"No rural de Galicia témolo todo, o que faltan son modelos máis cooperativistas, máis colaboración"

Cristina Fernández-Armesto, socia da Casa Grande de Xanceda © Casa Grande de Xanceda
https://api.praza.gal/storage/uploads/cintino-mans-da-galicia-que-ven-0514ace.jpeg

Casa Grande de Xanceda é o segundo maior produtor ecolóxico do Estado e o primeiro de Galicia. Nas súas 200 hectáreas de prados e bosques autóctonos pacen máis de 300 vacas e co seu leite elabóranse todo tipo de produtos lácteos dunha gandería que, en 2002, foi unha das primeiras en certificarse oficialmente como ecolóxica. 

A explotación de Mesía cumpre co veto aos produtos e abonos químicos, co benestar animal e co mínimo dunha hectárea de prado por cada dúas vacas. Ademais de destacar por ter consolidade un negocio de referencia no sector lácteo e ecolóxico, destaca tamén polo respecto e coidado do medio ambiente e o fomento da conservación da biodiversidade na granxa. O éxito desta aposta quedou tamén certificada coa declaración de máis de 74 hectáreas como espazo natural protexido nunha explotación con pastos, bosques e zonas húmidas libres de herbicidas, insecticidas e fertilizantes químicos desde hai décadas e unha variedade de especies case única. 

Cristina Fernández-Armesto é unha das socias que leva o temón da granxa familiar, unha aventura que empezou cando nos anos 60, os seus avós, Felipe e Victoria Fernández-Armesto, fundaron a gandería en Mesía, que iniciaron con vinte vacas traídas desde Canadá. O resto, é historia á que nos achegamos nesta primeira entrega da serie Mans da Galicia que vén, na que coñeceremos proxectos apegados ao territorio e con vocación de futuro en diversos puntos do país

Casa Grande de Xanceda, en Mesía © Casa Grande de Xanceda

Que era a Casa Grande de Xanceda para vostede e que é agora?

Para min isto sempre foi a volta á infancia porque aquí pasamos eu e mais os meus irmáns todos os veráns. Xanceda sempre estivo aí. Obviamente, houbo unha evolución desde os inicios por parte do meu avó, para quen isto era un soño de xubilación. Das primeiras 20 vacas que mercou pasouse a unhas 300, mentres el, que viviu ata os 98 anos, ía mercando ou intercambiando terras ata conseguir unha base territorial grande e conxunta, unhas 200 hectáreas. O valor de todo o que facemos agora son estas terras, a base que nos permitiu logo apostar pola gandería ecolóxica. Ese foi o legado principal do noso avó, o que nos permitiu dar un paso máis. 

"Meu avó morreu e aquí había unha granxa con 300 vacas e 200 hectáreas que era unha ruína; o fácil era vender pero apostamos por impulsar outro modelo"

Como decidiron dar ese paso máis?

Cando meu avó morreu, en 2002, aquí había 300 vacas e todo este terreo. Eu traballaba nunha multinacional da moda en Madrid e con meu pai e meus irmáns cavilamos moito sobre o que facer. A opción fácil tería sido vender as vacas e o terreo ou plantar árbores... 

Pero non o fixeron. 

Non. Decidímonos un pouco antes da crise de 2008. Daquela había moitas oportunidades no mercado, todo parecía ir ben economicamente... Asociámonos con Guillermo, que era o veterinario da granxa e tiña unha visión moi clara sobre as posibilidades da certificación ecolóxica, da necesidade de achegar valor engadido e dos beneficios para a natureza e o medio ambiente que suporía impulsar outro modelo. E apostamos por el. En 2002 decidimos certificar oficialmente como ecolóxica a granxa. 

"Nos inicios non había moito comprador de ecolóxico e o que pagaban non compensaba; decidimos ser a nosa propia industria e pechar o ciclo" 

Con que obxectivos emprenderon esa mudanza?

Un dos principais obxectivos era ser sostibles a nivel económico, porque a granxa era unha auténtica ruína: vender leite cru non é un bo negocio nin o era. Sabiamos que tiñamos que darlle unha volta total. O outro obxectivo era ser sostibles desde o punto de vista medioambiental. Foi así como decidimos facer unha reconversión e pasar a ser unha granxa ecolóxica. Daquela non había moitos compradores de leite ecolóxico e o prezo que nos pagaban non compensaba os custos, así que, despois dun tempo, demos outro paso para ser a nosa propia industria e pechar o ciclo.

Todo se fai na Casa Grande de Xanceda? 

Todas as vacas que temos, desde hai medio século, naceron e medraron aquí; nunca compramos unha vaca de fóra e todas as que hai son tataranetas das primeiras que chegaron. Alimentámolas, apañamos a maior parte da súa alimentación da nosa colleita, muxímolas e comercializamos o leite. E facémolo cun grupo de traballadores e traballadoras da contorna, do rural. Todo baseado na terra, nas 200 hectáreas que temos. Así empezou a historia. 

Unha historia que presume da calidade dos seus produtos, principalmente...

Sabíamos que non íamos ser nunca nin os que máis vendésemos nin os máis baratos, así que sabiamos que tiñamos que diferenciarnos pola calidade. 

Cristina Fernández-Armesto, na Casa Grande de Xanceda, nunha foto de arquivo © Cassa Grande de Xanceda

O coordinador de Galletas Daveiga dicíame que no rural galego o fundamental para o seu desenvolvemento é que a súa xente crea nas súas posibilidades. Está de acordo?

Completamente de acordo. Temos que crelo porque en Galicia temos as materias primas, témolo todo. Hai bos exemplos de cooperativas, pero faltan máis, precísanse modelos máis cooperativistas, centros de transformación compartidos, por exemplo. Ocorre en Alemaña ou en Austria, onde hai mesmo queixerías móbiles que van de granxa en granxa producindo o queixo de cada explotación, que logo é a que o vende e comercializa. Desde as administracións poderíanse fomentar este tipo de proxectos colaborativos. 

"A xente debe crer nas posibilidades do rural; en Galicia témolo todo, o que faltan son modelos máis cooperativistas, proxectos colaborativos"

Unha boa forma de diminuír os riscos que supón empezar un proxecto agrogandeiro... 

Claro, porque o risco, existe, obviamente. A primeira parte da nosa fábrica supuxo un investimento de 1 millón de euros e sufrimos moito os primeiros anos. Se tivésemos a oportunidade de facer un investimento máis pequeno, sen tanta presión... Calquera tipo de instalación de uso compartido, de colaboración, de cooperación para empezar desde abaixo e pouco a pouco sería moi positivo. 

En definitiva, falta cooperación no sector agrogandeiro galego?

Si, claramente. Falta unha cultura de cooperación. Abonda con mirar como de forte é o sector en Francia e todo polo espírito cooperativo que teñen.

Non será o único problema... 

Moitos dos problemas teñen que ver tamén co produto final que vendemos. Vender leite envasado nun brick non é rendible. Hai unha competencia feroz e en Galicia a maioría dos produtos lácteos que se venden son leite e nada máis. Fáltanos facer produtos con máis valor engadido. 

Por non haber non houbo nunca un grupo lácteo forte...

Se en Galicia pagan menos o leite tamén é porque o sector lácteo ten pouca capacidade de negociación conxunta. Podo poñer un exemplo sobre eivas dese tipo: hai moitos anos, cando empezaban as granxas ecolóxicas, intentamos formar unha cooperativa para facer negociacións conxuntas. Eramos unha ducia e nós iamos falar con cada unha delas pero todas nos dicían o mesmo: "Ti vai facendo e logo xa veremos". Ao final non se formou e tardou moitos anos máis en crearse. 

"Vender leite envasado nun 'brick' non é rendible e a maioría dos produtos lácteos de Galicia son só leite. Faltan produtos con máis valor engadido"

Que cre que falta en Galicia para que haxa máis xente nova dedicada á agricultura ou á gandería?

Aquí ten moito que ver a calidade de vida. Se tes unha gandería familiar, como a maioría en Galicia, traballas 365 días ao ano. Se queres marchar de días libres ou vacacións tes que contratar a alguén para que te substitúa. Iso veo a xente nova, os fillos dos gandeiros... Ven que é unha vida dura para logo chegar moi xusto a fin de mes e para non poder decidir nin o prezo ao que vendes os teus produtos. Tes pouca liberdade e entendo que haxa quen opte por outro camiño. 

Daquela, que fai falta?

Fan falta máis servizos no rural. Iso é fundamental. Unha familia queda a vivir se ten vivenda accesible e uns servizos axeitados, que che permitan unha vida digna. Son necesarias escolas infantís para poder conciliar, colexios, servizos médicos, boas comunicacións, internet... A fibra chegou á Casa Grande de Xanceda o ano pasado! Ata daquela, todos na empresa estabamos con liñas de teléfono e datos limitados. Tamén é certo que cada vez máis as novas tecnoloxías, como os robots de muxidura ou a maquinaria de limpeza, están a facilitar moito o labor nas granxas. 

Casa Grande de Xaceda vestiu de Paso de Vaca a Muralla de Lugo para celebrar o Día do Leite © Casa Grande de Xanceda

"É fundamental ter máis servizos no rural; vivenda accesible, escolas infantís, médicos, internet... A fibra chegou a Xanceda o ano pasado!"

E que falta para que o sector avance e se renove?

Máis motivación e máis formación para as novas xeracións, para que vexan que se pode facer moito máis do que facían seus pais, que foi fundamental e moi importante, obviamente. Pero a xente nova debe saber que se poden facer moitas máis cousas nas explotacións. En Austria, por exemplo, non hai unha soa granxa de vacas que non teña tamén a súa parte de turismo, a súa venda directa de produtos, as súas visitas guiadas, cafetería... Son outras fontes de ingreso. Hai que ir buscando ese valor engadido e ir innovando. É clave. 

Faltan moitas desas alternativas en Galicia?

Falta moito, si. Nós temos a granxa coas portas abertas desde hai anos e temos lista de espera desde hai moito tempo para as visitas. É a nosa forma de aprenderlles aos nenos e a moitos adultos que hai detrás do que están comendo, pero tamén de que vexan sistemas de gandería que achegan ao medio ambiente e á natureza. E que non restan. Modelos que, ademais, poden ser rendibles, que xeran o suficiente como para seguir reinvestindo, mellorando, innovando e mantendo os postos de traballo, que é o máis importante. Ademais, isto supón manter a poboación e a actividade económica no rural.

"As novas xeracións precisan máis formación e motivación, que vexan que nas granxas pódense facer moitas máis cousas das que facían seus pais"

E é un exemplo de respecto á contorna, ao medio ambiente...

A gandería e a agricultura poden achegar ao medio ambiente e isto é algo que hai que ter moi claro e explicar, máis agora que todos somos conscientes dos problemas pola falta de biodiversidade ou a contaminación. Hai estudos da UE que indican que en Europa só quedan un 20% de terras agrarias cun alto valor natural, polo que a agricultura e gandería que se está levando a cabo está degradando os ecosistemas, destruíndo hábitats e biodiversidade. Aquí vimos de conseguir a declaración de espazo natural protexido para unhas 75 hectáreas da granxa, que é a certificación de que o noso modelo non só protexe a biodiversidade, senón que a fomenta. 

"Un proxecto como o noso só funciona se fas partícipe del ás persoas que compran os teus produtos"

Cal é a fórmula para conseguilo?

A nosa filosofía é facer pequenas accións para que a natureza poida mellorar o seu rumbo. Temos ata 30 especies diferentes de vexetación nos prados, temos zonas húmidas, ecolagoas, río... Conformamos a típica paisaxe orixinal de Galicia, como adoitaba ser, con prados, sebe, árbores autóctonas... Colocamos 60 caixas niños, colmeas de abellas e mesmo atopamos enxames de abellas salvaxes, un indicador de que as cousas están indo ben. Parecen cousas insignificantes, pero importan. Traballamos co grupo naturalista Hábitat, que cada poucos anos fai un reconto: no último identificaron máis de 140 especies diferentes de plantas, máis de 90 de aves, máis de 25 de mamíferos e outras tantas de réptiles e anfibios. É a confirmación de que gandería, agricultura e natureza poden coexistir e fomentarse unha a outra. 

E todo iso cun negocio que tamén é rendible, algo que moitas veces sen pon en dúbida cando se fala de proxectos ecolóxicos e con ese grao de responsabilidade co medio ambiente e a contorna...

É rendible porque este proxecto só existe porque hai consumidores que queren que exista, aos que lles interesa que haxa ganderías que sexan compatibles co medio ambiente e ademais acheguen á natureza. É importante explicalo e contalo, porque se non o fas a xente tampouco o valora. Un proxecto así só pode funcionar se fas partícipe del ás persoas que compran os teus produtos. 

Inauguración do Espazo Natural Protexido Casa Grande de Xanceda CC-BY-SA Xunta

No entanto, levan anos loitando contra proxectos eólicos dos que advirten que son "incompatibles" coa súa política de empresa e forma de ser

Agardamos que coa declaración de espazo natural protexido para boa parte da nosa granxa se exerza de verdade esa protección, tamén contra estas iniciativas. O que está claro é que os macroeólicos e as macroinstalacións que se proxectan co macroparque Curtis-Ordes non son compatibles cunha vida no rural e menos nunha zona coma esta. Non son compatibles coa vida agrogandeira, que é prioritaria aquí. A calidade de vida empeora moito, o valor dos terreos cae un 20%, o ruído, as molestias, as liñas de alta tensión, as subestacións... Acabas convertendo a zona nun polígono industrial, cando é un espazo que vive da agricultura e da gandería. 

"Os macroeólicos proxectados non son compatibles cunha vida no rural; cada cousa no seu sitio. Enerxías renovables, si, pero así non"

Desde Casa Grande de Xanceda amosaron claramente o seu rexeitamento. Por que esa contundencia?

Se o que queren é que non vivamos disto, teremos que emigrar todos ás cidades, pero se a prioridade é que Galicia e España teñan un rural que nos alimente en casos de crise, isto é incompatible. Queremos un rural que exista ou non? Se a resposta é si, que non queremos depender de leite en po que veña de Nova Celandia, senón producir leite de aquí, de proximidade, o que temos é que coidar o rural e dar calidade de vida para que os agricultores e gandeiros poidan quedar a vivir nas súas aldeas e vilas. Isto é totalmente incompatible con macroinstalacións que, ademais, non achegan valor ao rural, senón que llo restan en favor dun beneficio que levan macroempresas e multinacionais que non están aquí e non deixan nin un peso. Só deixan consecuencias negativas. Se queremos un rural que exista, hai que apostar por el e pór cada cousa no seu sitio. Enerxías renovables si, pero así non. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.