O PP corrixe á Xunta e reduce a 100 metros a prohibición de publicidade de alcol arredor de colexios

Feijóo e Rueda na Festa do Albariño CC-BY-SA Xunta de Galicia

Como xa fixeron con outras normas restritivas do alcol, os populares emendan á baixa o proxecto da lei contra adicións prometida por Feijóo en 2021 e aínda a tramitación no Parlamento

En abril de 2021 o daquela presidente Feijóo anunciou unha lei de prevención das adiccións en menores coa que restrinxir a publicidade de bebidas alcólicas ou a venda a menores de bebidas enerxéticas. O Goberno galego non foi quen de remitir o texto legal ao Parlamento ata este mes de setembro, e agora o PP vén de corrixilo á baixa coas súas emendas na Cámara. 

Se a Xunta establecía unha prohibición de 200 metros arredor de colexios e outros centros de menores para a publicidade de bebidas alcólicas e enerxéticas, agora os populares reducen a prohibición á metade, 100 metros. Unha emenda similar a outras medidas tomadas no pasado que limitaron o alcance de normas de control do alcol.

Latas de bebidas enerxéticas de diferentes marcas CC-BY-SA Daniel Juřena

O proxecto de lei de protección da saúde das persoas menores e prevención das condutas adictivas enviado pola Xunta ao Parlamento en setembro establecía nos seus artigos 20 e 35 restricións para a publicidade respectivamente de bebidas alcólicas e enerxéticas. Neses artigos prohibíase a publicidade en centros sanitarios, docentes, de ocio ou espectáculos infantís, de acollida de menores ou "na vía pública nunha área de 200 metros ao redor dos centros docentes" e de protección de menores. 

Porén, o PP presentou dúas emendas contra o texto da Xunta, as dúas dirixidas a reducir neses artigos 20 e 35 de 200 a 100 metros a restrición de publicidade de alcol e bebidas enerxéticas. Mudanzas para as que non achega ningunha exposición de motivos.

A Xunta xa contemplaba excepcións á prohibición de publicidade de bebidas e vai permitila nas festas de interese turístico aínda que chegue a menores

O texto orixinal da Xunta xa contemplaba excepcións ás restricións xerais de publicidade alcol. Entre outras, permitía, e segue permitindo despois das emendas do PP, publicidade de bebidas alcólicas nas festas de interese turístico, 170 repartidas por toda Galicia (na actualidade segundo a Xunta son 15 internacionais, 14 estatais e 141 de interese galego).

Emenda do PP reducindo a 100 metros a prohibición de publicidade arredor dos centros educativos e de menores CC-BY-SA Praza Pública

Igual que agora unha emenda do PP rebaixa unha restrición prevista pola Xunta para as bebidas alcólicas, xa en 2021 os populares limitaron coas súas emendas o alcance nese mesmo eido da reforma da Lei de Saúde de Galicia que daquela tamén impulsaba o Goberno galego. A Xunta quería ampliar as "prohibicións, limitacións e estratexias de prevención do consumo de bebidas alcólicas para avanzar na desnormalización do seu consumo en todos os ámbitos". Pero o PP presentou emendas para que esas medidas sanitarias se dirixisen só á "desnormalización do seu consumo polas persoas menores de idade".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.