O 30 de xullo conmemoramos un ano máis o Día Internacional Contra a Trata de Persoas, un dos delitos máis aberrantes contra o ser humano, con numerosos propósitos entre os que destacan a explotación sexual como principal fin. No mundo máis de 40 millóns de persoas son vítimas de explotación sexual, das cales o 72% son mulleres e nenas que proceden dos grupos máis vulnerables da sociedade, especialmente mulleres migrantes en situación administrativa irregular. En Galicia, por exemplo, representan o 90% dos casos detectados. Estes datos son só a punta do iceberg, porque aínda que non se dispoñan de datos exactos polo propio entorno de delincuencia organizada no que se desenvolve a prostitución, España aparece como un dos principais destinos de mulleres e nenas vítimas de trata cun moi preocupante incremento de homes prostituídores cada vez máis novos que se sitúan entorno aos 20 anos.
A mercantilización de mulleres e nenas supón un lucrativo negocio, que move no mundo ao redor de 18.000 millóns de dólares representando o segundo posto no ranking de rentabilidade, reafirmando así que a desigualdade de xénero é un piar fundamental do sistema capitalista. O proxenetismo constitúe o motor fundamental que fai posible, favorece e estimula a prostitución e o desenrolo da trata de mulleres e nenas, converte a escravitude no recurso que utilizan mafias e proxenetas para abastecer o crecente mercado da prostitución.
Con motivo deste día, leemos os últimos datos do Informe Global de Trata de Persoas, elaborado por Nacións Unidas e nos arrepían, pero poden parecer lonxanos, non afectan na nosa vida cotiá, parece que non podemos facer nada. Pero hai unha realidade que debemos ter presente: o carón das nosas casas temos “Clubes” que recoñecemos, que sabemos o que acontece neles (ou imaxinamos) sostidos por proxenetas e homes prostituídores.
Si, temos en Galicia a maior causa xudicial contra o proxenetismo en España coa Operación Carioca en Lugo, na que a Fiscalía non contemplou delito na prostitución dunha menor porque falsificou o seu DNI cun “bolígrafo Bic”, entre outros presuntos delitos como abusos sexuais, prostitución coactiva e lucrativa, tráfico de influencias, trata de seres humanos con fins de explotación sexual e con débeda, omisión do deber de perseguir delitos, concertación de matrimonio de conveniencia, entre outros. Todo elo sostido por 370 testemuñas que non fan máis que poñer sobre a mesa que a prostitución vulnera os dereitos humanos, o dereito que temos as persoas de non ser abusadas nin utilizadas sexualmente, nin de forma gratuíta nin a cambio dunha compensación económica.
Temos que facernos conscientes que a escravitude témola ao carón das nosas casas e que podemos e temos que formar parte da solución para loitar contra a trata. Podemos comezar con instar ao Goberno a reformar o Código Penal coa elevación de castigo a proxenetas. O Código penal ten que definir a figura do proxeneta, porque co artigo actual son moi poucos os proxenetas os que chegan a ser denunciados e por suposto condenados, porque son moi poucas as mulleres prostituídas que son capaces e teñen medios para enfrontarse as mafias que manteñen a industria do sexo.
A loita contra a trata de mulleres e menores debe ter un incremento de recursos destinados ao desmantelamento das redes e a “Industria” da prostitución que están cada vez máis presentes no noso país e que deben dirixirse ás vítimas de trata, tráfico e prostitución, medidas específicas de integración e inserción laboral para as mulleres prostituídas, se así o deciden. Debemos rexeitar as medidas meramente prohibicionistas, dirixidas á persecución e criminalización das vítimas, as mulleres prostituídas, sen intervir contra os agresores, proxenetas e os prostituídores.
Informar, sensibilizar e concienciar á sociedade en xeral, para que considere a os homes clientes prostituídores como corresponsables da persistencia da lacra da trata de mulleres e menores para fins de explotación sexual.
É innegable o vínculo entre a trata de persoas e a explotación sexual. Non existiría a trata de persoas con fins de explotación sexual se non existira a prostitución e, a súa vez, esta non existiría se non houbese unha demanda, e non existiría a demanda se vivísemos nunha sociedade igualitaria onde un home nunca podería mercar, nin querería, o uso do corpo dunha muller.