O ano 2025, do que xa coñeciamos que volvera superar o máximo histórico de denuncias por violencia de xénero en Galicia (8.100, un 6,5% máis que o ano anterior), bateu tamén o récord de condenas por violencia de xénero, un total de 1.892, un 18% máis que no ano 2024
O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou este xoves a Estatística de Violencia Doméstica e Violencia de Xénero correspondente ao ano 2025. Os datos publicados polo INE amosan que a violencia de xénero (a exercida contra mulleres por parte das súas parellas ou ex-parellas) mantén ou aumenta a súa incidencia e tamén consolida as características de agresores e vítimas.
O ano 2025, do que xa coñeciamos que volvera superar o máximo histórico de denuncias por violencia de xénero en Galicia (8.100, un 6,5% máis que o ano anterior), bateu tamén o récord de condenas por violencia de xénero, un total de 1.892, un 18% máis que no ano 2024.
En cambio, durante o ano pasado descendeu o número de mulleres vítimas (con orde de protección ou medidas cautelares) dos asuntos incoados, ata un total de 1.258. É o segundo descenso consecutivo, que afasta as cifras do máximo acadado en 2023 (1.474). En termos semellantes, descende tamén o número de homes denunciados nestes asuntos incoados (1.245).
Ao redor do 56% das vítimas (e dos denunciados) ten entre 25 e 44 anos; preto do 10% son máis novas e novos e un 30% é maior, entre 45 e 64 anos
O perfil -en termos de idade e lugar de nacemento- de vítimas e denunciados é semellante e mantén as mesmas tendencias de anos anteriores. Así, ao redor do 56% das vítimas (e dos denunciados) ten entre 25 e 44 anos; preto do 10% son máis novas e novos e un 30% é maior, entre 45 e 64 anos. Tan só no 4% vítimas e denunciados superan os 65 anos de idade.
A gran maioría dos condenados por violencia de xénero naceron no Estado español (72,7%), fronte a un 27,3% que naceu no estranxeiro. En canto ás vítimas, o 65,8% naceu no Estado, e o 34,2% naceu fóra
En canto á relación que existe entre vítima e denunciados, esta varía moito e os casos distribúense entre varias diferentes situacións. Así, no 20% dos asuntos incoados, a vítima era conxuxe do denunciado; no 6% eran ex-cónxuxes; no 15% eran parella de feito; no 18% eran ex-parella de feito; no 17% eran mozos e no 24% eran ex-mozos.
Case o 92% das sentenzas son condenatorias, tres puntos máis que o ano anterior
A gran maioría dos condenados por violencia de xénero naceron no Estado español (72,7%), fronte a un 27,3% que naceu no estranxeiro. En canto ás mulleres vítimas, o 65,8% naceu no Estado, e o 34,2% naceu fóra de España.
En 2025 descenderon en Galicia un 6,2% os casos de vítimas que se acolleron á dispensa do deber de declarar
No ano 2025 descendeu por segundo ano consecutivo o número de ordes de protección e medidas cautelares incoadas para as vítimas de violencia de xénero (pasou de 1.819 a 1.798). Porén, aumentou o a cifra de medidas admitidas (de 1.183 a 1.216), ao reducirse as denegadas.
Segundo os datos estatísticos do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero, en 2025 descenderon en Galicia un 6,2% os casos de vítimas que se acolleron a dispensa do deber de declarar, pois optaron por esta opción 406 mulleres, fronte ás 433 que o fixeron en 2023. Case o 92% das sentenzas son condenatorias, tres puntos máis que o ano anterior.