O decreto de convocatoria das eleccións galegas para o vindeiro 5 de abril deixou disolto esta semana o Parlamento da décima lexislatura autonómica. O lexislativo galego pechou o seu traballo no terceiro mandato de Alberto Núñez Feijóo na Presidencia do Goberno galego cun total de 22 novas leis aprobadas, o número máis baixo da historia da autonomía e dez menos da que ata agora fora a lexislatura lexislativamente menos produtiva, a quinta (1997-2001), na que o PP de Manuel Fraga gozaba dunha maioría absoluta de 42 escanos, un máis que os que tivo o partido nestes últimos catro anos.
Tras rexistrar o menor ritmo anual de aprobación de leis en vinte anos, o mandato remata cun total de 22 novas normas, incluíndo orzamentos, o volume lexislativo máis escaso das dez lexislaturas da historia da autonomía
En termos estritamente cuantitativos, o ritmo de aprobación de leis no Parlamento galego foi nesta décima lexislatura o máis baixo en vinte anos, cunha media de sete normas ao ano contando orzamentos e leis de acompañamento. Excluíndo do cómputo as contas anuais e as devanditas leis coas que o Executivo do PP adoita acompañalas, o cómputo sería aínda máis pobre: 14 leis en catro anos. Paradigma deste escaso ritmo lexislativo foi o ano 2018, con só tres leis aprobadas, incluíndo orzamentos e lei de acompañamento. Casualmente, tanto nese ano como en 2019 o Parlamento galego empatou en número de leis aprobadas co Parlamento de Catalunya, sinalado frecuentemente polo PP como emblema da parálise.
Quedan sen rematar trámite parlamentario a lei de impulso demográfico, remitida á Cámara apenas dúas semanas antes do adianto electoral, e tamén as de museos, pesca continental, residuos e ordenación do territorio
O anticipo electoral provoca que, en termos lexislativos, queden en branco os meses finais do mandato e, deste xeito, fiquen sen aprobar algúns das normas que foran presentadas como proxectos estrela do actual Goberno. É o caso da lei de impulso demográfico, que o actual presidente da Xunta defendeu como emblema dunha aposta por facer de Galicia o "mellor lugar" para ter fillas e fillos. O Executivo remitiu ao Parlamento o proxecto desta lei a finais de xaneiro, apenas dúas semanas antes da convocatoria electoral, e fíxoo entre críticas do Consello Económico e Social pola súa escasa concreción.
A disolución do Parlamento provoca que decaia a tramitación da lei de impulso demográfico e o mesmo sucede con outras catro normas remitidas á Cámara nos últimos meses. Tampouco finalizarán o seu percorrido a lei de museos, a de pesca continental, a lei de residuos nin a nova lei de ordenación do territorio. Tras o anuncio do anticipo dos comicios, Feijóo sinalou que lle gustaría poder retomalas no caso de recuncar na Presidencia.
Unha ducia de leis prometidas non viron a luz
O propio Goberno do PP admitía a comezos de 2019 un notable atraso a respecto das súas propias previsións lexislativas. Facíao despois dun 2018 no que non deu aprobado 10 das 12 leis que anunciara para 2018 no plan anual normativo, un documento de planificación ao que obrigara o Goberno de Rajoy e que deixou de ser obrigatorio por sentenza do Tribunal Constitucional, razón pola cal en 2019 a Xunta xa non o publicou.
Arredor dunha ducia de leis incluídas no programa do PP non chegaron a ser aprobadas, cando menos 8 delas nin sequera comezaron a súa tramitación
En ausencia de plan anual normativo, un bo guieiro das leis previstas ou, cando menos prometidas polos populares para o que foi o seu terceiro mandato consecutivo con maioría absoluta é o programa electoral co que concorreron aos comicios de hai case catro anos. Arredor dunha ducia da leis prometidas no programa dos de Feijóo non chegaron a ser aprobadas e cando menos oito delas nin sequera chegaron a comezar a súa tramitación. Neste segundo caso atópanse as prometidas leis de emprego, de emprendemento, de agricultura, de acuicultura, do Panteón de Galegos Ilustres, de Emerxencias, do Consello Escolar, de Mobilidade e de Mediación Familiar.
Tamén estaban incluídas no programa do PP algunhas das leis cuxa tramitación ficou interrompida polo anticipo electoral, caso das de museos, xogo, pesca continental ou a devandita lei de impulso demográfico. Si foi aprobada a lei de administración dixital que os conservadores levaron no seu programa e tamén saíron adiante a lei de patrimonio natural e a lei de rehabilitación, que Feijóo anunciara explicitamente no seu discurso de investidura.
Case 60 leis reformadas pola vía rápida
A escaseza de leis coa que remata a décima lexislatura galega contrasta co abondoso número de reformas de normas previas que o Goberno galego do PP sacou adiante a través das controvertidas leis de acompañamento, as normas que o Executivo adoita tramitar paralelamente aos orzamentos para introducir toda caste de modificacións, moitas delas sen relación ningunha co eido orzamentario. Estas normas teñen unha tramitación moito máis acelerada e moito menos debate parlamentario que a aprobación ordinaria dunha nova lei.
Máis dunha trintena das leis modificadas por esta vía rápida paralela aos orzamentos foran impulsadas polo propio Goberno do PP de Feijóo
Como veu informando Praza.gal, nesta lexislatura as leis de acompañamento corrixiron cando menos 59 normas vixentes, 33 delas aprobadas inicialmente polo propio Goberno de Feijóo. Chegaron a ser modificadas ata 27 leis en máis dunha ocasión durante a lexislatura por esta vía e cinco delas (leis de servizos sociais, comercio, emprego público, lei do solo e lei de taxas e prezo) foron reformadas con este mecanismo en catro ocasións, unha por cada orzamento aprobado durante o mandato.