Orfa en Nixeria, prostituída na Coruña e Santiago: dous anos de viaxes e explotación dunha testemuña protexida

Rescate a un grupo de migrantes no Mediterráneo © Médicos Sen Fronteiras

Sete persoas son xulgadas a partir deste martes en Santiago por trata de seres humanos cun relato acusatorio da Fiscalía que revela as estratexias de coacción e submisión que sofren persoas migrantes

A muller non ten nome, oculto no escrito de acusación da Fiscalía baixo a denominación "testemuña protexida un". Pero a súa historia, mesmo contada en termos xurídicos, revela as estratexias de coacción e submisión que sofren algunhas persoas migrantes en busca dunha vida mellor. Unha historia de dous anos de viaxes e explotación que neste caso levará a xuízo, a partir deste martes en Santiago, a sete persoas orixinarias de Nixeria acusadas de trata de seres humanos e indución á prostitución para as que a Fiscalía pide entre un e 13 anos de cadea. 

A historia humana que conta a Fiscalía no seu escrito de acusación iníciase en Benin City, terceira cidade de Nixeria, cun millón e medio de habitantes, de onde son a vítima e os sete acusados deste caso. A primeira, orfa e "cun único familiar próximo, a súa avoa, que foi quen a criou", vivía alí "en condicións moi humildes, con grandes dificultades económicas para subsistir no día a día".

Persoas migrantes rescatadas no Mediterráneo © Médicos Sen Fronteiras

Ante as súas dificultades, e antes de entrar en contacto cos agora acusados, a muller "buscou a protección dun home maior que a agrediu sexualmente, quedou embarazada e tivo que interromper o embarazo". Despois estableceu contacto con outro home "que lle prometeu unha vida mellor en Europa, dicíndolle que el tamén quería viaxar" e "foi levada a Togo, onde coñeceu a súa primeira proxeneta, unha muller que a esixía prostituírse para conseguir o diñeiro necesario para proseguir a viaxe". Pero esa primeira viaxe quedou frustrada porque para a súa proxeneta "resultou non ser rendible", así que lle permitiron regresar a Nixeria. 

A avoa da vítima, única familiar, foi contactada en Nixeria por "emisarios" que a advertiron de que a muller tiña que seguir pagando a súa débeda de 25.000 euros "para evitar problemas"

O segundo intento de emigrar, o que a acabaría traendo a Galicia, iniciouno en xullo de 2016. Viaxou por terra atravesando Nixeira e Níxer ata Libia, onde estivo agardando nun campamento ata que en outubro dese ano foi trasladada por mar a Italia "nunha balsa con 160 persoas a bordo".

Segundo o escrito da Fiscalía, esa viaxe foi financiada por unha muller tamén nacida en Benin City e residente en Madrid co seu home, igualmente acusado, a través de intermediarios e coñecidos mutuos en Nixeria. Cando a muller chegou a Italia, os acusados "sabían da situación da vítima e puxéronse en contacto con ela para traela a España". O home desprazouse a Italia para e acompañouna en autobús primeiro ata Francia e en tren ata a súa propia vivenda en Madrid, a onde chegaron a finais de outubro de 2016.

Rescate de migrantes nun bote inchable no Mediterráneo © Ikram N'gadi

"Acompañala no traxecto e aloxala na súa propia casa", di a Fiscalía, "facilitaba" a esta parella acusada "ter o control sobre a vítima" e proporcionáballes "o argumento de que ela estaba en débeda con eles" ao tempo que "evitaban que trabase contacto con terceiras persoas que lle abrirsen outras expectativas de contactos sociais, de oportunidades de traballo, formas de saír adiante". E preparaban o camiño para "facerlle ver que a súa única saída era dedicarse á prostitución, e que co diñeiro que gañara podería saldar a débeda con eles". Unha débeda que lle comunicaron que ascendía a 25.000 euros, facéndolle ver "que sabían que en Nixeria deixara a súa avoa", dato que "intimidou á vítima".

Os acusados "evitaban que trabase contacto con terceiras persoas que lle abrisen outras expectativas" e facíanlle ver "que a súa única saída era dedicarse á prostitución"

Pola casa "acudían con frecuencia outros nixerianos", entre eles outro dos acusados, co que a vítima iniciou unha relación de parella e co que foi vivir. Pero este, "en conivencia cos anteriores, fíxolle ver que as opcións que tiña para saír adiante eran a mendicidade e a prostitución", o que levou a vítima a mendigar durante un tempo na parada de Metro de Nuevos Ministerios.

"Créndose xa libre" do matrimonio que a trouxera a España, a vítima deixou de pagar pero "emisarios" contactaron coa súa avoa en Nixeria advertíndolle de que debía seguir facéndoo "para evitar problemas".

Exposición da Rede Galega contra a Trata nun centro educativo © CIFP A Xunqueira

En xullo de 2017 a vítima, instada por outra das acusadas, trasladouse a vivir con esta á Coruña, onde estivo 6 meses exercendo a prostitución nun club que coñeceu a instancias da súa nova anfitrioa, que "actuaba en conivencia" coa muller do primeiro matrimonio de nixerianos establecidos en Madrid. Os cartos que a vítima obtiñan ían durante ese tempo tanto para quen a trouxera inicialmente a España como para a nova anfitrioa na Coruña, que "esixía unha postura de submisión".

"Durante os meses da Coruña a vítima recibía oportunamente chamadas de teléfono" nas que se lle advertía "de males se non pagaba".

Cansa das condicións en que tiña que exercer a prostitución na Coruña, a comezos de 2018 outra acusada "encamiñouna a outro club, en Santiago" e a vítima pasou a aloxarse no Milladoiro. En Compostela "puido exercer a prostitución en mellores condicións, pero seguía recibindo chamadas por teléfono que lle dicían que tiña que seguir amortizando a débeda". "A vítima continuou facendo algúns pagos máis, ata que reuniu o valor suficiente para atreverse a deixar de facelo", di a Fiscalía, que calcula que "xa lles entregara polo menos 4.000 euros".

Entrada dos Xulgados de Santiago, onde a sección sexta da Audiencia da Coruña xulgará o caso a partir deste martes CC-BY-SA Praza Pública

"A través de amizades que fixo no Milladoiro, en marzo de 2018 entrou en contacto cun programa que lle facilitou orientación e axuda para saír da prostitución" e denunciou o seu caso

Finalmente, "a través de amizades que fixo no Milladoiro, en marzo de 2018 entrou en contacto cun programa que lle facilitou orientación e axuda para saír da prostitución" e o 31 de maio denunciou ante o xulgado todo o que lle sucedera.

A muller pasou a ser testemuña protexida e a investigación policial, que incluíu rexistros domiciliarios, acabou detectando outras dúas vítimas, dous homes tamén de Benin City igualmente explotados pola trama. 

Para a Fiscalía, os sete acusados "desenvolveron de forma sostida ao longo do tempo, de forma coordinada entre eles e con ánimo de lucro, actividades relacionadas coa inmigración irregular de persoas procedentes de Nixeria, aproveitando distintos modos de lucrarse". Agora será a Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago, a que decida sobre o caso no xuízo previsto para este martes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.