Nas súas auto emendas os populares non atenden a advertencia da Xunta de que a súa proposición de lei pode deixar sen axudas a vítimas de violencia machista e manteñen a súa redacción nese punto
Hai pouco máis dun mes o PP pretendía reformar a Lei de Saúde de Galicia para que a Xunta puidese, entre outras cuestións, “establecer prohibicións, limitacións e estratexias de prevención do consumo de bebidas alcólicas para avanzar na desnormalización do seu consumo en todos os ámbitos”. Un mes despois de rexistrar no Parlamento unha proposición de lei con esa redacción, agora os populares veñen de presentar unha emenda contra si mesmos coa que queren que esas medidas sanitarias xa só se dirixan ás persoas menores de idade e non a toda a poboación.
Nas correccións ao seu propio texto, pola contra, os populares non atenden a advertencia que lanzou a Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de que a súa reforma sanitaria pode deixar sen axudas a vítimas de violencia machista e manteñen a súa redacción nese punto.
Os populares querían ampliar a lista de "actividades, centros e bens" sobre os que a lei permite actuar ás autoridades sanitarias pero agora limitan o alcance das posibles medidas en cuestión de bebidas alcólicas
A reforma da Lei 8/2008 de saúde de Galicia, impulsada polo grupo parlamentario do PP e non pola Xunta como adoita suceder, é defendida polos populares como necesaria para facer fronte ás pandemias como a do coronavirus. O texto fai fincapé nas sancións e, entre outras cuestións, modifica o artigo 34 da lei actual no que se establecen “as intervencións públicas que poderán exercer as autoridades sanitarias competentes sobre as actividades públicas e privadas que, directa ou indirectamente, poidan ter consecuencias para a saúde”.
Ese listado de “actividades, centros e bens” sobre os que a lei permite actuar ás autoridades sanitarias tiña ata agora 14 puntos cos que se autorizaba á Xunta a realizar inspeccións, rexistrar o persoal sanitario ou establecer autorizacións sanitarias para determinadas actividades, e a reforma proposta polo PP propuña hai un mes introducir un punto 15 con esta redacción: “Establecer prohibicións, limitacións e estratexias de prevención do consumo de bebidas alcohólicas para avanzar na desnormalización do seu consumo en todos os ámbitos, especialmente polas persoas menores de idade. Con esta finalidade, e por disposición directa desta lei, queda prohibido o consumo en grupo de bebidas alcohólicas na vía pública, parques e prazas públicas, e noutros lugares de tránsito público”.
Pero o 29 de decembro, no trámite de emendas dos grupos parlamentarios, ademais das que presentaron BNG e PSdeG tamén o PP rexistrou correccións ao seu propio texto, entre elas a de suprimir del as palabras “en todos os ámbitos, especialmente”. Dese xeito, o novo texto só permitirá medidas sanitarias contra o alcol “para avanzar na desnormalización do seu consumo polas persoas menores de idade”, deixando fóra ao resto da poboación e ámbitos de consumo.
Fronte á corrección do PP ao seu propio texto, o PSdeG propón non incluír na lei de saúde ese punto 15 mentres que o BNG propón unha redacción que, ao contrario, amplíe o seu ámbito de actuación cunha redacción que permite á Xunta “establecer estratexias de prevención, limitación e prohibición do consumo de substancias aditivas”, sen restrinxir estas ao alcol.
Por outra banda, fronte á corrección do seu propio texto en materia de bebidas alcólicas que introduce o PP, os populares non atenden a advertencia que lanzou sobre a súa proposición de lei a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta. No seu informe preceptivo sobre todas as leis que se tramitan no Parlamento, ese departamento do Goberno galego alertou de que as sancións que os populares prevén na norma pode deixar sen axudas a vítimas de violencia machista, xa que as infraccións sanitarias moi graves contemplarán como sanción accesoria “a prohibición de percibir calquera tipo de axudas”.
As infraccións sanitarias moi graves contemplan como sanción accesoria “a prohibición de percibir calquera tipo de axudas” e a Secretaría Xeral da Igualdade sinalou as “consecuencias que a aplicación práctica desta previsión pode ter” para vítimas de agresións machistas
Ante esa redacción, o departamento da Xunta que dirixe a popular Susana López Abella sinalou as “consecuencias que a aplicación práctica desta previsión pode ter” para vítimas de agresións machistas xa que “é posible que se a unha persoa se lle impón como sanción accesoria a prohibición de percibir calquera tipo de axudas ou subvencións e con posterioridade á imposición da sanción adquire a condición de vítima de violencia de xénero, esta persoa poida verse privada da posibilidade de optar ás axudas para as vítimas de violencia de xénero, algunhas das cales teñen por finalidade facilitarlle á vítima unha independencia económica ou un recurso habitacional que lle permita por fin á súa relación co agresor e rachar coa situación de violencia que está a sufrir, garantindo tamén a súa seguridade”.
Malia esa advertencia da Xunta, os populares non introducen ningunha corrección ao respecto nas súas emendas e manteñen o texto orixinal que pon en risco esas axudas.