Un estudo do Ministerio estima que hai máis de 184.000 mulleres en situación de prostitución no Estado

Imaxe do 'Macroestudio sobre trata, explotación sexual e prostitución de mulleres: unha aproximación cuantitativa' CC-BY-SA Ministerio de Igualdade

A delegada do Goberno contra a violencia de xénero sinala que "en 2023 polo menos 114.576 mulleres de 18 anos en diante estaban en situación de prostitución no noso país a través de anuncios web"

A trata con fins de explotación sexual, con mulleres e nenas como principais vítimas, é unha forma de violencia machista baseada no postulado patriarcal de superioridade do home fronte á muller, amparada pola idea de que a muller é inferior e o seu destino é servir ao home, en definitiva, pola desigualdade estrutural de xénero, profundamente enraizada na nosa sociedade.

A feminización da pobreza e a globalización das migracións teñen gran peso na existencia da trata con fins de explotación sexual, que está estreitamente ligada á prostitución. Para poder profundar nas características e dimensións da primeira, polo tanto, é condición indispensable mellorar o coñecemento existente sobre a segunda. Diso se encarga o Macroestudo sobre trata, explotación sexual e prostitución de mulleres: unha aproximación cuantitativa promovido pola Delegación do Goberno de España contra a Violencia de Xénero, que trata de coñecer o número estimado de mulleres en situación de prostitución no Estado español, así como realizar un primeiro achegamento á estimación do número de vítimas de explotación sexual e trata con fins de explotación sexual que existen.

Exposición da Rede Galega contra a Trata nun centro educativo © CIFP A Xunqueira

Sabemos que o que non se nomea non existe, e descoñecer a dimensión real do que está a suceder, do número de mulleres vítimas de trata, explotación sexual ou prostitución, tanto no Estado español como no resto do mundo, dificulta o deseño e a implementación de políticas públicas eficaces a este respecto. A metodoloxía foi complexa e o reto ambicioso, pero finalmente o estudo centrouse exclusivamente en analizar os anuncios de prostitución de mulleres en páxinas web que ofertan servizos presenciais, excluíndo os sitios web ou anuncios de cibersexo así como vídeos de contido sexual, ao longo do ano 2023. 

As estimacións do maior estudo realizado sobre a materia apuntan que pode haber "aproximadamente entre 152.735 e 184.234 mulleres" en situación de prostitución

Así, como destaca Carmen Martínez Perza, delegada do Goberno contra a violencia de xénero, “grazas a este estudo podemos saber que en 2023 polo menos 114.576 mulleres de 18 anos en diante estaban en situación de prostitución no noso país a través de anuncios web”. Isto supón o 0,56% das mulleres de 18 ou máis anos que viven no Estado.

Analízanse 204.433 anuncios web: destes, o 94,5% corresponde a mulleres en situación de prostitución, un 1,58% son de mulleres transexuais en situación de prostitución, e un 1,84% de homes en situación de prostitución. A porcentaxe restante ata o 100% compréndeno categorías como ofertas de traballo ou alugueiro de habitacións para realizar a actividade prostitucional. 

Destes 204.433 anuncios, seleccionáronse 196.416 correspondentes a mulleres e mulleres transexuais, que se someteron a un novo proceso de eliminación de duplicados co obxectivo de obter mulleres con identidades “únicas”. E lográronse identificar 114.576 mulleres “únicas” con anuncios activos en 2023.

Imaxe da Rede galega contra a trata sexual © Rede galega contra a trata sexual

Seguindo cos datos recompilados neste macroestudo, case unha de cada tres mulleres identificadas (28,22%) declaran ter entre 18 e 24 anos, e o 32,04% entre 25 e 36 anos. Porén, non existe información sobre a idade de case un terzo destas mulleres. O grupo de idade de 18 a 24 anos é o que presenta, ademais, unha maior taxa de mulleres en situación de prostitución: 189 mulleres en situación de prostitución por cada 10.000 mulleres. 

Máis da metade das mulleres identificadas (51,3%) correspóndense co grupo de orixe Latinoamericana. As mulleres de orixe europea conforman o 16,32% do total, sendo o segundo grupo máis común. Con todo, no 29,11% dos casos non hai información sobre esta variable.

Polo tanto, o estudo de Igualdadae conclúe que “podería haber polo menos entre 9.764 e 17.639 mulleres en risco de trata con fins de explotación sexual, o que supón entre o 8,52% e o 15,40% do total de mulleres prostituídas. E ata 27.757 mulleres en risco de explotación sexual (o 24,23% do total). 

Case unha de cada tres mulleres identificadas no estudo declaran ter entre 18 e 24 anos, o grupo de idade coa maior taxa de mulleres en situación de prostitución: 189 mulleres en situación de prostitución por cada 10.000

Na análise por Comunidades Autónomas vemos que a taxa de mulleres en situación de prostitución por cada 10.000 mulleres de 18 e máis anos en Galicia é de 33,23. A máis alta é a de Illes Balears con 121,38 e a máis baixa é en Estremadura cun 19,42 (sen ter en conta os datos de Ceuta e Melilla). Non foi posible extraer información acerca da presenza de menores de idade, non porque non as haxa senón porque ao supoñer un delito é algo que se oculta.

Resulta evidente que hai máis mulleres en situación de prostitución que as 114.576 analizadas, entre outros motivos, porque hai mulleres que non se anuncian na internet, e porque non se analizaron todos os portais existentes. Por iso, para estimar o tamaño dunha poboación oculta utilízanse métodos indirectos, que estiman a prevalencia real partindo de bases de datos incompletas. 

Segundo explican as e os autores do documento, neste estudo empregouse o método de Poisson Truncado que estima a prevalencia dunha poboación a partir dunha fonte de datos incompleta, neste caso, o número de anuncios de mulleres “únicas” identificadas. O proceso seguido para chegar á estimación ten unha gran complexidade metodolóxica e implicou o uso de numerosas hipóteses. É, por tanto, unha estimación que hai que tomar con prudencia, destacan. Como resultado do proceso de estimación, obtívose que no ano 2023 en España podía haber aproximadamente entre 152.735 e 184.234 mulleres en situación de prostitución.

Captura do vídeo da Policía Nacional coas detencións que implican a 21 mulleres vítimas de trata e explotación sexual en setembro CC-BY-SA Praza.gal

O presente estudo ten bastantes limitacións e non logra facer unha foto fixa de 2023 porque deixa á parte as mulleres que están rexistradas en plataformas como Onlyfans, cada vez máis popularizadas entre as mulleres máis novas, posto que se centrou exclusivamente en analizar os anuncios de prostitución de mulleres en páxinas web que ofertan servizos presenciais, excluíndo as webs ou anuncios de cibersexo así como vídeos de contido sexual. Aínda así, é a aproximación máis importante dos últimos tempos para tratar de dimensionar o problema da prostitución e a trata no Estado.

O estudo de Igualdadae conclúe que "podería haber polo menos entre 9.764 e 17.639 mulleres en risco de trata con fins de explotación sexual"

“Chégannos moitas mulleres que nos contan como viñeron, quen as trouxo e o que lles está pasando pero cando lles explicas como é o procedemento para denuncialo non o aceptan”, afirmou a avogada especialista Ana María García Costas, que colabora como asesora xurídica da ONG Faraxa, en conversa con Praza a proposito dunha xornada da Rede galega contra a trata sexual

A partir dos traballos para elaborar este macroestudo atopáronse evidencias de movementos que sitúan a España como punto de destino, orixe e tránsito para as vítimas de trata, tal e como se desprende da gran presenza de frases como “recentemente chegada”, “novidade en”, “só uns días”, “de vacacións en”, “de visita en” etc., así como anuncios de trámites de pasaportes, visados ou permisos de traballo. Se a poboación baixo estudo está suxeita a unha alta mobilidade (entre outros motivos por ser algunhas delas vítimas de explotación sexual e/ou de trata), a súa estimación faise máis complexa aínda, recoñecen as persoas autoras. 

Mapa do número de mulleres en situación de prostitución identificadas no macroestudo por provincias CC-BY-SA Ministerio de Igualdade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.