Silencio imposto nos centros para vítimas de violencias sexuais que a Xunta abriu por orde do Estado

Cartelería dos centros de crise 24 horas para vítimas de violencias sexuais nunha rúa de Santiago CC-BY-SA Praza.gal

A Xunta responde a Praza.gal que "agora" non se "considera oportuno" informar sobre os centros de crise 24 horas para vítimas das violencias sexuais

“Temos un recurso e a xente non sabe que existe”. O artigo 35 da lei de liberdade sexual ordena crear os chamados “centros de crise 24 horas” para ofrecer “atención psicolóxica, xurídica e social” de maneira “permanente” e cunha “actuación urxente”, que proverán apoio e asistencia “para vítimas, familiares e persoas da contorna” con “información telefónica e presencial” as 24 horas do día todos os días do ano.

En Galicia entraron en funcionamento o 31 de decembro de 2024, tras solicitar a Xunta unha prórroga para a súa posta en marcha, financiada cos fondos europeos de recuperación a través do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. O Goberno galego recibiu 5,9 millóns de euros, segundo confirma a Delegación do Goberno de España en Galicia, e decidiu situar estes centros de crise en espazos reacondicionados dos hospitais Álvaro Cunqueiro de Vigo, Gil Casares de Santiago, Lucus Augusti de Lugo, Novoa Santos de Ferrol e do PAC de Ourense. Ademais, privatizou a súa xestión, nun concurso que gañaron as empresas OHL e Eulen.

Custo estimado pola Xunta para os contratos dos centros de crise para vítimas de violencias sexuais no caso de optar por prorrogalos dous anos máis CC-BY-NC-SA Praza.gal

Cinco meses despois da súa posta en funcionamento, Praza.gal solicitou ao gabinete de prensa da Consellería de Política Social e Igualdade os contactos e a información necesaria para realizar unha reportaxe sobre como está a ser a súa implantación e demanda. Tras trece días de espera, sen resposta, e con chamadas e correos electrónicos de recordatorio, finalmente desde a Xunta resolveron que “agora” non se “considera oportuno” informar sobre estes centros. Houbo medios de comunicación con acceso a realizar entrevistas ao persoal contratado inicialmente, un extremo que confirma o gabinete de prensa de Política Social, que igualmente reitera a mensaxe de que “agora” non resulta “oportuno”.

En 2024 denunciáronse 14 violacións diarias no Estado. A Macroenquisa de Violencia contra a Muller de 2019 recollía só se denuncia o 11% de toda a violencia sexual

No primeiro trimestre de 2025 rexistráronse 187 delitos contra a liberdade sexual en Galicia, sendo 42 as agresións sexuais con penetración, segundo os datos do Balance de Criminalidade do Ministerio do Interior. No conxunto do Estado, os delitos contra a liberdade sexual medraron un 5,7% en 2024 a respecto do ano anterior; en concreto, foron 20.021 casos en 2023 e 21.159 en 2024. O ano pasado denunciáronse 14 violacións diarias no Estado, un total de 5.206, un 6,7% máis que o ano previo; o resto dos delitos contra a liberdade sexual denunciados foron 15.953 (un 5,4% máis). Os datos xerais de criminalidade estatal indican unha senda decrecente, pero estes delitos seguen medrando ano a ano. 

No Informe sobre delitos contra a liberdade sexual en España do Ministerio do Interior, correspondente ao ano 2023, constatan o incremento destes delitos a respecto dos anos anteriores e apuntan que os meses de maior concorrencia son de maio a outubro, a inmensa maioría dos casos en vivendas. As agresións sexuais prodúcense en maior proporción entre persoas menores de idade, salienta o informe, que recolle tamén como as agresións sexuais con penetración son predominantes no grupo de idade de entre 18 e 30 anos. En canto aos agresores, o 62,7% teñen a nacionalidade española, fronte a un 37,3% que son estranxeiros.

Segundo os datos do Informe anual sobre violencia de xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial, en 2024 xulgáronse 3.247 delitos contra a liberdade e indemnidade sexual. A Macroenquisa de Violencia contra a Muller de 2019 xa recollía que no Estado só se denuncia o 11% de toda a violencia sexual, porén, o 2,2% das mulleres maiores de 16 anos recoñece ter sido vítima das violencias sexuais. Entre os motivos que aducen para non denunciar destacan a vergoña (40,3% dos casos), que eran menores de idade no momento da agresión (40,2 %) e o medo a que non as crean (36,5%), así como o propio medo ao seu agresor (23,5 %).

“Non é que sexa un recurso necesario porque é obrigado por lei, é que é moi necesario porque as agresións sexuais son un tipo de violencia moi específico, que deixa unhas secuelas moi profundas”, explica Montserrat González, presidenta da Asociación de profesionais dos CIM (Asocim), que cando se puxeron en marcha os centros de crise preguntou na Xunta se habería un protocolo de derivación desde os Centros de Información á Muller (CIM) e lle contestaron que non era preciso protocolizar todo.

Montserrat González, traballadora nun CIM, pediu "coordinación" porque unha vez que se comete a agresión, hai un prazo máximo de 72 horas para a toma de mostras da vítima

“Neste caso, debera haber unha coordinación para que lles mandemos a xente que chega a nós. Eu, individualmente, xa o estou facendo”, asegura González, para engadir que tamén avisou ao centro de saúde da área na que traballa para que os profesionais sanitarios saiban a onde poden enviar as mulleres vítimas das violencias sexuais que ven na consulta. Unha das cuestións principais polas que González incide en que é necesario que se informe a todo os profesionais implicados é que unha vez que se comete a agresión, hai un prazo máximo de 72 horas para a toma de mostras da vítima, fundamental no caso de que queira denunciar.

Precisamente, os CIM e os centros de saúde, así como os servizos sociais, son as tres entidades que aparecen en primeiro lugar na relación de recursos que poden derivar casos aos centros de crise, tal e como figura na súa carta de servizos publicada pola Consellería de Política Social e Igualdade.

Entre os servizos dos centros de crise 24 horas figuran o “acompañamento integral á muller vítima de violencia sexual na asistencia a outros recursos sanitarios, sociais, policiais ou xudiciais, impedindo a vitimización secundaria e acorde coas circunstancias, necesidades e demandas da muller”; a “intervención psicolóxica especializada, orientada á crise e á redución/reparación das secuelas da violencia vivida”; a “intervención social especializada, orientada ao asesoramento e á activación de recursos e redes de apoio social, trámites e asesoramento, incluída a orientación sociolaboral”; e a “asistencia xurídica especializada: información, orientación asesoramento xurídico específico”.

Información sobre os centros de crise en Compostela CC-BY-SA Praza.gal

Cada un dos cinco centros de crise ten que contar cun asesor ou asesora xurídica, dous traballadores sociais, tres psicólogos ou psicólogas e un auxiliar administrativo. Un equipo multidisciplinar seleccionado e contratado pola empresa vencedora no concurso promovido pola Xunta, Eulen no caso do centro de Santiago e OHL no resto. 

As ofertas de emprego para cubrir as prazas de especialistas en Psicoloxía para o centro de crise compostelán, ás que tivo acceso este xornal, mostran como inicialmente requirían seis anos de experiencia e, aos tres meses da súa entrada en funcionamento, pasaron a pedir só un ano de experiencia laboral para o mesmo posto.

"Estes centros non son só para as vítimas que teñan un procedemento penal aberto, tamén están para quen non quere denunciar ou non está preparada para facelo", salienta a xuíza Paz Filgueira

“Como profesional, non me parece correcto que se fixera unha externalización do persoal destes centros. Debera contratarse polas listas públicas. Xa vemos o que está pasando coa sanidade, así parece que vamos cara a un camiño no que se poida privatizar todo, e estes servizos son moi delicados, precisan dunha continuidade e estabilidade dos e das profesionais para garantir a mellor atención”, debulla Montserrat González.

A xuíza Paz Filgueira, especialista en violencias machistas, e que recibe casos de violencias sexuais nos xulgados de Compostela, considera que os centros de crise son “un dos grandes elementos importantes para detectar, paliar e reparar” que impulsa a coñecida como lei do só si é si. “Eu teño unha relación fluída co centro de Santiago, estou derivando os casos de agresión sexual que teño aquí”, explica a Praza.gal.

“Paréceme moi necesario salientar que estes centros non son só para as vítimas que teñan un procedemento penal aberto, tamén están para quen non quere denunciar ou non está preparada para facelo. O que é moi importante é que, mentres non prescriba o delito, poidan apoiar a vítima porque non todo o mundo está preparado no momento inicial. Os centros están deseñados para calquera tipo de delito que afecte á indemnidade da persoa, aínda que o delito estea prescrito e pasaran vinte anos, a vítima ten dereito a ser reparada. É dicir, que pode igualmente acudir ao centro de crise, contar a súa historia e visualizar que secuelas ten”, destaca Paz Filgueira.

Detalle do contrato de publicidade da Xunta en xornais sobre os centros de crise 24 horas CC-BY-SA Praza.gal

A Xunta dedica case 100.000 euros a unha campaña de publicidade dos centros de crise "en prensa escrita xeneralista" en "páxina cor impar" para "dar a coñecer a existencia, utilidade e alcance dos servizos prestados"

“Son unha ferramenta moi interesante para saber todo o que sucede e todas as persoas que foron agredidas sexualmente, aínda que xa non poidan ir pola vía penal porque o delito estea prescrito ou porque non o desexan, pois é un delito moi íntimo que poden non querer revelar por motivos múltiples. A violencia sexual non é un invento actual, é un delito histórico, atemporal e desde sempre, e é moi importante visualizar todo o que sucede e canto non se denunciou, canto se calou e como repercuten na integridade e na dignidade da persoa unhas secuelas tan graves como estas”, defende a maxistrada.

Por outra banda, a Dirección xeral de loita contra a violencia de xénero, responsable directa dos centros de crise 24 horas, promoveu agora unha “campaña de difusión en prensa” co obxectivo de “dar a coñecer a existencia, utilidade e alcance dos servizos prestados” por estes centros para mulleres vítimas de violencias sexuais.

O orzamento total para esta campaña publicitaria é de case cen mil euros (99.994,40) e consiste nun “plan de insercións en prensa escrita xeneralista” en “páxina cor impar en domingo/festivo e laborable”, “sempre no primeiro terzo do diario ou nas páxinas dedicadas a información nacional ou, de ser o caso, a Galicia”. “Todos os xornais galegos ou con segmentación publicitaria para Galicia terán, polo menos, unha inserción en formato páxina”, explicita o expediente de contratación, que indica que estas insercións publicitarias deberan mostrarse “do 20 ao 27 de maio de 2025”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.