Da vacina obrigada ás multas por saltar a corentena: as claves da reforma sanitaria que o PP tramita de urxencia no Parlamento

Probas PCR no cribado da COVID-19 do Sergas en Ribeira CC-BY-SA Sergas

O Parlamento iniciará xa a vindeira semana, co debate de totalidade en pleno, a tramitación da proposición de lei para a modificación da Lei de Saúde. Unha iniciativa impulsada polo grupo do PP, que será tramitada por vía urxente --saltando así, por exemplo, a avaliación do Consello Consultivo-- e que suporá non só consolidar legalmente e garantir a seguridade xurídica de actuacións derivadas da pandemia xa vixentes en Galicia, senón incorporar novas medidas sancionadoras e restritivas que xa non terían que pasar polo referendo continuo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) en ausencia de estado de alarma. 

A proposición de lei para a modificación da Lei de Saúde é tramitada de maneira urxente polo PP; o Parlamento inicia a vindeira semana o seu debate

A maioría absoluta do PP na Cámara asegura a aprobación axiña desta modificación dunha lei que xa fora moi criticada e que para os populares "facilita as intervencións sanitarias nos casos de pandemia, pon límites e garantías a estas actuacións e define as condutas que serán obxecto de infracción en situacións de crise sanitaria".

Criticada por asociacións en defensa da sanidade pública e pola oposición, que dubida mesmo da súa constitucionalidade, o texto da proposición de lei, nas súas 53 páxinas, cita 79 veces a palabra "sanción", "sancionadora" ou "sancionador" e en máis dun cento advirte de "infraccións". Blinda por lei a súa facultade para ditar confinamentos ou peches, pretende a obrigatoriedade de vacinación e fixa multas dun mínimo de 100 euros por non levar máscara e de ata 600.000 no caso dunha falta considerada moi grave. Pero hai moito máis: 

Restos dun botellón CC-BY metrocentric

A fin do botellón en Galicia

A proposición de modificación de lei engade un novo punto 15 ao artigo 34 no que establece "prohibicións, limitacións e estratexias de prevención do consumo de bebidas alcohólicas para avanzar na desnormalización do seu consumo en todos os ámbitos, especialmente polas persoas menores de idade". E indica que "queda prohibido o consumo en grupo de bebidas alcohólicas na vía pública, parques e prazas públicas, e noutros lugares de tránsito público". 

"O botellón en Galicia acabouse", asegurara o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cando avanzou a intención do seu grupo de presentar a proposta para esta nova Lei de Saúde. 

A nova Lei de Saúde prohibirá especificamente "o consumo en grupo de bebidas alcohólicas" en lugares públicos

"Prestación de servizos persoais"

No artigo 38, a prosición prevé a aplicación de "medidas preventivas en materia de saúde pública" e "de obrigado cumprimento" cando "exista ou se sospeite razoablemente a existencia dun risco inminente e grave para a saúde da poboación". Entre elas, a incautación de produtos, o peche de empresas, suspensión ou limitacións de actividades, intervención de centros de servizos sociais ou a obriga de subministrar os datos necesarios "que permitan a identificación de persoas procedentes de lugares ou asistentes a actividades ou establecementos que presenten un risco de transmisión de enfermidades infectocontaxiosas". 

Pero tamén advirte da posibilidade de "ordenarlles aos cidadáns a prestación de servizos persoais, de acción ou omisión, sempre de forma proporcionada á situación de necesidade". 

Illamentos, corentenas e vacinacións

Nese mesmo artigo 38, a proposta do grupo do PP inclúe a posibilidade de adoptar medidas para o "control" das persoas enfermas e ditar o "illamento en domicilio, o internamento en centro hospitalario ou o illamento ou internamento noutro lugar adecuado para tal fin". E establece tamén o "sometemento das persoas enfermas a tratamento adecuado". 

Ademais, dá capacidade á Administración para o control "das persoas que estean ou estivesen en contacto coas persoas enfermas" mediante corentenas, o sometemento a "observación ou a medidas de vixilancia do estado de saúde, a exame médico ou a probas diagnósticas de persoas que presenten síntomas compatibles coa enfermidade transmisible" e mesmo a "medidas profilácticas de prevención da enfermidade, incluída a vacinación ou inmunización". 

Control da Garda Civil tras as restricións de mobilidade pola COVID © Delegación do Goberno en Galicia

Restricións de mobilidade e cribados masivos

Alén desas medidas, tamén establece outras para o "control do contorno inmediato dos enfermos ou das persoas que estean ou estivesen en contacto con eles, así como das zonas afectadas". Entre elas, restricións de circulación e mobilidade ou de agrupacións de persoas, controis de saídas e entradas e cribados masivos en "sectores ou grupos da poboación particularmente afectados ou vulnerables". 

A Xunta pretende brindar por lei a súa facultade para ditar confinamentos, peches perimetrais ou cribados masivos

Intervención en residencias

Algunhas das propostas incluídas polo PP supoñen tamén unha emenda á súa actuación e unha asunción de demandas que, por exemplo, persoal e usuarios das residencias de maiores levan meses facendo, a última no propio Parlamento durante a comisión que aborda a reconstrución tras a pandemia

Así, no texto para a modificación da Lei de Saúde, establécese que "en casos de risco inminente e grave para a saúde da poboación", a autoridade sanitaria autonómica competente podería "intervir os centros de servizos sociais de carácter residencial de persoas maiores, persoas con discapacidade ou outros centros de servizos sociais de análoga natureza, de carácter público ou privado". E unha vez intervidos, levar a cabo unha serie de actuacións. 

Entre elas, o control sanitario das persoas, o seu traslado, a modificación da capacidade ou organización dos centros, supervisar as actuacións sanitarias e coordinalas a través dun empregado público, apoiar a residencia con máis persoal ou tornar estes espazos noutros de "uso sanitario". 

O uso de novas tecnoloxías

A proposición de lei prevé a "protección da saúde pública a través das novas tecnoloxías" a través do desenvolvemento de "sistemas de información e aplicacións para dispositivos móbiles" como medidas complementarias para a xestión de crises sanitarias como a do coronavirus. O obxectivo é a recepción de información ou alertas, xeolocalización, determinación do nivel de risco transmisor ou de contacto. Todo, segundo o documento, "con respecto á normativa vixente en materia de protección de datos e confidencialidade das comunicacións". 

A nova lei considera infracción leve, sancionada con ata 3.000 euros, a negativa a pasar PCR, saltar un confinamento perimetral ou incumprir horarios nos locais

Múltiples sancións e obriga de vacinarse

A nova Lei de Saúde que propón o PP establece unha morea de infraccións (leves, graves e moi graves) para as que se establecen sancións desde 100 euros e ata os 600.000. 

Entre as infraccións que considera leves, o texto inclúe o incumprimento da obrigatoriedade do uso de máscara ou da prohibición de consumir bebidas alcohólicas na vía pública. Tamén a negativa a pasar probas, como as PCR, ou non cumprir coas restricións de mobilidade ou de limitación de agrupación de persoas, así como a participación en festas e reunións vetadas. Tamén serán sancionados aqueles que non garden as medidas de hixiente esixidas en locais ou lugares de traballo ou os que incumpran co horario de apertura ou peche de establecementos, ademais de aqueles que non elaboren os protocolos requiridos. 

Vacinación contra a gripe nunha residencia de maiores CC-BY-SA Xunta

Pero ademais, a proposta lexislativa inclúe considerar unha infracción leve a "negativa inxustificada ao sometemento a medidas de prevención, consistentes na vacinación ou inmunización prescritas polas autoridades sanitarias". Xa que logo, o PP --e en consecuencia inmediata a Xunta-- pretende facer obrigatoria a vacinación, unha medida que xa solicitara o Goberno galego ao Executivo central no seu proxecto de reforma da Lei Orgánica de Saúde. Unha proposta que, como deixou claro o ministro de Sanidade, Salvador Illa. non sairá adiante en ningún caso. "Podería ser mesmo producente", advertiu sobre unhas intencións de Feijóo que semellan máis globos sonda que medidas factibles.

A proposta pretende facer obrigatoria a vacinación, unha iniciativa que xa foi rexeitada polo Goberno central pero que o PP insiste en impulsar

Ata 600.000 euros por saltar o illamento ou corentena

As multas para infraccións leves poden chegar ata os 3.000 euros, mentres que nas graves elevaríanse ata un máximo de 60.000. Nestas últimas inclúense a denegación de auxilio ou colaboración coas autoridades sanitarias, o incumprimento das instrucións recibidas como de illamento ou corentena, a resistencia fronte a estas autoridades ou forzas e corpos de seguridade, así como non comunicar unha doenza contaxiosa e achegar datos falsos ou negarse a facilitalos. Tamén se inclúe neste grupo a apertura de locais pechados polas condicións sanitarias ou a organización de eventos prohibidos, así como a reincidencia en faltas leves no último ano. 

En canto ás infraccións graves, a multa pode chegar aos 600.000 euros no caso de incumprir coa normativa sanitaria, medidas preventivas ou de restricións, illamento ou corentena de forma reiterada ou "cando se produza un risco ou un dano moi grave para a saúde da poboación". 

Ademais, e no caso de se cometer unha infracción grave, poderíase impoñer tamén a prohibición de percibir axudas ou subvencións por parte da Xunta ou concellos galegos ou o peche temporal de establecementos ou servizos ata cinco anos. "Co fin de evitar que a comisión de infraccións resulte máis beneficiosa para a persoa que comete a infracción que o cumprimento das normas infrinxidas, a contía máxima das sancións de multa (...) poderase incrementar ata acadar o importe do beneficio ilícito obtido coa comisión da infracción de que se trate", aclara a proposición do PP. 

Boa parte das sancións serían incoadas polos concellos, aínda que a Xunta podería actuar se a administración local non actuou antes. 

Parque infantil pechado durante o confinamento, nunha cidade galega © Concello da Coruña

Críticas da oposición: "Veremos se é constitucional"

Desde o BNG, a súa portavoz nacional, Ana Pontón, pediu a Feijóo que retire unha lei "centrada en vixiar, multar e impoñer a vacinación obrigatoria á cidadanía". “Estalle dicindo aos galegos e galegas que a súa prioridade contra a COVID non é mellorar a sanidade senón sancionalos porque incumpren?", preguntou a líder nacionalista ao presidente da Xunta no último debate parlamentario sobre o tema tras propoñer 100 millóns de euros adicionais "para a Atención Primaria, máis rastrexadores, cribado xeral nos concellos confinados e un plan de vacinación". 

No mesmo debate, o portavoz parlamentario de Sanidade do PSdeG, Julio Torrado, alertaba do “galimatías normativo” que ten provocado a Xunta na xestión da pandemia que, engadira, "agudizarán" coa reforma da Lei de Saúde, coa que “queren facer un estado de alarma encuberto, sistemático e autoritario". "E veremos se constitucional”, advertía. 

Pola súa banda, a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) acusa o PP de utilizar a figura de proposición de lei "como PP, en lugar de como goberno da Xunta, para evitar o informe preceptivo dos servizos xurídicos, sobre a legalidade, o acerto e a oportunidade do anteproxecto elaborado". Ademais, cualifica a iniciativa de "innecesaria e redundante" e "de claro márketing". 

“O PP quere facer un estado de alarma encuberto, sistemático e autoritario, e veremos se constitucional”

"Supón a aplicación da doutrina do shock, utilizando a situación de alarma ou temor social para introducir medidas que  limitan dereitos e liberdades que noutras circunstancias non sería aceptadas pola maioría da poboación", insiste a AGDSP, que denuncia a proposta de realización de probas diagnósticas "de natureza invasiva".

Ademais, advirten da creación "dun amplo abano de autoridades sanitarias, incluíndo ás forzas de orden pública, con capacidade de intervir en temas sensibles para as liberdades e dereitos" ou o risco de "controlar a vida e actividade das persoas" a través das empresas de novas tecnoloxías. Por último, a asociación considera "obscena" a contía das sancións establecidas e critica que "non contemple actuacións claras e contundentes para intervir sobre o principal determinante da mortalidade: a falta de recursos e mala situación de persoas confinadas nas residencias de maiores privadas".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.