ata dous anos máis tarde

Os paus xudiciais que foron recibindo as tres administracións implicadas combináronse nestas dúas décadas coa falta de coordinación das infraestruturas necesarias para poñer en marcha a Plisan. A comezos de 2015 a Xunta xa daba por rematada unha autovía de algo máis de 5 quilómetros entre a Autovía das Rías Baixas (A-52) e os terreos do polígono. Pero así como nun extremo non había máis que descampados, no outro Fomento e o Goberno galego non serían quen de finalizar o enlace de conexión coas estradas preexistentes ata finais de 2018.

As présas da autovía, con boa parte do seu traxecto sen uso pero xa deteriorándose durante anos, contrastan con outras infraestruturas imprescindibles. Mentres que o tronco principal da estrada xa estaba rematado en 2015, a Xunta aínda tardaría dous anos máis en lanzar os concursos para construír a depuradora de augas residuais e a planta de tratamento de auga potable necesarias para o polígono. Esas dúas obras foron as visitadas este luns por Feijóo, que asegurou que estarán “finalizadas no primeiro semestre de 2020”, mesmo prazo que deu para que, unha vez rematadas esas infraestruturas, “as empresas que o desexen poidan comezar as obras necesarias para asentarse”. 

Feijóo na visita ás obras da Plisan CC-BY-SA Xunta de Galicia

“Seguimos a dar pasos adiante para que as empresas teñan cada vez máis facilidades para instalarse na comunidade”, salientou Feijóo este luns

O custo das diversas actuacións necesarias para a posta en marcha da Plisan foron repasados este luns pola Xunta. O investimento total, di o Goberno galego, será “superior aos 231 millóns de euros por parte das tres entidades promotoras -Xunta, Autoridade Portuaria e Consorcio da Zona Franca-, dos cales: 97 millóns se investiron en actuacións xa rematadas, como traballos técnicos, adquisición de terreos e obras de movementos de terra e da primeira fase dos sistemas xerais; 20,6 millóns estanse a executar nas obras da Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP), da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) e na urbanización da Zona Loxística Empresarial (LE) da primeira fase, entre outros aspectos, e 88,6 millóns para a execución das restantes actuacións previstas como a urbanización completa e as vías interiores”. Cifras ás que a Xunta engade “case 25 millóns” da autovía de conexión da Plisan. 

Tras eses máis de 231 millóns de euros públicos e 20 anos de tramitación, agora deberán ser as empresas as que digan se a Plisan lles interesa. Desde este martes e durante tres meses poderán presentar as súas ofertas para ocupar un terzo do espazo total que finalmente terá o polígono, uns 900.000 metros cadrados brutos que, descontando as zonas urbanizadas e de servizos, se concretan en 300.000 metros cadrados netos para a instalación de empresas. 

Vinte anos máis tarde, a Plisan xa non se publicita coa vocación coa que naceu de ser un porto seco de Vigo no que facer os movementos loxísticos para os que non había sitio nos peiraos da cidade -de feito a Autoridade Portuaria segue a planificar novos recheos sobre a ría- senón como un polígono industrial con capacidade para ofertar parcelas de gran tamaño. As expectativas da Xunta xa non están postas na xaponesa Mitsubishi e a súa fábrica de baterías de hai unha década senón nun fondo chinés propietario da conserveira viguesa Albo que estaría interesado en levantar alí unha gran factoría alimentaria. Pero dúas décadas despois por onde non pasa o tempo é polo discurso de Feijóo que este luns optaba por lanzar unha mensaxe en positivo como se neste tempo non ocorrese nada: “Seguimos a dar pasos adiante para que as empresas teñan cada vez máis facilidades para instalarse na comunidade”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.