O "campus arraigado á terra", un "aliado estratéxico" de Lugo que agora voa

Traballo na gaiola de drons do Campus Terra © Deputación de Lugo
https://api.praza.gal/storage/uploads/cintinodepulugo-2863e1d.jpeg

A Deputación de Lugo mantén unha achega anual de 370.500 euros ao Campus Terra da USC: "Contribúe a que sexa polo de coñecemento centrado na investigación aplicada e nos sectores estratéxicos da provincia"

Un "campus arraigado á terra" que mesmo voa. O campus da Universidade de Santiago en Lugo, o Campus Terra, vén sendo sinalado como "aliado estratéxico" da provincia. Así o observa a Deputación lucense, historicamente da man da institución académica en termos simbólicos mais tamén prácticos, cunha achega anual de 370.500 euros para reforzar os seus centros de investigación, a innovación docente ou mantelo "á vangarda da investigación".

Trátase, explica o presidente da Deputación, José Tomé, de que ese "arraigo á terra" se combine coa "conexión coa realidade" e con ser "punteiro e innovador" para "contribuír ao desenvolvemento sostible do rural galego". A "aposta", abonda, "contribúe de maneira directa" en que o campus de Lugo sexa "polo de coñecemento e innovación, centrado na investigación aplicada e nos sectores estratéxicos da provincia" e tamén en novas infraestruturas. 

Visita do presidente da Deputación de Lugo e outros representantes da institución provincial e da USC á gaiola de drons do Campus Terra © Deputación de Lugo

Algunhas das máis novas ollan ao ceo. É o caso da recentemente instalada gaiola de drons. Trátase dunha "infraestrutura pioneira" na que o alumnado do campus de Lugo pode "facer prácticas de voo e control de sistemas aéreos non tripulados" que teñen "aplicacións directas" en ámbitos directamente vencellados coas áreas de coñecemento que estudan: "Agricultura de precisión, xestión forestal ou prevención de incendios".

A nova gaiola de drons permite prácticas de voo con "aplicacións directas" en eidos como a "agricultura de precisión, xestión forestal ou prevención de incendios"

Accións coma esta combínanse con outras consolidadas, como a "formación práctica en contorna produtiva real" na Granxa Experimental de Leite Gayoso Castro, que a Deputación de Lugo mantén en Castro de Rei. Nesta explotación experimental combinan "investigación, innovación e contacto coa realidade produtiva".

O Campus Terra está, asemade, en pleno crecemento. Neste sentido, a Deputación destaca que "facilitou a cesión de terreos" para a nova Facultade de Formación do Profesorado. "É unha actuación clave para ampliar espazos, mellorar infraestruturas e dar resposta á demanda crecente de estudantes".

Actividade académica do Campus Terra na Granxa Experimental de Leite Gayoso Castro da Deputación de Lugo © Deputación de Lugo

Esta colaboración entre goberno provincial e USC en torno ao Campus Terra, manteñen, "evidencia un modelo de cooperación institucional que produce resultados visibles" con "estudantes con formación máis completa, investigación ao servizo do territorio e un campus que medra". Porque, agregan, "unha universidade pública forte" converte a educación superior "nunha das mellores ferramentas para garantir un futuro sostible e competitivo para Lugo e o seu rural".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.