Lucía Casal fala decidida e sen complexos. Desde a aldea do Carballal, na parroquia melidense de Santa María, onde esta rapaza de 20 anos traballa na granxa familiar de vacún de carne en semiextensivo, un modelo de explotación que defende con vehemencia polo que supón de benestar animal, conservación da paisaxe e da biodiversidade ou uso responsable da auga. Agora, no verán, traballa tamén nun bar e durante o curso dá prioridade aos seus estudos. Fixo un ciclo medio de forestais (Aproveitamento do medio natural no IES de Arzúa), empezou Auxiliar de Veterinaria e quédalle un ano para rematar o de Gandaría e Asistencia en sanidade animal no Centro de Promoción Rural - EFA de Fonteboa, en Coristanco. Tamén fixo prácticas nunha explotación leiteira de Monterroso e logo continuou a súa aprendizaxe durante dous meses noutra de Irlanda. "O tempo que pasei alí abriume moito os ollos", di.
Lucía Casal é Premio Nacional de Mocidade por reivindicar nas redes o seu traballo nunha granxa semi-extensiva, apostar polo desenvolvemento sostible e orientar a xente nova
Como tantos mozos e mozas da súa idade, Lucía tamén saca tempo para as redes sociais. Nelas, conta tamén o seu día a día na explotación: a bordo do tractor, ensilando, alimentando un becerro, sacando pacer as vacas... Algúns dos seus vídeos superan as 100.000 reproducións e ten 14.300 seguidores no seu perfil de TikTok e preto de 6.000 no de Instagram. Como membro da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), as Cooperativas Agro-alimentarias de España presentaron a súa candidatura á convocatoria 2023 dos Premios Nacionais de Mocidade que concede o Instituto de la Juventud de España (Injuve), dependente do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030.
Gañou o Premio Nacional de Mocidade na categoría de Medio Ambiente por defender e promover un modelo de produción sostible medioambientalmente. "Amosa o seu traballo en redes sociais para dar apoio a outros mozos que precisan orientación no sector. Cunha granxa semi-extensiva que pretende converter en extensiva cun uso correcto dos recursos e o desenvolvemento sostible sobre o respecto, a protección e conservación do medio ambiente e o benestar animal", destaca o Ministerio. "Estou moi feliz e orgullosa. Non o esperaba... Eu contaba o día a día, o que fago", explica quen aclara que os seus vídeos son "unha reivindicación do rural en xeral" e do modelo "extensivo e semi-extensivo en particular".
"Tamén o fago para que a xente nova aposte por isto porque é unha opción que ten", di Lucía, que non dubida en denunciar os prexuízos que aínda pairan sobre o rural e o traballo gandeiro ou en lembrar as mofas ou mesmo o bullying que sufriu por presumir de vacas e labor. As mesmas que tamén existen nas redes pero que se tornan maioritariamente en admiración, ánimo ou petición de consellos por parte de moita mocidade. "Nunca agachei a cabeza", advirte.
"Se meu avó foi quen, nós tamén habemos poder porque temos moitas máis facilidades que daquela. O futuro do rural está nas nosas mans"
Como empezou a dedicarse á gandería?
Fun pouco a pouco adentrándome neste mundo, sempre con moita paixón, a pesar de ter moitas faltas de respecto no instituto e ser mirada mal por andar coas vacas... Pero iso sempre me fixo máis forte.
É vocacional?
Desde moi pequena tíveno claro. Sempre quixen ser veterinaria, estudei un ciclo medio de FP de forestais... Levo isto no corazón. Non coñecín a meu avó, pero xa vin feito todo o que el logrou aquí e sempre lle dei moito valor. Se aquela xente, naquela época, foi quen de erguer isto, nós tamén habemos poder porque temos moitas máis facilidades: temos internet, móbil e maquinaria robotizada que fan todo máis doado.
Reivindica o traballar e vivir no rural, pero tampouco agocha as críticas ás eivas que nel hai...
Falta darlle un impulso, si. Vas vendo cada día como a xente quere marchar do rural e píntannos as cousas moi difíciles, pero eu creo que está nas nosas mans. Se os nosos avós puideron vivir aquí cunha calidade de vida que nós temos 100% mellorada, nós tamén podemos, pero seguro que aínda mellor.
Que pediría para o rural?
Debemos ter mellores conexións e comunicacións no rural, nas aldeas, pero non só para a xente nova. Ao final, todo o mundo saca o carné de coche porque o precisamos para case todo, pero os máis vellos son os que máis precisan de transporte público, de máis conexións de autobuses, mesmo de axudas para o uso dos taxis... Falo de todas as administracións porque todas poden facer algo máis. É fundamental que lembremos que no rural está o sector primario, algo esencial, e que son os nosos avós, xa xubilados, os que seguen aquí mantendo isto. Se queremos que o rural siga en pé, hai que telo en conta e axudalo. Tamén con todos os servizos.
Nota en falta máis servizos?
No meu caso, vivo a un quilómetro de Melide e non teño tantos problemas, pero si sei de moita xente do rural que si os ten no ámbito sanitario, por exemplo, porque só teñen un PAC como alternativa ou acaban indo a Urxencias por falta de profesionais ou de centros de saúde funcionando. Todo o mundo debe ter os mesmos dereitos e servizos públicos. Coa educación pasa un pouco o mesmo... Na zona onde eu vivo creáronse bastante casas niño para os máis pequenos e iniciativas coma esta creo que son boas. Hai que incentivalas un pouco máis.
Pero, como vostede dicía, hai agora posibilidades no rural que hai non moito tempo nin se albiscaban...
Pode parecer que estamos moi modernizados porque claro que temos máis posibilidades que antes, pero somos os últimos en todo. A fibra, por exemplo, non dá chegado a moitos sitios... A min mesma chegoume hai pouco pero aínda estiven tempo sen poder usala.
"Son moi positiva, pero no rural somos os últimos en todo; aposto e vexo futuro, pero tamén me dou conta da realidade. As administracións teñen que axudar máis"
O seu é un exemplo da importancia dunha boa conexión de internet, non só para o traballo.
Claro que é importante, moito, para todo e tamén para traballar. O que non podemos é vender que a vida no rural é moi boa se non temos os mesmos servizos que o resto. Eu son moi positiva, aposto por isto e vexo futuro, pero tamén me dou conta da realidade, de que as administracións teñen que axudar un pouco máis.
O Injuve premiouna, en parte, por servir de "orientación" no sector agrogandeiro para a xente nova. Que falta para que máis mozos e mozos se interesen?
Falta difusión. Igual que nos meten publicidade doutras cousas, doutros estudos, por que non falar das posibilidades que ofrece o rural, do traballo agrogandeiro? Iso é moi imporante para a xente nova e hai moi pouca información. A min mesma, polas redes, mozos e mozas pregúntanme que poden estudar para poder traballar no rural, para poder montar unha granxa...
Segue habendo prexuízos?
O campo sempre os tivo, pero é tamén por esa falta de información da que falabamos. Eu son unha rapaza nova que saio de festa, vou a centros comerciais, traballo e estudo como calquera outra moza de calquera outro sitio.
"Sufrín 'bullying' no instituto por presumir de traballo e vacas pero nunca agachei a cabeza. Non lle fago mal a ninguén, non teño nada do que me arrepentir"
Padeceu mofas polo seu traballo ou a súa afección pola gando?
Claro. Sufrín bullying no instituto. Empezaba a tirar fotos coas vacas, cos cans... Presumía do meu traballo e sempre había quen comentaba que "se anda nas vacas é que non ten nada", que "é unha morta de fame"... Pero nunca agachei a cabeza nin discutín porque fago o que me gusta. Non me meto con ninguén, non lle fago mal a ninguén. No teño nada do que me arrepentir e teño que estar orgullosa.
E aproveita as redes para defender a gandería ou semi-extensiva. Por que?
Porque se queremos consumir produtos de calidade precisamos deste modelo. Teño observado moitas granxas e modelos e a natureza fala por si soa. Ben me decato de que as vacas, estando dentro da corte tanto tempo e dándolles penso e millo, tiñan moitos máis problemas, andaban a diario con medicamentos... Agora a súa alimentación é pasto e forraxe, non hai cesáreas nos partos, empreñan á primeira sen medicación... Iso tamén é calidade. O tempo que pasei en Irlanda abriume moito os ollos.
Está ben pagado o traballo seu e de seu pai na explotación?
Os prezos son moi baixos. Estamos traballando baixo mínimos, a prezo de custo. Nós esforzámonos por un modelo de calidade, de benestar animal, pero iso tamén require uns gastos. Vendemos para Ternera Gallega Suprema e iso supón uns requisitos e condicións no coidado e alimentación dos animais. O que pedimos é que se pague o xusto, prezos dignos. Non é facernos ricos, senón vivir con dignidade. Están pagando a carne ao mesmo prezo que hai dez anos e canto non mudou a cousa desde aquela.
"Traballamos baixo mínimos, a prezo de custo. Pedimos prezos dignos; non é cuestión de facernos ricos, senón de vivir con dignidade"
Onde se ve dentro de dez anos?
Espero estar coa carreira de Veterinaria acabada e, senón, ser enxeñeira agrónoma. Gustaríame ter unha explotación en extensivo e quero dedicarme á gandería, iso seguro. Tal e como me gustaría, supoño que me daría perfectamente para vivir, pero eu non sei estar quieta e non me importaría poder facer outra cousa aparte. O problema que teño onde vivo é que estou xa moi preto de Melide e non teño terreo suficiente, pero conto con comprar algo. Gustaríame ter mínimo cen vacas reprodutoras.
Apunta alto...
Non sei parar quieta. Eu sonche así (ri).