"Se o rural non funciona a cidade non come", explica a cociñeira a gandeira Mari Carmen Fernández, da cooperativa dos Ancares A Carqueixa
O verán é o momento de máis traballo no bar Xegunde, en Navia de Suarna, onde Mari Carmen Fernández prepara comidas tradicionais con produtos de proximidade que fan perdurar o sabor dos Ancares que volven buscar as persoas emigradas e que cada vez máis xente proba a distancia. Fernández tamén foi migrante e regresou á súa terra para vivir e traballar aquí, polo que se considera unha privilexiada. Ela é unha das participantes na Sociedade Cooperativa A Carqueixa, que conta con 215 familias asociadas, case dez veces máis que na súa fundación hai preto de tres décadas.
A Carqueixa vén de ser galardoada polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación co segundo Premio de Excelencia á Innovación en Actividade Agraria, unha das categorías dos Premios de Excelencia á Innovación para Mulleres Rurais. O 43% das cooperativistas desta sociedade dos Ancares son mulleres, unha cifra moi elevada que se traslada tamén ao seu consello reitor, paritario ao 50% entre homes e mulleres desde 2022.
O Ministerio recoñece o proxecto por tratarse da única cooperativa que comercializa online Tenreira Galega Suprema e por contar cun organismo reitor paritario que toma as decisións entre a celebración das asembleas. Mari Carmen Fernández rexenta o restaurante Xegunde, mais tamén axuda coas vacas da explotación familiar e este ano comezou vender a través do sitio web da cooperativa varios dos pratos tradicionais que elabora coa carne de tenreira que tan ben coñece.
Canto tempo leva como cooperativista na Carqueixa?
O meu marido é socio case desde o comezo da cooperativa e eu agora levo o restaurante pero tamén axudo no manexo das vacas. Quizá o momento no que menos colaboro é neste mes porque estou máis saturada na cociña. Coñezo o produto desde o principio, sei o que estou cociñando porque sei o que comeron os xatos da casa, e máis ou menos en todas as casas aquí comen o mesmo. Teño o privilexio de coñecer o produto desde o punto cero.
Como é ser muller no agro hoxe?
Por unha vez nos valoran ás mulleres porque no rural as mulleres sempre foron traballadoras igual que os homes e, sen embargo, nunca lles deron o valor que tiñan. Non é por tirarnos flores.
A Carqueixa vén de ser galardoada polo Ministerio de Agricultura nos Premios de Excelencia á Innovación para Mulleres Rurais por tratarse da única cooperativa que comercializa online Tenreira Galega Suprema e contar cun consello reitor paritario
Era algo que se falaba entre as mulleres?
Non, tampouco. Había un culto de que todo o tiña que facer o home, pero alguén espertou e dixo: pero por que os homes se as mulleres tamén podemos chegar a facer o mesmo? Sinceramente, aínda que non teñamos a mesma forza física, si temos a mesma forza mental ca eles, ou máis.
Este recoñecemento do Ministerio de Agricultura ao traballo da muller axuda a que as máis novas vexan a zona dos Ancares como unha alternativa real de vida?
Eu teño 53 anos e quero pensar que si, o que pasa é que eu entendo que as mulleres de hoxe non teñen a mesma mentalidade que tiñamos nós aos seus anos. Penso que isto as vai animar a que queden no rural e sigan para adiante porque hai unha cousa moi clara, se o rural non funciona a cidade non come. Agora parece que todos queren unha cadeira e un ordenador, pero se non rural non hai patacas a cidade non come. É obvio pero o leite non sae do cartón, a leituga non aparece no andel do supermercado... Sei que aquí temos outras perspectivas, eu nacín e crieime aquí, fun emigrante e non me pesou nada por volver; penso que somos privilexiados por vivir aquí. Ter un traballo na túa casa é un privilexio e creo que a xente nova se vai animando a quedar.
Pensa que as novas xeracións comezan a mostrar máis interese en traballos do sector agrogandeiro?
A xente que naceu e se criou aquí, que llo intuíron na casa, esa quizá si. Pero a outra que non llo intuíron e non se criou cos animais é máis difícil, tenche que gustar.
"Ter un traballo na túa casa é un privilexio e creo que a xente nova se vai animando a quedar"
Foi unha sorpresa o premio entre as e os cooperativistas?
Si porque é algo a nivel estatal, non de Lugo. Eu fiquei moi sorprendida e agradecida porque nos recoñezan o que traballamos, que xa é bastante. Pero desde aquí tamén lles pedimos ás Administracións que estean máis pendentes de nós, entendo que se ven as perspectivas desde a cidade, pero teñen que ser conscientes da importancia do rural, non da zona dos Ancares, de todo o rural. Aínda non o celebramos porque estamos todos atarefados, pero xa haberá tempo para a festa.
Cales son as trabas que atopa co seu negocio?
Aféctanos a suba dos prezos, como a todos, o cereal para os animais está subindo moito. Pero sobre todo destacaría a dificultade para facer calquera trámite administrativo, todo son problemas e hai moito papeleo que non é garantía de nada.
"O cambio climático é unha ameaza que temos enriba e que estamos vendo, eu non lembro temperaturas tan altas como as dos últimos dous anos"
Di que están no momento de máis traballo, hai moita diferenza de xente no verán que no inverno?
Aquí hai moita xente que emigrou e retorna as súas casas agora en agosto, e turistas que veñen pasar o día. No inverno, no tempo da neve, tamén hai moita xente que nos visita. O que pasa é que agora mesmo non temos nin un clima que pareza galego porque hoxe [polo 9 de agosto] estabamos a 38 graos en Navia, e iso que temos o río que sempre axuda a refrescar. Xa non sabes nin cando é inverno, no mes de decembro tivemos algún día a vinte e pico graos, iso non é normal. O cambio climático afecta a todo, aos animais, á vexetación... É unha ameaza que temos enriba e que estamos vendo, eu non lembro temperaturas tan altas como as dos últimos dous anos.
Por que apostaron por vender os pratos cociñados coa carne das vacas da cooperativa a través de internet?
Xurdiu a idea de probar a ver se funcionaba e eu pensei que tiña que funcionar porque se o cociñas para ti, para comer ti, vai funcionar; se o cociñas para vender, non.
Cal é esa diferenza?
Din que todos os galegos temos unha retranca e esa é a miña. Eu sempre digo que cociño para min, non para vender. Un cociñeiro que veu darnos unhas leccións unha vez nos dixo que non comía o que cociñaba, pero aquí todo o que cociñamos comémolo nós tamén.
Como definiría vostede o sabor dos Ancares?
Pola carne, é un sabor único. Aquí as vacas críanse en liberdade, están no campo e pacen herba. Os xatos maman leite con elas e iso é único. Pola comida sería o mesmo, un sabor único, o sabor de toda a vida sen cambiarlle ningunha cousa.
E agora un sabor que chega máis alá dos Ancares. Levan sete meses coa venda da comida preparada online, como está a ser a acollida?
Está a funcionar moi ben, hai moitos pedidos. Se o fas ben e á xente lle gusta vai repetir. Precisamos que máis xente saiba que estamos aquí e o que facemos, pero de momento quen proba repite, estamos vendendo para toda a Península. Tamén temos venda na praza de abastos de Lugo e está a resultar moi ben. Moita xente non ten tempo nin de cociñar e isto pode ser unha boa alternativa. Nos pedidos vai a comida envasada ao baleiro. Por exemplo, cociñamos un mércores, o xoves sae para o destino e ao día seguinte xa está na casa do cliente.
"Se o fas ben e á xente lle gusta vai repetir. Precisamos que máis xente saiba que estamos aquí e o que facemos, pero de momento quen proba repite"
Como escolleron os pratos que poñer á venda no sitio web da cooperativa?
Miramos o que mellor saía no restaurante. De momento temos a tenreira con salsa de figos, o caldo galego, os callos con garavanzos e o xarrete con castañas. Xa está vindo xente emigrada fóra que me di que xa probou os meus callos porque os pediu online, isto pode ser unha alternativa para os tempos de menos carga de traballo no restaurante. De momento estamos aterrando e imos pouco a pouco.
Percibe máis interese da xente en coñecer o produto que come desde que pasamos a pandemia?
Si, a xente preocúpase máis polo natural, por comer produtos da zona, e pola calidade. No restaurante nótase, entendo que na carnicería tamén.
Isto séntese como unha volta varias xeracións atrás?
Quizá si. O que cociñamos nós e comida tradicional, cociña de avoas, de toda a vida. Non é cociña rápida de microondas, creo que a xente volve valorar máis os pratos elaborados.