Cando as eleccións pasaron, os elefantes brancos seguían aí

Os 'elefantes brancos' que permanecen en Galicia CC-BY-SA Praza Pública

En Galicia non son poucas as construcións de nova factura cuxa utilidade non semella ir parella co seu custe. Na pasada campaña falouse algo, de xeito colateral, de dúas delas, pero os programas e mitins dos partidos non lles prestaron moita atención.

No debate electoral na CRTVG entre os candidatos á presidencia da Xunta de PP, PSdeG, En Marea, BNG e Ciudadanos do pasado 12 de setembro saíu unha palabra: PLISAN, siglas da Plataforma Loxística Industrial de Salvaterra-As Neves, proxecto iniciado a principios da pasada década que segue a ser unha gran explanada sen unha soa empresa instalada. Dez días despois, tres xornadas antes das eleccións, a Unión Europea salientaba a infrautilización do Porto Exterior da Coruña no marco dun informe sobre infraestruturas portuarias de todo o continente financiadas con fondos comunitarios. E dúas semanas despois das eleccións, este xoves Faro de Vigo revelaba que a concesionaria do novo Auditorio de Vigo vén de entrar en preconcurso de acredores porque o edificio non é rendible.

Como estes tres casos, en Galicia non son poucos os elefantes brancos, esas construcións xeralmente públicas cuxa utilidade non semella ir parella co seu custe e que tiran o nome dos paquidermos albinos que recibían como regalo os reis de Tailandia. Os elefantes brancos eran raros, e polo tanto prezados, pero o seu mantemento era moi custoso e a súa utilidade real descoñecida. En Galicia, máis alá de casos puntuais, non sempre concitan dos políticos o mesmo interese que puxeran no seu momento para decidir a súa construción, como vén de comprobarse na pasada campaña autonómica, na que o seu futuro apenas formou parte do debate público. Superados os comicios, os elefantes brancos de Galicia seguen aí. Repasamos algúns dos máis significativos.

Cidade da Cultura

Cando Manuel Fraga a planificou ía custar 110 millóns de euros, pero o custo do hoxe construído aproxímase aos 300 millóns de euros, malia cancelarse o remate dos dous últimos edificios que terían elevado a factura final a preto de 500 millóns. O mantemento anual do agora en funcionamento ronda os 5 millóns de euros, ademais do que supoñen as exposicións e actividades que alí se desenvolven. En 2012, para tentar facer máis rendible o complexo, a Xunta puxo en marcha un plan estratéxico de cuxo nivel de cumprimento nunca fixo balance.

Plataforma Loxística Industrial de Salvaterra-As Neves (PLISAN)

Máis de 120 millóns de euros despois, non hai unha soa empresa instalada, pero si chega ata alí unha autovía de 22 millóns

Impulsada a principios da pasada década polo Porto de Vigo, a Zona Franca e a Xunta, o seu obxectivo era solucionar os problemas de espazo cos que se atopaban as empresas vinculadas á actividade portuaria en Vigo. Os máis de catro millóns de metros cadrados iniciais foron reducidos a tres logo dunha sentenza que anulou a pretensión da Xunta incluír nela terreos con protección forestal. Máis de 120 millóns de euros despois, aínda non hai nin unha soa empresa instalada no que segue a ser unha inmensa explanada baleira á que, porén, desde principios de 2015 xa chega unha autovía de 22 millóns de euros que a enlaza coa A-52. A PLISAN é o exemplo paradigmático e de maior tamaño de algo que se repetiu, por exemplo, cos numerosos polígonos empresariais impulsados en toda Galicia logo da catástrofe do Prestige ou co Porto Seco de Monforte, outro dos proxectos loxísticos que non acaba de arrancar.

Portos exteriores da Coruña e Ferrol

Tres días antes das eleccións autonómicas o Tribunal de Contas europeo facía público un informe sobre os investimentos realizados en 37 infraestruturas portuarias de toda Europa e a infrautilización de moitas delas. O caso peor parado era o do Porto Exterior da Coruña, impulsado logo da catástrofe do Prestige e cun custo de 590 millons de euros, dos que 257,5 chegaron de fondos comunitarios. Segundo o Tribunal de Contas, en 2015 a actividade do porto atopábase no 10% do previsto polo que cualificaba de ineficaz o 95% do investimento europeo. Contas tamén indicaba que o Porto Exterior de Ferrol, cun custo de 110,9 millóns, traballa ao 25% do previsto. E en ambos casos aínda están por executarse, e pagarse, as súas conexións ferroviarias.

Estacións de AVE de Vigo e Padrón

A crise fixo que Adif non atopase quen constrúa a zona comercial da estación viguesa; mentres, a metade dos servizos seguen indo a un apeadeiro provisional

A chegada do AVE do Eixo Atlántico a Vigo desde Redondela sempre se planificou soterrada baixo o monte da Madroa, así que ninguén puxo problemas por alongar ese túnel e que chegase ao centro da cidade evitando así un novo impacto urbano. Porén, iso fixo que houbera que construír unha nova estación soterrada, xa rematada, en cuxa superficie se planificou un complexo comercial deseñado por Thom Mayne e impulsado pola iniciativa privada. A crise fixo que Adif non atopase aínda quen o constrúa, nin logo de rebaixar a súa ambición e custo de 180 a 80 millóns de euros. Ademais, para facer a nova estación subterránea houbo que desviar todo o tráfico ferroviario a un apeadeiro provisional no porto que ao rematarse a obra seguiu mantendo a metade dos servizos. Vigo agarda así a que alguén complete e reordene as súas dúas medias estacións de tren.

Algo máis ao norte o problema chámase Padrón-Barbanza, pero non está en ningún dos dous sitios senón nun campo en metade da nada. Na nova estación construída para o AVE do Eixo Atlántico, moi pouco empregada, paran menos trens que na vella, que sigue en funcionamento no centro da vila. Para aforrar, Adif nin sequera a mantén aberta de xeito permanente. Só a abre cando vai chegar algún tren. Descoñécese o seu custo porque a súa construción foi incluída conxuntamente coa do treito na que se atopa, de 8,6 quilómetros e 82 millóns de euros.

Estacións de autobús da Guarda e Celanova

Sen chegar ao extremo da de Padrón, estas dúas estacións, de medio millón de euros cada unha, construíronse hai máis dunha década afastadas do centro de amba as dúas vilas e ligada a súa explotación a cafeterías que ninguén atopa rendibles. Non lembran o que é que un autobús pare nelas.

Auditorios de Vigo e Lugo

A concesionaria do auditorio vigués vén de entrar en concurso de acredores e o novo complexo lucense atópase no medio dunha disputa polo seu equipamento

Inaugurado en 2011, o Auditorio de Vigo non é rendible logo dun investimento de 90 millóns de euros. Desa cantidade, o Concello puxo 12, a Xunta 18 e o resto unha concesionaria a cambio de explotar o complexo durante 35 anos. O Concello xa tivo que prorrogar ese prazo ata 60 anos e implantar diversas medidas de apoio para tratar de encher de contido o edificio, pero nin así é rendible e este xoves Faro de Vigo avanzou que a concesionaria vén de pedir o preconcurso de acredores. En Lugo, para reparar o feito de que era a única cidade sen un gran auditorio público, a Xunta investiu uns 20 millóns de euros entre edificio e instalacións logo dunha longa (máis dunha década) e conflitiva tramitación, con cambio de lugar incluído. Inaugurado o pasado 20 de abril, xa ten humidades, Concello e Xunta discrepan sobre quen debe asumir o custo do equipamento e, polo tanto, de momento non hai programación cultural para enchelo.

Sedes culturais das antigas caixas en Santiago

Se xa é difícil atopar programación para dotar de contido un gran centro cultural en Lugo, en Santiago a cousa multiplícase por tres. Os tres edificios emblemáticos que as caixas converteron en espazos para as súas obras sociais, a poucos metros uns dos outros, nas rúas do Vilar e do Preguntoiro e na praza de Cervantes, teñen espazos e funcións que se solapan. Á vista do que custou o rescate do que quedou das caixas, merecen ser incluídos na lista de edificios públicos infrautilizados.

Centro de Interpretación de Parques Naturais de Ourense

Goberno central, Xunta e Concello levan catro anos a ollar como o Centro de Interpretación de Parques Naturais é invadido pola natureza. Un mal proxecto situouno en terreo inundable.

Goberno central, Xunta e Concello levan catro anos mirando como o Centro de Interpretación de Parques Naturais é invadido pola natureza logo de pararse as obras por un mal proxecto que o situou en terreo inundable xunto ao Miño. Á espera do desbloqueo, nel investíronse xa máis de dous millóns dos sete en que se presupostou.

Cemiterios de Ames e Fisterra

Hai tres lustros que se rematou o cemiterio que César Portela deseñou para a fin do mundo. Eloxiado como obra arquitectónica, durante todo este tempo o concello non foi quen de dotalo dos servizos e permisos necesarios para que funcione co destino para o que foi proxectado. O camposanto de Ames, con preto de dúas mil sepulturas, rematouse en 2010 e, como o de Fisterra, segue sen contar co seu primeiro usuario, no seu caso por defectos na construción pendentes de repararse.

Parques de bombeiros de Santiago e o Carballiño

As obras do parque de Santiago pararon a medio camiño hai unha década, cando xa se investiran nelas case 2 millóns de euros

O de Carballiño debería estar rematado desde 2011 cun custo de dous millóns de euros, pero enfrontamentos entre concellos e xunta pola súa xestión futura impiden poñelo en funcionamento. As obras do de Santiago, en Salgueiriños, paráronse á metade hai unha década, logo de investirse nelas preto de dous millóns de euros, e aínda agora estase a buscar o xeito de retomalas para destinalo a parque local ou comarcal.

Autovías da Costa da Morte e do Cantábrico

Nos oito anos que a Xunta tardou en construír a Autovía da Costa da Morte tivo que ir preparando o rescate público do resto de autovías de peaxe na sombra de Galicia porque as concesionarias non están a obter os beneficios que desexan ao ser o seu tráfico inferior ao previsto. Iso non evitou que se rematase esta nova autovía, con menos expectativas de tráfico aínda que as anteriores, e pola que a Xunta terá que pagar 630 millóns de euros ata 2018 en conceptos de xuros e mantemento malia que a súa execución material supuxo tan só 200 millóns. Outro exemplo de custosa infraestrutura infrautilizada é a Autovía do Cantábrico (A-8), pero neste caso porque non se tivo en conta que a néboa obrigaría a mantela pechada un bo número de horas ao ano ao seu paso polo alto do Fiouco. Fomento aínda busca unha solución.

Ademais, xunto con estes elefantes brancos, obras novas de custo significativo pero infrautilizadas, por toda Galicia hai moitas outras construcións de diversa antigüidade  e aínda dentro da súa vida útil que quedaron sen contido polo traslado da súa antiga función a unhas novas instalacións. É o caso dos hospitais xerais de Vigo e Lugo, grandes edificios nos centros das dúas cidades para os que aínda agora, tempo despois de que quedasen baleiros pola apertura dos novos hospitais nas aforas, as administracións buscan algunha utilidade (albergar todos os xulgados da cidade, no caso vigués, e unha comisaría en parte do edificio lucense). A terminal vella do aeroporto de Lavacolla, que estaba plenamente operativa cando foi substituída en setembro de 2011 por unha nova xusto ao lado, é outro deses grandes edificios públicos en bo estado pero agora sen uso. Todos seguén aí, á espera dunha solución.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.