"A trata é o chibo expiatorio social para non afrontar o fenómeno da prostitución e seguir tolerando a explotación sexual"
Silvia Pérez Freire, profesora da Universidade de Vigo, foi recoñecida hai uns días co premio á mellor tese de 2018 sobre violencia de xénero, concedido polo Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade. O pasado ano presentou na USC o seu traballo Vitimización da trata sexual: imaxinarios e invisibilización, unha investigación na que salienta que a trata sexual se converte "no chibo expiatorio para non
afrontar o fenómeno da prostitución e con elo, aspirar a eludir a nosa responsabilidade social co fenómeno".
Pérez Freire é tamén portavoz da Rede galega contra a Trata sexual e nos últimos anos ten realizado numerosas investigación sobre a prostitución en Galicia, como o informe Estudo Exploratorio da Trata de Persoas en Galicia, editado pola Xunta no ano 2013, ou o libro El putero español (Editorial Catarata), publicado conxuntamente con Rosa M. Verdugo e Águeda Gómez, a quen entrevistamos hai tres anos.
En España e en Galicia hai unha gran carencia de estudos en profundidade sobre o fenómeno da prostitución, o número de homes que a consumen e o número de mulleres que sofren a explotación sexual, pero os informes publicados barallan unha cifran aproximada de entre 8.000 e 10.000 prostitutas en Galicia e máis de 100.000 no conxunto do Estado. Calcúlase, así mesmo, que os españois gastan cada día máis 50 millóns de euros en pagar por sexo, un negocio que move máis de 18.000 millóns de euros ao ano.
"Unha muller non debe ser sancionada, perseguida nin investigada por exercer a prostitución, pero iso non significa que debamos permitir que a exploten sexualmente"
A sociedade alármase ante a trata pero tolera en exceso o conxunto da prostitución e todos os seus mecanismos de explotación sexual?
Totalmente, por iso eu expoño que a trata é o chibo expiatorio social para non afrontar o fenómeno da prostitución e seguir tolerando a explotación sexual. Esta última, a pesar de estar penada no noso país, non se persegue e este feito non é menor. Creo que é importante sinalar que en España non é ilegal prostituirse e así debe ser. Por que? Na miña opinión, unha muller non debe ser sancionada, perseguida nin investigada por exercer a prostitución, pero iso non significa que debamos permitir que a exploten sexualmente nin que comercien con ela. Temos que empezar a ser contundentes con isto, xa. Por outra banda, por moita visibilidade que estea tendo a trata sexual actualmente tampouco quere dicir que se estea a perseguir coa dilixencia e seriedade debida. España foi multada pola Comisión europea por atrasar máis de dez anos a transposición xurídica de varias directivas de obrigado cumprimento en materia de trata de persoas, que aínda a día de hoxe debemos completar así que… esperemos que máis cedo que tarde, nos poñamos a iso.
"Os tratantes e os explotadores estanse trasladando a outros espazos máis protexidos para eles, os pisos. Aquí, estas inspeccións requiren de orden xudicial previa"
A invisibilidade da prostitución e a súa mestura con outros procesos (procesos autónomos de migración que rematan en engano ou en situacións de gran precariedade) dificultan perseguir o negocio da explotación sexual?
Non, necesariamente. Se un Estado condena e articula unha resposta eficaz ante algo que se considera inadmisible, as pretendidas confusións que agora se dan pola torpeza e falta de vontade real para afrontalo, se dilúen e perderían consistencia.
A prostitución estase movendo das rúas e dos clubs cara aos pisos, con contactos que ademais se realizan moitas veces a través de Internet. Por que se produce isto? Que efectos ten, sobre todo para elas e para a invisibilidade da prostitución?
Ben, este proceso é bastante fácil de comprender se temos en conta que o negocio do comercio sexual está moito máis organizado do que poderíamos pensar. Coa tipificación do delito da trata de persoas no 2010 empezou a instaurarse a necesidade de dar unha resposta institucional acorde co marco lexislativo. Aquí empezaron a sistematizarse as inspeccións policiais en contextos prostitucionais públicos: rúas e clubs, maiormente. A consecuencia foi que os tratantes e os explotadores se están trasladando a outros espazos máis protexidos para eles, internet e os pisos. Aquí, estas inspeccións requiren de orden xudicial previa, e con isto evitan a molesta e continua visita periódica dos corpos e forzas de seguridade. Temos que dicir tamén que tampouco é que estivesen conseguindo moito con estas inspeccións, pero iso é outra historia e por outros motivos, que abordo na tese.
"O caso Carioca de Lugo é unha mostra máis da connivencia social e institucional co comercio sexual pero non foi algo illado"
Na introdución da tese fas referencia a un caso terrible sucedido en Vigo hai algúns anos e sinalas que neste momento a actuación policial, sanitaria, xudicial... non sería igual. Melloraron estes aspectos?
Si, houbo avances moi importantes nos últimos cinco, dez anos. Pero como tamén digo só é unha cuestión de graos e do noso nivel de esixencia. O caso Carioca de Lugo é unha mostra máis da connivencia social e institucional co comercio sexual pero nin foi algo illado nin é algo que non se poida extrapolar a moitas outras circunstancias, outra cousa é que non queiramos velo.
Que efectos tería a legalización da prostitución? Sería positivo perseguir o cliente, como se fai por exemplo en Suecia?
A través das leis defínese o que é ou non é admisible nunha sociedade. Con iso creas unha pedagoxía da conduta ligada a un marco de valores cos que se trata de socializar a unha poboación. Por iso creo que o clientelismo sexual debería ser sancionado, pero antes hai que minimizar o comercio sexual do noso país e para iso, hai que ter a vontade firme de que se cumpran as leis contra a explotación sexual e a trata. Empezando por aí xa estariamos iniciando algo que no futuro nos levaría ao demais.
"O clientelismo sexual debería ser sancionado, pero antes hai que minimizar o comercio sexual do noso país"
Falamos moito das prostitutas (e ás veces dos proxenetas) pero pouco dos clientes? Hai que facer fincapé na responsabilidade dos homes que pagan pola prostitución?
Esta é unha cuestión clave e substancial neste tema. Afortunadamente xa se están a facer bastantes estudos sobre os puteiros, como no seu día se fixo sobre os maltratadores. Hai que tratar de entender e seguro que isto nos achega moito, pero sen esquecer cal é o marco de referencia do que partimos: a sexualidade e a afectividade son necesidades básicas das persoas e todos e todas temos dereito a promover a nosa saúde física, mental e social, pero isto implica uns límites, que pasan polo respecto dos dereitos das demais persoas, neste caso, polas mulleres, cousa que non ten lugar na prostitución. Por que? Porque se instrumentaliza sexualmente o corpo alleo á marxe do seu desexo e pracer e polo tanto, á marxe de facer uso da súa liberdade sexual, que queda supeditada á transacción económica, unha mera coartada para quebrar a súa vontade. Non é casual que sexan as mulleres as que estean designadas socialmente para exercer este papel, o da prostitución, como tampouco que sexan eles, os homes puteiros, os invisibilizados neste sistema de opresión.
"Non é casual que sexan os homes puteiros os invisibilizados neste sistema de opresión"
Nos últimos anos varios estudos incidiron en que hai varios perfís de puteiros, distintos entre si, como xa destacáchede no libro El putero español. Notas que nos últimos anos mudou algo o seu perfil?
Ben, hai uns doce anos tiven a oportunidade de investigar máis ou menos en profundidade sobre este tema, grazas a iniciativas promovidas sobre todo pola Universidade de Vigo e si, houbo cambios. Hai unha normalización absoluta das relacións sexuais comerciais e isto está en consonancia coa consolidación dunha ideoloxía capitalista neoliberal moi patriarcalizada, algo que xa apuntaba maneiras hai tempo pero que agora se constata sen tapuxos.
"Hai unha normalización absoluta das relacións sexuais comerciais e isto está en consonancia coa consolidación dunha ideoloxía capitalista neoliberal moi patriarcalizada"
Como se relaciona a prostitución coa construción da masculinidade nun sentido determinado? E que papel xoga no mantemento dunha violencia estrutural cara á muller, na violencia sexual ou nun pretendido dereito ao sexo do home?
Pois fundamentalmente responde a que os homes se atopan nun escenario controvertido onde a profunda crise económica, por un lado, e os logros dos dereitos das mulleres, por outro; os sitúan nuns mandatos e/ou roles para os que aínda, na súa maioría, non están adestrados e claro, séntense incómodos. Iso, como pouco. A prostitución está sendo un refuxio para moitos homes puteiros derivado do que se percibe como unha precarización xeral da súa vida, algo co que as mulleres convivimos acotío, por outra parte. Deste xeito, o espazo prostitucional é unha illa fantástica onde todos os homes poden despregar as condutas máis inimaxinables no medio dunha realidade na que che están esixindo respecto, igualdade de oportunidades, corresponsabilidade... Claro, é un tipo de masculinidade enraizada nos valores tradicionais machistas, pero que aínda hoxe segue a ser hexemónica, a pesar de todo. E mentres dure, non acadaremos unha equidade real.
Os argumentos que defenden que a prostitución "é un traballo como calquera outro", "mellor ser prostituta que limpar escaleiras" ou "hai mulleres que elixen isto libremente e debemos respectalo" están axudando ao mantemento do negocio da explotación sexual?
Forma parte da mentalidade connivente co sistema de opresión, pero eu creo que isto ten pouco percorrido. Non podemos tratar o sexo como calquera outro produto de consumo. En calquera interacción de carácter íntima con outra persoa (sexa ou non sexual) interveñen elementos de corresponsabilidade ética que nos expón e identifica como suxeitos e de facerse doutra maneira, simplemente estariamos a falar doutros mundos. Reservar unha actividade que é nociva para o conxunto de toda a sociedade para a parte da poboación que conta con menos oportunidades e non lle queda outra é tamén unha perversión. Logo queremos falar de democracia real, de participación cidadá e da non discriminación. Claro que hai que respectar! Pero empecemos por respectarnos todos e todas e logo falemos do fenómeno e das estruturas de poder subxacentes nel.
"A prostitución é unha illa fantástica onde os homes poden despregar as condutas máis inimaxinables nunha realidade que lles está esixindo respecto, igualdade, corresponsabilidade..."
Como se pode compaxinar un obxectivo de darlles voz ás prostitutas con evitar que iso sexa aproveitado polos proxenetas para atopar novos espazos de representación e actuación, por exemplo a través de sindicatos como Otras?
Isto é moi complicado, porque estamos a falar dunha grande industria e, como tal, constitúen un lobby económico que vai facer todo o posible para seguir enriquecéndose a custa das mulleres. Para iso, a primeira estratexia eficaz é instrumentalizar as oprimidas. Isto non tería tampouco moito percorrido se contaramos con medios máis comprometidos con certos niveis de calidade informativa, pero para iso tamén habería que ter un contexto que o propiciase e non é o caso. Os medios de comunicación no noso país tamén están sobrevivindo nunhas condicións que fan que teñan que facer moitas concesións, máis ou menos intencionadas, que están en contradición co exercicio da súa profesionalidade.
"Constitúen un lobby económico que vai facer todo o posible para seguir enriquecéndose a custa das mulleres. Para iso, a primeira estratexia eficaz é instrumentalizar as oprimidas"
Por outra banda, tampouco debemos abandonar a idea de achegarnos a coñecer unha realidade dende o punto de vista das persoas afectadas, que debe ter cabida na esfera pública. Partindo do respecto que todas e todos merecemos e cun pouco de sentidiño (é dicir, sen frivolidades) podería ser unha boa receita para afrontar dende os medios de comunicación calquera tema, pero máis aínda no que atinxe a situacións de violencia de xénero, como é tamén a prostitución.
As mulleres en situación de prostitución son múltiples e diversas, de todas as ideoloxías e crenzas, algunhas con profundas raíces culturais e outras desarraigadas e vidas de case todas as partes do mundo. E quizais tamén a nosa veciña con quen fomos a escola. Calquera muller está en disposición de ser prostituíble nesta sociedade, algo que adoitamos esquecer moi oportunamente para non sentirnos interpeladas. Pero estámolo, cada muller o está, sáibao ou non, sexa ou non consciente diso.