"Non pode ir outra persoa?": Galicia non concilia

Escola infantil CC-BY-NC-SA Karina Ibarra

“Non pode ir outra persoa?” foi o que preguntou a responsable de Recursos Humanos da empresa na que traballaba ata xullo, cando pedín permiso para unha saída urxente tras recibir unha chamada da escola infantil. “Non pode ir outra persoa?”. Pois non.

Galicia non concilia. Nin lle interesa, nin lle importa, nin lle apetece. “Que preguiza!” Mercedes saiu nos medios en diversas ocasións por cuestións laborais. Foi despedida dúas veces, unha por cada cativo. A primeira vez, nada máis notificar o embarazo. A segunda, ao reincorporarse do permiso por maternidade con redución de xornada. Tras o primeiro despido, denunciou e a empresa viuse obrigada a readmitila, facéndolle mobbing ata o absurdo: “Creáronme un posto noutra tenda, sen darme a formación necesaria nin acceso a internet -nunha empresa de telecomunicacións-. Dependenta, a xornada partida, preñada e sen unha cadeira para sentar”.

Mercedes foi despedida dúas veces, unha por cada cativo

Tras o segundo despido e a demanda solicitando a readmisión, decidiu que non quería loitar máis por aquel posto: “tiña un bebé de 6 meses e xa perdera moitas primeiras veces coa sua irmá. Saqueilles a máxima indemnización posible e marchei coa cabeza alta a criar os meus fillos”. Na actualidade traballa a contratos nunha cadea de hipermercados que lle dá a flexibilidade suficiente como para poder conciliar vida familiar e laboral.

A Divina despedírona sen preaviso argumentando unha baixada nas vendas

Divina traballaba ata hai 15 días como dependenta no sector téxtil, con redución de xornada. Argumentando unha baixada nas vendas, despedírona sen preaviso, xa que ata o momento ninguén lle fixera notar malestar ningún. Agora está en trámites de negociación e tras solicitar un despido nulo: “Síntome grande e forte. Capaz de calquera cousa por non tapar esta situación discriminatoria por ser nai e ter unha redución de xornada. Mentres, aproveito para disfrutar dos meus fillos”.

A excedencia como vía intermedia

A excedencia semella ser a vía intermedia entre deixar de traballar e renunciar a criar. Claro que a excedencia implica ter unha segunda fonte de ingresos no fogar, algo que a estatística di que acontece cada vez con menos frecuencia no noso país. Sylvia tivo que solicitar unha excedencia para poder criar os seus dous fillos, por imposibilidade: “Neste momento despois de rematar baixa maternal, lactancia e vacacións estou de excedencia voluntaria posto que non pedira praza en garderías municipais porque non quería que ingresase tan pequeniño, e as privadas levarían máis da metade do meu soldo”.

A excedencia non foi voluntaria, chega tras esgotar todas as vías posibles para solicitar unha redución de xornada

Co primeiro fillo botaba man da súa nai para compatibilizar vida laboral e familiar, máis agora: “Ao chegar o segundo neno xurei que non seguiría pasando polo mesmo. Entre outras cousas porque era inviable xa, posto que a avoa agora ademais coida da súa nai e xa serían dous nenos. Contratar unha persoa para as últimas horas da tarde, ceas, duchas, cama, que unha persoa allea teña que facer ese traballo mentres eu quedaba case sen soldo...”. A excedencia non foi voluntaria, chega tras esgotar todas as vías posibles para solicitar unha redución de xornada, mesmo cambiando quendas coas compañeiras de traballo. Ante a negativa da empresa, presentou unha demanda que gañou e agora está agardando a reincorporarse co medo ás posibles consecuencias.

Interior dun establecemento comercial CC-BY-NC-SA CIG

"Os problemas comezaron cando, estando de permiso por maternidade, tento comunicar que quero coller unha redución de xornada"

Pero esta situación non se dá só entre os elos máis febles da cadea, tamén atopamos no mesmo escenario a mulleres con postos de responsabilidade, coma é o caso de Ana: “os problemas comezan estando de permiso por maternidade, cando tento comunicar que quero coller unha redución de xornada. Tiven que comunicalo por burofax, ante a súa negativa a atenderme”. Tras a reincorporación, e sendo Directora de Delegación en Galicia dunha empresa estatal, relégana a un posto no departamento técnico da empresa. Tras demandar, no SMAC o cambio queda sen efecto e volta ao seu posto orixinal, pero só de forma temporal, xa que é notificada de novo e finalmente despedida.

“Decido loitar pola nulidade, pero toda esta situación xérame un cadro de ansiedade e cando chega o xuízo decido pactar con eles para non ter que voltar”. Na actualidade, xa en perspectiva, Ana quéixase do nulo esforzo da empresa por amañar a súa situación: “Coido que hai outros xeitos de conciliar sen ir á redución de xornada. Eu tería estado disposta a ampliar horario e ir outra tarde, pero non había interese en solucionalo, comigo ninguén sentou a falar en ningún momento”.

“O detonante foi o embarazo”

Antía denuncia que no seu caso non houbo medias tintas: “O detonante foi precisamente o meu embarazo. Comezaron a tratarme de xeito diferente dando por feito que xa non podería continuar na empresa, culpándome de cada erro, empregando argumentos machistas e creando problemas que non existían, que dificultaban o meu traballo e enrarecían o ambiente laboral. Sentíame desprezada e vivindo unha situación inxusta. Daban por feito que era unha inútil por estar embarazada. Agora a relación laboral rematou. Prescindiron dos meus servizos polo feito de ser nai.” Considera que a solución xa non só pasa por mellorar as formas de traballar e conciliar nas empresas, senón directamente “educar para lograr rematar co machismo. Tarefa difícil pero non imposible”.

Traballadoras dunha conserveira CC-BY-NC-SA CIG

"Daban por feito que era unha inútil por estar embarazada. Agora a relación laboral rematou. Prescindiron dos meus servizos polo feito de ser nai"

Pero a conciliación non é cousa só de crianza e, dende logo, non é exclusiva das mulleres. Os casos de Álex e María son boa mostra. Álex solicitou a redución de xornada para facer coincidir o seu horario laboral coa xornada lectiva da súa filla, sendo o único home da súa empresa que a demandaba. O seu principal atranco, neste caso, foron os propios compañeiros de traballo, que lle recriminaban que se limitase a cumprir co seu horario laboral, xa que as persoas alí empregadas tiñan “por norma” facer horas extra non remuneradas de xeito habitual. O nivel de estrés ao que foi sometido era tal que acabou cunha incapacidade temporal: “a receita do medico foi: deixa o curro ou vaiche dar un ictus”. Na actualidade, empregado xa noutra empresa, fai malabares coa súa compañeira para atender os seus fillos, con moito máis éxito.

María pasou boa parte da vida coidando do seu fillo e agora, da súa nai e dúas compañeiras dependentes

O caso de María vémolo con frecuencia ao noso arredor. Traballadora no mundo teatral e, polo tanto, con situación laboral intermitente, pasou gran parte da súa vida coidando do seu fillo, para despois pasar a coidar da súa nai e de dúas compañeiras dependentes: “O coidado da miña nai limitou moitísimo a miña actividade laboral”. Malia que a nai contaba cunha pensión, esta non chegaba para pagar os servizos de persoal de coidados as 24 horas e á vez, incapacitábaa para solicitar praza nunha residencia pública: “A administración contemplaba á miña nai coma unha privilexiada por ter esa pensión despois de traballar desde os 14 años. Cartos que non chegaban para atendela as 24 horas, xa que tiña unha incapacidade absoluta permanente de 96 graos sobre 100.”

María acusa o desgaste que toda unha vida de coidados lle produciu e demanda que “a este lobby de coidadoras que somos as mulleres se lles ofreza axuda, medios, colaboración real para poder desenvolver con calidade a propia vida” e pon como exemplos a seguir “na conciliación para o coidado dos fillos, algún país nórdico, onde os coidados son compartidos por pai e nai, sen que se vexan alteradas as suas vidas laborais. No caso das coidadoras dos nosos maiores, o primeiro e básico é dotar económicamente a lei de dependencia, cumprila e ampliala”.

Un bebé, ao pouco de nacer Dominio Público Christian Abella

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.