A Granxa Experimental de Leite de Lugo, un centro de formación e innovación pensado para as necesidades do rural galego

Granxa experimental de leite de Lugo © Deputación de Lugo
https://api.praza.gal/storage/uploads/cintinoprende2-0b45877.jpeg

Hai tres anos botaba a andar na finca Gayoso Castro, situada en Castro de Rei, a Granxa Experimental de Leite, unha iniciativa da Deputación de Lugo en colaboración co Campus Terra da Universidade de Santiago para a formación e investigación sobre o sector lácteo, central na economía galega e moi especialmente na lucense. Trátase dunha instalación pioneira en Galicia, que nos fai lembrar aquela primixenia Granxa Agrícola de Monelos, creada en 1884 e que "inventou a vaca galega", como destacaba nesta entrevista Xosé Antón Fraga.

Hai tres anos botaba a andar a Granxa Experimental de Leite, unha iniciativa da Deputación de Lugo para a formación e investigación sobre o sector lácteo, central na economía galega e moi especialmente na lucense

Salvando a distancia histórica, os obxectivos son semellantes: mellorar o coñecemento que as granxas e os e as futuras profesionais do sector teñen sobre o proceso de produción do leite, mellorando o funcionamento e solucionando e previndo posibles problemas. A Granxa Experimental, na que a Deputación investiu 1,2 millóns de euros (o 10% restante foi achegado pola USC) busca "poñer a formación, a investigación e a innovación ao servizo dos gandeiros e das gandeiras da provincia, de todo o sector primario, e do desenvolvemento do rural".

A medio prazo, a Granxa Experimental ten como obxectivo poñer o seu gran de area no impulso dun sector produtivo esencial e tamén afianzar a posición de Lugo no mapa do ensino superior europeo, retendo o talento dos mozos e mozas e, por último, fixar poboación no rural.

As instalacións da finca Gayoso Castro inclúen, por unha banda, o Centro de Recría, único centro destas características de carácter público en Galicia, atópase ao 100% da súa capacidade, con 2.580 animais. Dá servizo a 63 granxas da provincia de Lugo, xerando 12 postos de traballo directo (e moitos máis de carácter indirecto) e permitindo un aforro para estes gandeiros e gandeiras dun medio millón de euros ao ano.

O Centro de Recría, único centro destas características de carácter público en Galicia, atópase ao 100% da súa capacidade, con 2.580 animais. Dá servizo a 63 granxas da provincia de Lugo

O traballo da Deputación vai enfocado a seguir mellorando o coñecemento da Rubia Galega e das súas características, tanto morfolóxicas, como xenéticas, para continuar avanzando así na promoción e mellora desta raza, e, polo tanto, das propias explotacións gandeiras, o que, sen dúbida, repercute no desenvolvemento da provincia. Con este servizo, que non ofrece ningunha outra administración no país, os gandeiros aforraron custes na recría e gañan en benestar animal e produtividade.

Polo outro, a propia Granxa Experimental de Leite acolle 282 animais en total: 29 vacas cachenas, 82 frisoas e 123 rubias, ademais de 48 en lactación. As 234 vacas produtoras dan unha media diaria superior aos 70 ou 80 litros de leite.

A Granxa Experimental de Leite acolle 282 animais en total: 29 vacas cachenas, 82 frisoas e 123 rubias, ademais de 48 en lactación. As 234 vacas produtoras dan unha media diaria superior aos 70 ou 80 litros de leite

De cara ao vindeiro ano 2024 a Deputación Provincial de Lugo seguirá potenciando estas liñas de actividade da Granxa Gayoso Castro, e, ademais, avanzará na creación dunha nova unidade, noutro espazo, destinada a apoiar a recría de Porco Celta, unha sector en expansión, que ten máis demanda que oferta a día de hoxe, como adiantou este venres o presidente do ente provincial, José Tomé.

Como destacou a Deputación Provincial nun encontro co sector hai uns meses, “o futuro do noso rural pasa por achegar os servizos públicos á xente, non recortalos, pero tamén por un sector primario forte, puxante, innovador e sostible, porque fixa poboación, coida o medio ambiente e axuda á ordenación do territorio e á prevención dos incendios forestais, ademais de preservar a nosa identidade cultural”. 

Instalacións da Granxa experimental de leite, inauguradas no ano 2020 © Deputación de Lugo

Un centro de I+D+i pensado para as necesidades da Galicia rural

De cara ao vindeiro ano 2024 a Deputación Provincial de Lugo seguirá potenciando estas liñas de actividade da Granxa Gayoso Castro, e, ademais, avanzará na creación dunha nova unidade, noutro espazo, destinada a apoiar a recría de Porco Celta

No que atinxe á investigación, son varios os proxectos que se están a realizar na Granxa. Entre eles destaca o desenvolvemento dun novo dispositivo de xeolocalización con Innogando, ademais dun estudo sobre a detección de celos a través de colares nas vacas da granxa e varios proxectos de traballos fin de máster e doutoramento. A Granxa está a implementar un proxecto de dixitalización para obter datos de diferentes parámetros relacionados con ambiente das instalacións o consumo de alimento, de auga e enerxía eléctrica co gallo de poder reducir a pegada hídrica e as emisións, todo no ámbito da gandaría de precisión.

Como xa destacabamos nesta entrevista dedicada á "internet das vacas", o desenvolvemento da Internet das Cousas permite monitorizar e analizar en tempo real un gran número de parámetros relacionados coa saúde dos animais e o estado do espazo no que conviven, anticipando posibles problemas e mellorando o seu benestar e a produción final, ao tempo que se aforran custos.

Un imprescindible centro de formación para os veterinarios e veterinarias

No ámbito da investigación destaca o desenvolvemento dun novo dispositivo de xeolocalización con Innogando, ademais dun estudo sobre a detección de celos a través de colares nas vacas da granxa 

Outra das claves da Granxa é o seu papel formativo, especialmente a través das prácticas que nel realizan os e as estudantes de Veterinaria, de Enxeñaría Agrícola e Alimentaria e do Master de Produción de Leite da USC. No curso 2021-22 pasaron pola Granxa Gayoso Castro 1.335 alumnos e alumnas e no curso seguinte 2022-23 foron 1.510.

A Granxa creouse para dar servizo aos gandeiros e gandeiras da provincia, pero tamén á Universidade, que ten no Campus Terra un nodo fundamental no que destacan as carreiras e centros de investigación con maior relación directa co Sector Primario. Ao cabo, granxas e facultades coma a de Veterinaria forman parte dun mesmo eido no que a provincia de Lugo é referente e potencia non só a nivel galego, senón tamén no Estado e no conxunto de Europa. 

Estudantes de Veterinaria do Campus Terra da USC, realizando prácticas na Granxa experimental de leite de Lugo © USC

Luís Quintela (USC) destaca que "dende o punto de vista da formación, evidentemente é totalmente necesario ter unha granxa en produción como esta". E, de cara aos gandeiros, "é moi interesante ter unha granxa coma esta, que conta coas últimas tecnoloxías e que serve como escaparate do que se pode facer ou do que se podería facer nun futuro en moitas granxas"

Luis Quintela, profesor de Veterinaria que coordina as prácticas do alumnado, explica dende que chegan ao segundo curso, os alumnos e alumnas van á granxa nas prácticas de materias como Produción Animal ou Cría e Saúde, nas que ven algúns aspectos máis xerais da produción. E, posteriormente, pasan a tratar outros temas, coma os da enfermidades parasitarias e infecciosas, vendo como é a recollida de mostras ou realizan probas de mamites. "Dende a Facultade, ademais, a través das prácticas, facemos o control de reprodución da Granxa. Primeiro facemos o traballo nos simuladores cos que contamos na Facultade e cos animais que hai aquí, para que coñezan as técnicas, e posteriormente os alumnos xa fan o traballo real na granxa, cun funcionamento normal", di.

"Nas Granxas, habitualmente un mesmo veterinario non realiza a totalidade do traballo: está o veterinario de reprodución, o veterinario de calidade de leite, o veterinario de nutrición, o veterinario de clínica. E aquí nas distintas materias fan estes traballos diversos", engade.

Antes da creación da Granxa Experimental, "tiñamos que depender da boa vontade de amigos e coñecidos, que tiñan a súa granxa, para que os teus alumnos puidesen ir facer algunha práctica alí", di Quintela

A Universidade conta cun servizo permanente de autobuses que practicamente a diario parte da Facultade de Veterinaria ás nove e media da mañá e regresa á unha e media. Ao chegar alí, o alumnado conta con vestiarios e cun aulario específico para as clases, ademais de laboratorios para o estudo de mostras e outras investigacións.

Quintela destaca que "dende o punto de vista da formación, evidentemente é totalmente necesario ter unha granxa en produción como esta". E, de cara aos gandeiros, "é moi interesante ter unha granxa coma esta, que conta coas últimas tecnoloxías e que serve como escaparate do que se pode facer ou do que se podería facer nun futuro en moitas granxas".

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, e o reitor da USC, Antonio López, visitando a Granxa experimental de leite, nunha imaxe de arquivo © Deputación de Lugo

Quintela saúda o proxecto da Deputación de poñer en marcha unha nova unidade dedicada a gando porcino, en concreto ao Porco Celta. "Na actualidade determinados problemas de bioseguridade fan máis difícil que o alumnado poida entrar a facer prácticas en granxas de porcino. Poder ter a nosa propia granxa de porcino facilitará moito a formación do alumnado", subliña

"Antes de que se puxese en marcha a Granxa, para as prácticas empregabamos algunhas vacas que tiñamos por aquí, pero son vacas improdutivas, pero para nós foi un salto impresionante pasar a facer prácticas nunha granxa en produción, unha granxa en funcionamento na que un alumnno pode ver como é o traballo real dun veterinario", destaca Quintela. O profesor da USC engade que, a maiores, "tiñamos que depender da boa vontade de amigos e coñecidos, que tiñan a súa granxa, para que os teus alumnos puidesen ir facer algunha práctica alí e coñecesen o funcionamento real dunha instalación deste tipo". "Había quen che deixaba que fosen todos os alumnos (ao redor de 100 persoas en grupos de dez) e outras veces tiñas que dividir os estudantes entre varias granxas", di.

Quintela saúda finalmente o proxecto da Deputación de poñer en marcha unha nova unidade, semellante á Granxa Experimental de Leite, dedicada neste caso a gando porcino, en concreto ao Porco Celta. "Na actualidade determinados problemas de bioseguridade fan máis difícil que o alumnado poida entrar a facer prácticas en granxas de porcino. Poder ter a nosa propia granxa de porcino facilitará moito a formación do alumnado", subliña.

Instalacións pioneiras

A Deputación de Lugo construíu as instalacións nun predio de 15.500 metros cadrados da súa titularidade ao pé da propia Granxa Gayoso Castro preexistente. Nese espazo ergueuse unha nave para gando de leite, unha nave de maquinaria, un aulario (habilitado para 40 alumnos e alumnas e 20 prazas de persoal investigador), unha fosa de xurro e dous silos de formigón. Instalouse tamén unha sala de muxido que utiliza un robot, un mecanismo que se combina co pastoreo, "un sistema pouco común aínda en Galicia pero moi estendido noutras zonas de Europa e que permite diminuír os custes e valoriza o leite", segundo destaca a propia Deputación de Lugo. Incorpora, finalmente, "un conxunto de medidas de benestar animal, entre as que se inclúen o cepillo rotativo, cornadizas, cubículos e galbanizados".

Un dos animais da Granxa experimental de leite de Lugo © Deputación de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.