A Xunta presenta unha Lei de impulso demográfico xenérica e con escasas medidas novas

Unha escola infantil en Galicia CC-BY-NC-SA Karina Ibarra

O Consello da Xunta iniciou a pasada semana a tramitación da Lei de impulso demográfico, cuxo anteproxecto xa se pode consultar, destacando Alberto Núñez Feijóo que a nova lexislación converterá a Galicia "na primeira comunidade en contar cunha norma neste eido". Con todo, a pesar de destacar o presidente da Xunta que o cambio demográfico é “o maior desafío que afronta Galicia a medio e longo prazo”, a lei achega poucas novidades concretas ás políticas que xa se veñen desenvolvendo. E todo dúas semanas despois de que o INE certificase que o 2018 foi o ano con menos nacementos da historia de Galicia, cun descenso do 15% dende a entrada en vigor do cheque-bebé, hai tres anos.

A lei achega poucas novidades concretas ás políticas que xa se veñen desenvolvendo

Recolle, iso si, o compromiso de que o investimento en políticas de familia durante os vindeiros cinco anos aumentará "un mínimo do 50% sobre o aumento porcentual do gasto non financeiro dos orzamentos xerais" da Xunta. Pero a maior parte das restantes medidas que contén refírense a accións e programas xa en marcha ou anunciados, como o cheque-bebé, a previsión de que os edificios públicos conten con salas de lactación e cambiadores nos aseos de homes e mulleres, a defensa legal das mulleres discriminadas laboralmente por ter sido nais, a gratuidade do transporte público para os menores de 19 anos ou as bolsas de horas de libre disposición para o coidado no sector público.

Polo demais, aínda que a lei abrangue temas como o fomento do emprego, a política de vivenda, a promoción do retorno de emigrantes, o apoio ás zonas rurais, as políticas de conciliación ou o apoio económico ás familias con máis necesidades, nos máis dos casos as súas propostas fican en declaracións de intencións ou en compromisos xenéricos de mellora. 

O PSdeG-PSOE cualifica a lei como "unha compilación de medidas xa existentes de probada ineficacia" e o BNG como "un remix de medidas natalistas fracasadas"

Dende a oposición criticouse xa o contido desta Lei de Impulso demográfico, cualificada polo PSdeG-PSOE como "unha compilación de medidas xa existentes de probada ineficacia", lembrando que o 2018 foi o ano con menos nacementos na historia de Galicia. No texto "falta ambición e sobra inercia”, sinalou Xoaquín Fernández Leiceaga, que acusou o PP de "tirar a toalla" neste asunto. Pola banda do BNG, Ana Pontón culificou o anteproxectos de lei como "unha nova entrega de propaganda ou de medidas que teñen demostrado a súa ineficacia, un remix de medidas natalistas fracasadas". Pontón dixo que o “colapso demográfico do país non se vai reverter aplicando políticas natalistas senón cunha intervención nas políticas económicas e sociais".

O BNG propón "a intervención directa na economía para xerar emprego estable e de calidade" e tamén "o incremento do investimento público para contar cos necesarios equipamentos sociais". Igualmente, aposta por avanzar na igualdade real e conseguir que a maternidade deixe de ser unha penalización no desenvolvemento profesional das mulleres. Mentres, o PSdeG-PSOE defendeu un impulso definitivo ás políticas activas de emprego para acadar "emprego estable e salarios dignos", medidas para "o retorno do capital humano, mozos e mozas que se formaron en Galicia e tiveron que marchar fóra". Os socialistas reivindicaron ademais "o modelo escocés de reequilibrio territorial", cunha axencia independente con financiamento de seu "que poida actuar na provisión de servizos públicos, captación de empresas e impulso do emprego nos territorios máis desfavorecidos". 

"Os resultados, se temos éxito, comezarán a percibirse dentro duns anos”, recoñece a conselleira Fabiola García

Fronte ás optimistas palabras de Núñez Feijóo e as expresadas nos últimos días por deputados e deputadas populares como Raquel Arias (“Nunca antes na historia existiron en Galicia tantas posibilidades para conciliar, tanto para os traballadores públicos como para o conxunto dos galegos”), a conselleira de Política Social, Fabiola García, foi máis prudente, sinalando que esta nova lei “é a semente dunha política demográfica reforzada, cuxos resultados, se temos éxito, comezarán a percibirse dentro duns anos”.

Unha escola infantil © Xunta

As medidas contidas na lei

A Xunta comprométese a incrementar o investimento en "políticas de familia"

Ademais deste incremento orzamentario para as "políticas de familia" (sen especificar o seu contido), o anteproxecto de lei detalla algunhas propostas concretas, das que a maior parte xa están en marcha. Así, dise que "a Administración autonómica garantirá o apoio económico ás familias nas que se produza un nacemento, adopción ou acollemento preadoptivo, ata que o neno ou nena cumpra 3 anos". Ou que "establecerá a gratuidade no servizo público de transporte regular de persoas viaxeiras de uso xeral  como mínimo para menores de 19 anos", medidas xa existentes. De igual xeito, prevese que "nos novos edificios de uso público" da Xunta existan "espazos específicos para a lactación dotados con cambiadores" e que "nos novos edificios de uso público de titularidade privada deberá existir un espazo accesible para homes e mulleres dotado cun cambiador para o aseo dos nenos e nenas", acción aprobada o pasado mes de marzo.

Haberá  prazas de aparcamento para familias con nenos e nenas menores de 12 anos

Entre as novidades si aparece que "nos novos edificios de uso público, tanto de titularidade pública como privada, que conten con prazas de aparcamento deberán existir prazas especialmente adaptadas para as necesidades das familias con fillos e fillas menores de doce anos e das mulleres en estado avanzado de xestación". Ou que se fomentará "a creación dunha rede de establecementos amigables coas familias con nenos e nenas mediante o seu recoñecemento institucional". Así mesmo, a Xunta comprométese a "promover nos medios públicos o adianto da emisión dos programas televisivos de máxima audiencia para favorecer o descanso e o benestar da poboación".

A norma si fai máis concreta a definición de familias monoparentais e se incrementa a súa protección, o mesmo que coas familias vítimas de violencia de xénero e as "familias en situación de especial vulnerabilidade 
económica".

Promoverase na TVG "o adianto da emisión dos programas de máxima audiencia para favorecer o descanso e o benestar da poboación"

A lei tamén fai referencia a aspectos de emprego, vivenda ou promoción económica, pero nestes casos as propostas expóñense de forma xenérica e sen compromisos concretos. Así, dise que a Xunta "deseñará as súas políticas activas de emprego dando prioridade ao desenvolvemento profesional no medio rural e costeiro" ou que "poñerá en marcha programas específicos orientados á incorporación no mercado laboral galego da mocidade, da poboación retornada e da que se asente por primeira vez en Galicia".

Tamén se prevé adoptar "de maneira progresiva" medidas "tendentes a que as persoas que necesiten da reprodución asistida como medio para ter descendencia poidan dispoñer de asistencia sanitaria e dos medios precisos para tal fin", pero sen maior concreción nin ofrecer garantías. Tampouco achega unha previsión de prazos, para un proceso que nestes momento supera con frecuencia os dous anos para a súa posta en marcha.

Escolas infantís

En vez de afondar na mellora da rede pública de escolas infantís, apóstase pola concesión de axudas para o pagamento de servizos en centros privados

Ademais dos aspectos laborais e económicos, unha das necesidades máis recorrentes das familias con nenos e nenas de curta idade ten que ver coa conciliación e coa posibilidade de contar con recursos públicos para o seu coidado, comezando pola rede de escolas infantís. Nese aspecto a lei tampouco vai máis alá da situación actualmente existente e no canto de afondar na mellora da actual rede pública de centros, aposta pola concesión de axudas para o pagamento de servizos en escolas privadas, como vén facendo nos últimos anos. O Goberno galego "desenvolverá liñas de axudas para o apoio económico ás familias que teñan aos seus fillos e fillas matriculados no primeiro ciclo de educación infantil en escolas infantís de titularidade privada por non ter obtido unha praza pública ou residir nun municipio no que non existan recursos públicos".

Nos concellos de menos de 5.000 habitantes as escolas de Infantil e Primaria estarán a disposición das entidades locais para o desenvolvemento nel de servizos de atención aos nenos e nenas

Si prevé que nos concellos de menos de 5.000 habitantes nos que exista un centro público de educación infantil e primaria, a Administración autonómica "poñerao a disposición das entidades locais para o desenvolvemento nel de servizos de atención aos nenos e nenas" previos ao inicio da xornada lectiva e en horario extraescolar.

A lei tamén desenvolve a obriga de que todos os nenos e nenas que asistan ás escolas infantís públicas estean vacinados e vacinadas, como xa se anunciou hai uns meses. A norma non obriga aos centros privados a seguir a mesma política, pero aquelas escolas que opten por non esixir a vacinación obrigatoria deberán facer público que "non se garante que estea vacinada a totalidade dos nenos e nenas".

 

Conciliación

Nos procesos de adxudicación de contratos públicos teranse en conta "as políticas empresariais en materia de conciliación"

En materia de conciliación da vida laboral, a lei recolle moitos dos avances rexistrados nos últimos anos no sector público autonómico, como "ampliar a posibilidade de acollerse á flexibilidade horaria a todo o persoal con fillos e fillas menores de dezaseis anos", o fomento do teletraballo ou a bolsa de horas de libre disposición para o coidado.

No sector privado o texto é moito menos ambicioso e limítase a indicar que se "impulsará a adopción por parte das empresas de medidas de flexibilidade temporal e espacial" ou que "poderá establecer axudas para as persoas traballadoras que se acollan a unha excedencia ou a unha redución de xornada de traballo para coidar os fillos e fillas".

No sector privado o texto é moito menos ambicioso que no público no referido ás medidas en favor da conciliación

Si se recolle que nos procesos de adxudicación de contratos públicos se terán en conta "as políticas empresariais en materia de conciliación da vida persoal, familiar e laboral" entre outras as referidas á "flexibilidade espacial". Tamén se potenciarán aquelas empresas que conten cun plan de igualdade.

Fabiola García e Alberto Núñez Feijóo © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.