Amnistía Internacional (AI) advirte dos atrancos cos que se atopan as vítimas de violencia sexual para seren atendidas de xeito integral nos centros de crise 24 horas. Nun novo informe, tres anos despois da entrada en vigor da Lei de Liberdade Sexual, a entidade sinala estes obstáculos e o "dispar funcionamento" destes espazos, concibidos como un recurso que "debe xogar un papel fundamental no seu acompañamento".
O informe de Amnistía Internacional denuncia que os centros de crise en Galicia "son poucos coñecidos pola cidadanía en xeral e pola comunidade médica"
Centrado en varias comunidades autónomas —Andalucía, Aragón, Asturias, Castilla-La Mancha e Catalunya— e con ollada en detalle tamén en Galicia, AI denuncia que, "aínda que os centros galegos si abren 24 horas os 7 días da semana, son pouco coñecidos pola cidadanía en xeral e a comunidade médica".
En resposta a Praza.gal, hai só uns meses, a Xunta asegurara daquela que non consideraba "oportuno" informar sobre estes centros, ante as críticas que xa había polo seu escaso coñecemento e a pouca información sobre o seu funcionamento ou localización.
O informe lanza, ademais, unha demanda: "É preciso que o servizo galego sexa especializado, con experiencia en atención a vítimas de violencia sexual, e accesible para mulleres migrantes, traballadoras sexuais ou con discapacidade".
España incumpre coa recomendación de contar cun cento por cada 200.000 habitantes; Galicia ten un por cada 541.000, moi lonxe da proporción ideal
A análise destaca que as seis comunidades autónomas comparten, cando menos, "cinco deficiencias estruturais" en canto ao funcionamento destes centros de crise: que non se deron a coñecer de xeito xeral e polo tanto "as mulleres están perdidas cando sofren este tipo de violencia", que "non se garante a atención presencial nos centros de crise 24 horas os sete días da semana" ou que "tampouco se garante a atención telefónica ou online por persoal especializado". Ademais, destaca que en todos os casos "non hai recursos dabondo para cubrir todas as posibles vítimas" e que "as barreiras son maiores para mulleres migrantes, traballadoras sexuais, de etnia xitana ou con discapacidade".
Amnistía Internacional lembra que, "aínda con atrasos na súa implementación, abriuse polo menos un centro en cada provincia española, agás en Ceuta, que aínda segue sen estar en funcionamento". No entanto, insiste o informe, España incumpre coa recomendación de contar cun centro por cada 200.000 habitantes, "contando Galicia cun centro por cada 541.166 habitantes", cun ratio recomendable que non está garantido en ningunha autonomía.
En Galicia estes centros entraron en funcionamento o 31 de decembro de 2024, tras solicitar a Xunta unha prórroga para a súa posta en marcha, financiada cos fondos europeos de recuperación a través do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. O Goberno galego recibiu 5,9 millóns de euros e decidiu situar estes centros de crise en espazos reacondicionados dos hospitais Álvaro Cunqueiro de Vigo, Gil Casares de Santiago, Lucus Augusti de Lugo, Novoa Santos de Ferrol e do PAC de Ourense. Ademais, privatizou a súa xestión, nun concurso que gañaron as empresas OHL e Eulen. A ausencia do espazo na Coruña ergueu as críticas do Concello e da alcaldesa, Inés Rey, nos últimos días, pero o Goberno galego supedítao a que o pague o Estado.
Mentres, Amnistía Internacional denuncia que, na maioría das comunidades autónomas estudadas, non se garante a apertura dos centros 24 horas os sete días á semana e os 365 días do ano e que só Galicia e Asturias cumpren con esa condición.
Porén, a localización física dos centros de crise en Galicia "é problemática, xa que se atopan dentro de centros hospitalarios". Así ocorre no caso de Vigo, que conta cun centro na zona de urxencias pada adultos do Hospital Álvaro Cunqueiro. Amnistía Internacional, tras unha visita de investigación a este centro, destaca que houbo que "preguntar por el, ante a ausencia de sinalización informativa". Logo de consultar en Información, engaden, onde "non coñecían da súa existencia, tivo que ser un celador que nos guiase tras dicir que 'algo escoitara sobre iso”.
Amnistía Internacional visitou o centro de crise no Álvaro Cunqueiro e tivo que preguntar por el ante a ausencia de sinalización; en Información non sabían del e foi un celador quen os guiou ao espazo
“Se as vítimas non contan, nun primeiro momento, cunha información axeitada, accesible e pedagóxica, isto pode provocar que se perpetúe o silencio, o illamento ou incluso a cronificación do trauma derivado da agresión sexual vivida”, advirte Virgnia Álvarez, investigadora do informe.
Ademais, AI sinala que "ás dificultades que as vítimas teñen para o acceso telefónico e presencial a estes centros engádese a preocupante situación de desbordamento no que se atopan algunhas profesionais que traballan neles". En Galicia, din, os centros só teñen unha asesora xurídica, dúas traballadoras sociais, tres psicólogas e unha auxiliar administrativa, o que ao final "pode condicionar a capacidade de atención". Se ben é certo que a Xunta ten un acordo co Colexio de Psicólogos de Galicia para ofrecer terapia ás mulleres usuarias deste servizo, o número de sesións "está limitado a priori a un máximo de trinta, sen avaliar previamente as necesidades reais das vítimas", destacan.
Contar con persoal dabondo é moi importante para garantir a atención integral e de calidade ás vítimas, segundo di o informe, que advirte a súa preocupación porque "nas licitacións poida ter máis peso a oferta económica que a técnica, deixando fóra destes servizos especializados a entidades feministas con longa experiencia en violencia sexual, algo que xa foi sinalado polo Grupo de Expertos do Consello de Europa na loita contra a violencia contra a muller e a violencia doméstica (Comité GREVIO)”, di o documento.
O informe lembra que as licitacións deixan fóra entidades feministas con experiencia e fomentan condicións laborais precarias; en Galicia están en mans de Eulen e OHL
Este Comité manifestou a súa preocupación porque o sistema en España "favoreza as organizacións grandes en detrimento das máis pequenas con experiencia directa". Tamén expresou preocupación polas condicións de traballo do persoal e iso débese, en grande medida, "ao feito de que as licitacións públicas favorecen os licitadores máis baixos, obrigando aos provedores a reducir custos en persoal así como a calidade dos servizos. servizos". "En Vigo a empresa que xestiona o centro de crise dedícase ao eido da construción", di AI, en referencia a OHL, tal e como recolleu Praza.gal nunha información de hai un ano na que se advertía desta privatización en todos os espazos no país. "No resto de centros galegos trátase de entidades que non indican ter como eido de traballo ou experiencia principal a atención a vítimas de violencia sexual", engaden.
Amnistía Internacional lembra que "é importante destacar a necesidade de mellorar a información sobre a propia existencia e recursos dispoñibles nos centros, xa que representantes do tecido asociativo galego remarcaban a falta de coñecemento máis aló do difundido en medios".
A entidade reclama que se mellore a información sobre a existencia dos centros de crise
Para iso, propoñían "dalos a coñecer en centros de saúde ou mediante o tecido de asociacións para o apoio a mulleres", lembra o documento, que destaca que logo dunha entrevista co director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero da Xunta, este recoñecía que se está a reforzar a coordinación co Sergas para poñer en valor o servizo entre a comunidade médica.
En conclusión, Amnistía Internacional recorda que os gobernos autonómicos deben "garantir a accesibilidade, adaptabilidade e dispoñibilidade para todas as vítimas e superviventes de violencia sexual dos centros de crise 24 horas os 7 días da semana, conforme ao establecido na Lei Integral de Garantía Integral de Liberdade Sexual e os estándares internacionais de dereitos humanos". E que isto debe facerse mediante unha atención telefónica realizada por "persoal experto en violencia sexual en crises e emerxencia", facilitando o contacto co centro de crise de xeito directo "e non a través de intermediarios, para evitar a revitimización por ter que relatar varias veces a violencia sexual sufrida".
Tamén insta a que se asegure que todos estes centros "dispoñen de equipos multidisciplinares (psicólogas, xuristas e traballadoras/educadoras sociais) con experiencia demostrable en violencia sexual para garantir unha verdadeira atención integral e especializada" e que as comunidades "garantan" o seu financiamento e sostemento mediante as transferencias recibidas dos Orzamentos Xerais do Estado, tal e como establece a actualización do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
Para o Goberno de España tamén teñen deberes e pídenlle que, ademais de establecer unha partida específica para estes centros, "realice un seguimento dos plans e as medidas establecidas para que este recurso funcione axeitadamente".