Máis mulleres manteñen a súa declaración en casos de violencia machista en Galicia

Acción da Marcha Mundial das Mulleres polo Nadal diante da sede da Xunta en Santiago CC-BY-SA Marcha Mundial das Mulleres

Os xulgados galegos recibiron unha media de 21,8 denuncias diarias por violencia machista entre xullo e setembro. Porén, os xuíces apreciaron máis risco para as vítimas e as ordes de protección aprobadas medran un 8,4%

Os xulgados galegos recibiron unha media de 21,8 denuncias diarias por violencia machista entre xullo e setembro, que supón un descenso do 1,8% a respecto do ano anterior. No conxunto do Estado esta cifra ascende a unha media de 579 denuncias ao día no pasado verán. 

Segundo o Informe trimestral sobre violencia de xénero, elaborado polo servizo de estatística do Poder Xudicial para o Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero, en Galicia presentáronse un total de 2.006 denuncias e rexistráronse 1.815 vítimas, un 7,3% menos que durante o mesmo período de 2024.

Galicia ten, en base aos datos deste terceiro trimestre, a taxa de violencia de xénero máis baixa do Estado –12,9 vítimas por cada 10.000 mulleres– pero aínda así non é unha taxa asumible, porque calquera vítima que se produza é inasumible”, defende Belén Rubido, xuíza decana de Pontevedra e especializada en casos de violencia sobre a muller.

A torre da cidade da xustiza de Vigo CC-BY-SA CIG

Rubido salienta que a pesar da –escasa– diminución das denuncias presentadas entre os meses de xullo e setembro, houbo un incremento das ordes de protección ditadas, o que significa que os xuíces apreciaron unha situación de risco obxectiva para as vítimas. O aumento é dun 5,7% para as ordes solicitadas e dun 8,4% para as aprobadas, sempre a respecto do mesmo período do ano 2024.

“Cando se dita unha orde de protección cada xuíz valora a situación, ten que haber indicios racionais de delito, pero tamén unha situación obxectiva de risco –incide Belén Rubido–. Co cal, temos menos denuncias en número, pero máis ordes de protección proporcionalmente ás denuncias que existen. Cos datos na man, podemos afirmar que a protección se incrementou, iso supón que os xuíces e xuízas que tiveron os casos diante valoraron un maior risco para as vítimas”.

Nos casos estudados entre xullo e setembro diminuíu un 6,4% o número de mulleres que se acolleron á dispensa do dereito a prestar declaración

As ordes de protección adoptadas polos xulgados galegos –tanto os específicos como os de garda– sumaron un total de 413. En preto da metade dos casos (46%) a relación de parella (cónxuxe ou relación afectiva) mantíñase no momento de petición da orde de protección ao órgano xudicial.

Con todo, para a xuíza Belén Rubido o dato máis relevante deste informe do Poder Xudicial é que “cada vez as mulleres falan máis e contan o que lles pasou”. Nos casos estudados entre xullo e setembro diminuíu un 6,4% o número de mulleres que se acolleron á dispensa do dereito a prestar declaración, a respecto do ano pasado neste mesmo período.

As vítimas que son parella ou cónxuxe do seu agresor teñen, por disposición legal, o dereito a non prestar declaración, sen que por acollerse ao silencio poidan ser sancionadas. “Que pasa nos casos de violencia de xénero? Que as vítimas son máis reticentes a declarar que noutros procedementos”, sinala Rubido.

“Aínda que apliquemos a perspectiva de xénero, ás veces temos que loitar contra as propias vítimas para poder axudalas”, confesa Belén Rubido. “Desgraciadamente é así porque elas en moitas ocasións foxen do procedemento porque non queren máis problemas, pois teñen medo de que poida haber represalias por parte dos seus agresores. Isto supón unha parte moi importante dos silencios que hai nos procedementos, a outra parte está no propio ciclo da violencia de xénero, porque nos períodos de ‘reconciliación’ é difícil que as vítimas presten declaración”, debulla a xuíza.

Estes bos datos consolidados en Galicia distan da foto fixa a nivel estatal, onde medrou un 22,5% o número de mulleres que se acolleron á dispensa do dereito a declarar

Para que todo o procedemento xudicial non dependa única e exclusivamente da testemuña da vítima na fase de instrución, e despois xa no propio xuízo, necesítase doutros elementos probatorios para sustentar a acusación. Para Belén Rubido, os bos datos actuais a respecto das mulleres que continúan coa súa denuncia obedecen aos avances neste sentido, a pesar de que non é doado conseguir outras probas –biolóxicas, documentais ou testemuñais– en todos os casos.

Estes bos datos consolidados en Galicia distan da foto fixa a nivel estatal, onde medrou un 22,5% o número de mulleres que se acolleron á dispensa do dereito a declarar. Os datos do Poder Xudicial mostran que a taxa de mulleres que renunciaron a testificar no xuízo contra os seus agresores foi de 11,5 por cada 100 vítimas de violencia de xénero durante o verán. Unha porcentaxe que diminúe ata o 10,17% se só se contan as vítimas de orixe español e que se sitúa no 12,67% entre as vítimas de orixe estranxeira.

Manifestación en Vigo este 25N CC-BY-NC-SA BNG

Por outra banda, as vítimas seguen a ser maioría presentando as denuncias. 1.616 das recibidas neste terceiro trimestre en Galicia foron presentadas directamente polas vítimas nos órganos xudiciais, unha cifra que segue sendo moi superior á das interpostas por terceiras persoas: os familiares formalizaron 38, mentres que 61 derivaron de partes de lesións; 16 de servizos de asistencia e terceiros; e 263 da intervención da Policía. A maiores, rexistráronse dúas vítimas menores tuteladas.

“É complexo, pero penso que está a medrar a conciencia social sobre a violencia contra as mulleres e que iso permite que haxa máis persoas externas ás relacións, no caso das parellas, que deciden presentar denuncia”, apunta a xuíza de Pontevedra.

Para que todo o procedemento xudicial non dependa única e exclusivamente da testemuña da vítima, necesítase doutros elementos probatorios para sustentar a acusación

Belén Rubido describe como os actores do sistema xudicial con formación en perspectiva de xénero leva anos intentando que haxa un tratamento “unívoco” de todos os casos de violencia sobre a muller, “entendida como violencia sexual e como violencia, digamos, intrafamiliar”. 

“Creo que ese é o paso que nos queda por dar e que imos no bo camiño, pero non podemos nin queremos conformarnos. Temos que reforzar esa conciencia e a formación de toda a sociedade, e axudar as vítimas para que sexan conscientes de que hai un camiño máis alá da denuncia, que non hai ningún abismo”, defende.

Esta é a foto fixa do sucedido no verán, pero o derradeiro trimestre do ano acostuma a ser o peor en canto aos datos de violencia machista. Neste caso xa sabemos que o foi en feminicidios, con máis dunha ducia de mulleres asasinadas dende o mes de outubro. Ata este 24 de decembro confirmáronse como feminicidios os asasinatos de 46 mulleres por parte das súas parellas ou ex-parellas e outras 15 mulleres foron asasinadas por homes cos que non mativeran unha relación afectiva

 

🟣 O teléfono 016 do Ministerio de Igualdade ofrece información e asesoramento ante posibles casos de violencia de xénero, e en Galicia a Xunta ten habilitado no 900 400 273 o Teléfono da Muller, ambos son gratuítos e anónimos e funcionan as 24 horas do día durante todo o ano (pero hai que borrar a chamada para que non figure no rexistro). Tamén se pode contactar co 016 escribindo na súa canle de WhatsApp co número 600 000 016, por correo electrónico no enderezo 016-online@igualdad.gob.es ou no chat online accesible desde o sitio web violenciagenero.igualdad.gob.es. Se se trata dunha emerxencia, hai que chamar ao 112 ou facer uso da aplicación ALERTCOPS, que envía unha alerta á Policía coa xeolocalización. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.