"Boas condicións de benestar animal repercuten no aumento da produción e polo tanto na rendibilidade das granxas"

Sonia Verdes, directora da granxa Gayoso Castro CC-BY-SA Praza.gal
https://api.praza.gal/storage/uploads/cintinoprende2-0b45877.jpeg

O sector agrogandeiro é fundamental na economía dun gran número de concellos galegos e, de forma moi siginificativa, na provincia de Lugo. Dende hai tempo, a Deputación lucense apoia o sector a través da aposta que realiza na Granxa Gayoso Castro, en Castro de Rei, onde funciona unha granxa experimental de leite e un centro público de recría de gando vacún, que ofrecen servizos diversos tanto á universidade (como espazo de formación do alumnado e de investigación) coma ás granxas da provincia, mediante o impulso da innovación nas técnicas e espazos. A granxa conta tamén con exemplares de Raza Rubia Galega para avanzar na promoción e mellora desta raza.

A veterinaria vilalbesa Sonia Verdes dirixe dende hai dous anos a Granxa, que prepara para o futuro novos proxectos cos que ampliar os servizos que empresata ao sector, por exemplo un centro de recría de porco celta. Ademais, Verdes defendeu recentemente a súa tese de doutoramento, Benestar animal nas granxas de vacún de leite da provincia de Lugo e as súas implicacións na produción, un traballo no que analizou o funcionamento de 187 explotacións gandeiras da provincia para medir o impacto que o benestar das vacas ten na cantidade de leite que producen ou nas condicións de recría. Falamos con ela.

Que papel xoga a granxa para o sector agrogandeiro de Lugo? Que vantaxes lle achega ás granxas e gandeiros da provincia?

"Somos un laboratorio vivo que serve para mellorar a formación de todos estes estudantes, que algún día trasladarán esta formación e esta experiencia ás granxas lucenses"

A Granxa Gayoso Castro representou sempre un forte vínculo da Deputación co Medio Rural e o obxectivo era tentar mellorar as condicións do sector agrogandeiro e a mellora da competitividade das granxas da provincia. A posta en marcha da Granxa Experimental de Leite, ligada ao Campus Terra foi un proxecto da Deputación nestes mesmos termos, buscando en primeiro lugar acoller as prácticas dos e das estudantes de Veterinaria e outras áreas. Máis de 500 alumnos e alumnas pasan todos os anos pola Granxa Experimental Gayoso Castro e case todos os días pasan por aquí 40 ou 50 estudantes cos seus docentes. Somos un laboratorio vivo que serve para mellorar a formación de todos estes estudantes, que algún día trasladarán esta formación e esta experiencia ás granxas lucenses.

Na Granxa tamén se levan a cabo distintos proxectos de investigación, comenzando por teses de doutoramento, traballos de fin de master e traballos de fin de grao, ademais de distintas iniciativas de innovación no sector agrogandeiro, algunhas impulsadas por outras institucións e empresas privadas, que sempre van repercutir na mellora do sector.

"As granxas están a facer continuamente un grande esforzo por mellorar as súas técnicas e por modernizarse e dende aquí queremos colaborar en todo o que poidamos achegar"

Todo isto, ademais, nunha provincia como a lucense, na que o sector primario é fundamental na economía de moitos dos seus concellos...

Si, na maior parte da provincia de Lugo o sector gandeiro é fundamental, especialmente na Terra Cha, na Mariña ou na Ulloa. É importante que dende a Deputación se preste ao sector toda a axuda que poida. As granxas están a facer continuamente un grande esforzo por mellorar as súas técnicas e por modernizarse e dende aquí queremos colaborar en todo o que poidamos achegar.

"Estamos a implementar un proceso de dixitalización, que é un tema moi importante, porque por aí van ir algunhas das novas esixencias da Política Agraria Común"

Ademais da importancia da granxa como espazo de formación, a granxa experimental acolle iniciativas de innovación e investigación. En que se está a traballar nestes momentos?

Un dos proxectos en marcha é un sistema de xeolocalización desenvolvido por unha empresa de Lugo e que estamos a probar na granxa. Estamos ademais a implementar un proceso de dixitalización, que é un tema moi importante, porque por aí van ir algunhas das novas esixencias da Política Agraria Común: en reducir o consumo enerxético e en reducir a pegada hídrica. Isto vai ser unha esixencia para a concesión de axudas europeas e o cumprimento destes obxectivos vai haber que monitorizalo e documentalo. Así mesmo, estamos traballando nun proxecto máis amplo, en colaboración con empresas e outras institucións, ao respecto das medidas que se poden poñer en marcha para reducir a emisión de gases nocivos, emisións que existen nas explotacións gandeiras sobre todo pola produción de xurro.

Na Granxa Gayoso Castro funciona a granxa experimental de leite e tamén o centro de recría, o único público existente en Galicia. Que importancia a súa existencia?

"Coa apertura do centro público de recría podemos ofrecer mellores prezos aos gandeiros, hai máis control e menos risco e, ademais, as granxas poden deixar de facer este traballo, o que tamén lles permite liberar espazo nas súas instalacións"

O centro público de recría foi unha aposta importante da Deputación nos últimos anos. Había unha demanda do sector na provincia de que houbese aquí un lugar no que externalizar a recría. Moitas destas granxas estaban levando a súa recría a Zaragoza, o que supuña un gran gasto económico polo desprazamento e un risco sanitario e para a saúde e o benestar dos animais. Coa apertura do centro público de recría podemos ofrecer mellores prezos aos gandeiros, hai máis control e menos risco e, ademais, as granxas poden deixar de facer este traballo, o que tamén lles permite liberar espazo nas súas instalacións.

Moitas veces as xovencas son os animais aos que menos atención se lles presta, porque nese momento non están producindo, pero as xovencas de hoxe son as vacas do futuro e é fundamental que estean ben tratadas, e iso é o que aquí garantimos: vacas de alto valor e de gran calidade.

Vacas na granxa experimental de leite de Lugo CC-BY-SA Praza.gal

Está en proxecto a posta en marcha dun centro de recría de porco celta, que se engadiría ao xa existente, de gando bovino. Que aplicacións terá?

"Moitas veces as xovencas son os animais aos que menos atención se lles presta, porque nese momento non están producindo, pero as xovencas de hoxe son as vacas so futuro e é fundamental que estean ben tratadas, e iso é o que aquí garantimos: vacas de alto valor e de gran calidade"

Hai un proxecto en colaboración coa USC e con ASOPORCEL e hai tamén unha gran demanda deste servizo. Cada vez son máis as granxas e os gandeiros que queren dedicarse á cría do porco celta e polo tanto hai demanda de animais para incorporar ás explotacións. Estase traballando neste sentido coa universidade, para que sexa tamén un centro de investigación e estudo desta especie. É importante, ademais, polo risco de propagación dunha epidemia ou dunha peste porcina, de cara á preservar a raza do porco celta. Para a Universidade, ademais, é moi interesante contar cun espazo así para que o alumnado poida realizar as súas prácticas tamén co gando porcino.

Na granxa tamén conservades valiosa maquinaria agrícola con décadas de historia. Está previsto exhibila dalgún xeito ou darlle algún uso didáctico?

"Boas condicións de benestar animal repercuten no aumento da produción, na mellora da recría dos animais e polo tanto na rendibilidade e na competitividade das granxas"

Si, o primeiro tractor que se matriculou na provincia de Lugo está aquí na Granxa Gayoso, por exemplo. Esa e outra maquinaria histórica que conservamos aquí está almacenada nunha nave e o ideal sería tentar acondicionala para poder exhibila en condicións. Eses elementos contan a historia do sector e da provincia e son unha mostra do impulso que dende sempre se lle deu dende a Deputación, que impulsou a modernización e a mecanización do sector agrogandeiro. É importante saber como xurdiron as cousas.

Recentemente presentaches a túa tese de doutoramento, Benestar animal nas granxas de vacún de leite da provincia de Lugo e as súas implicacións na produción, que afonda na importancia do benestar dos animais para un aumento no leite producido. As vacas felices dan máis leite?

"Fronte a esa idea de que o benestar é un lastre porque lle custa cartos aos gandeiros, a realidade é que moitas das medidas que melloran o benestar animal non custan nada ou case nada, son cuestións de aplicar un método distinto, de cambiar certas pautas de manexo"

Moitas veces parece que se quere trasladar a idea de que o benestar animal é un lastre para o sector agrogandeiro e en absoluto é así. En primeiro lugar, máis aló doutras consideracións, hai unha preocupación crecente entre os consumidores por esta cuestión: cada vez máis xente se fixa neste tema e decide que produto mercar en función diso. Pero é que, ademais, boas condicións de benestar animal repercuten no aumento da produción, na mellora da recría dos animais e polo tanto na rendibilidade e na competitividade das granxas. Nós fixemos un estudo en 187 explotacións leiteiras da provincia de Lugo, centrado no gando de leite, que é o máis numeroso e, ademais, adoita ter peores condicións de benestar, ao estar confinado a maior parte do tempo, que o gando de carne, que se cría en extensivo.

Queríamos ver como determinados aspectos ligados ao benestar animal influían na produción e na reprodución. E as conclusións foron moi claras: nas explotacións con mellores condicións de benestar, había un mellor comportamento reprodutivo, había unha maior produción leiteira e ademais reducíase a incidencia das coxeiras, que é un tema relevante. Penso que é un estudo importante, porque ata agora non se fixera nun número tan grande de explotacións e con tantos animais. E porque consegue detectar moitas fortalezas e debilidades das nosas granxas e sinalar aquelas cuestións que están provocando problemas no gando.

"Entre as granxas con máis benestar animal e as granxas con menor benestar animal hai unha diferenza de produción de sete litros por vaca e día. Se sumamos todos os animais e ao longo de todo o ano isto son moitos litros"

Fronte a esa idea de que o benestar é un lastre porque lle custa cartos aos gandeiros, como dicía antes, a realidade é que moitas das medidas que melloran o benestar animal non custan nada ou case nada, son cuestións de aplicar un método distinto, de cambiar certas pautas de manexo. Cambiando pequenas cousas -colocando bebedeiros, tratando de ter as camas en bo estado, pensando mellor os espazos de muxo para evitar as coxeiras...- podemos mellorar moito. Entre as granxas con máis benestar animal e as granxas con menor benestar animal hai unha diferenza de produción de sete litros por vaca e día. Se sumamos todos os animais e ao longo de todo o ano isto son moitos litros.

Granxa experimental de leite de Lugo CC-BY-SA Praza.gal

Na Deputación de Lugo está a facerse un esforzo por apoiar o medio rural a través da formación e a innovación. Sería necesario que esta aposta se estendese a toda Galicia a través da Xunta de Galicia?

"A Granxa Gayoso Castro é algo pioneiro, non só a nivel galego senón en todo o Estado e fóra de España. Non hai ningunha outra institución e ningunha granxa de carácter público que ofreza o espazo e os servizos que nós ofrecemos ao Campus de Lugo e ás granxas da provincia"

Probablemente si se debería facer a nivel galego. As competencias en materia de educación, de formación, de docencia e en materia de medio rural non as ten a Deputación de Lugo, senón que as ten o Goberno galego. Penso que o que se fai aquí amosa o compromiso da Deputación co medio rural dende sempre. Outras deputacións, coma a de Pontevedra, teñen iniciativas coma a Granxa de Mouriscade, aínda que outra orientación: a produción de embrións. É algo que tamén se fixo aquí no pasado, pero é un ámbito que pensamos que os gandeiros xa traballaron moito, xa que se fixo un grande esforzo en materia de mellora xenética e por iso consideramos que é máis importante centrarnos noutras cuestións, na orientación que lle estamos a dar á Granxa Gayoso Castro.

A Granxa Gayoso Castro é algo pioneiro, non só a nivel galego senón en todo o Estado e fóra de España. Non hai ningunha outra institución e ningunha granxa de carácter público que ofreza o espazo e os servizos que nós ofrecemos ao Campus de Lugo e ás granxas da provincia. Non hai outra granxa pública experimental como esta.

Ti es veterinaria, aínda que supoño que a maior parte do teu traballo aquí na granxa é admninistrativo e de oficina. Estrañas o contacto directo cos animais?

"Fago moito traballo administrativo, pero este traballo administrativo require estar ao tanto da xestión da granxa e polo tanto as vacas véxoas todos os días. E de cando en cando, pois mesmo fago algún traballiño de veterinaria, que me axuda a desestresarme"

Isto é o bo deste traballo, porque ao final si que fago moito traballo administrativo, pero este traballo administrativo require estar ao tanto da xestión da granxa e polo tanto as vacas véxoas todos os días e están aquí ao lado. Todos os días vou á granxa non só unha vez, senón varias. E de cando en cando, pois mesmo fago algún traballiño de veterinaria, que me axuda a desestresarme. Eu fixen traballo clínico durante anos e é algo que me gusta moito.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.