Tres anos coa ameaza eólica na granxa: "Será que Galicia se converte na zona de sacrificio enerxético de España?"

Victoria Armesto, na Casa Grande de Xanceda, cun dos mastíns da explotación CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

A proliferación de numerosos proxectos eólicos en Galicia, con aeroxeradores de nova xeración e de ata 200 metros de altura, está a provocar o rexeitamento de veciñanza e moreas de entidades --máis de 130 apoiaron a mobilización do pasado sábado-- en varias zonas de Galicia. As demandas dun cambio no modelo eólico da Xunta chegan tamén desde empresas exitosas no rural galego, como é o caso da Casa Grande de Xanceda, o primeiro produtor ecolóxico de Galicia e segundo do Estado, que ve ameazado o seu futuro polo macroparque das comarcas de Ordes e Curtis

"Levamos tres anos de desacougo, cunha ameaza de expropiación na caluga", di Victoria Armesto, avogada e socia de Casa Grande de Xanceda

Un dos parques proxectados ocuparía parte dos terreos desta granxa ecolóxica de Mesía, sinalada polo Goberno galego en numerosas ocasións como espello e exemplo de iniciativa empresarial de éxito, sustentable e respectuosa coa contorna e o medio ambiente. 

Desde hai xa tres anos, Casa Grande de Xanceda batalla contra a futura instalación dos aeroxeradores e advirte dos riscos de levar adiante o macroparque, non só para o seu negocio senón para toda a comarca. Alerta, ademais, dos prexuízos que o actual modelo eólico da Xunta pode ter para Galicia e o futuro do seu rural. 

Victoria Armesto CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

"O macroparque Ordes-Curtis preocúpanos. Levamos tres anos de desacougo, tres anos cunha ameaza de expropiación na caluga, con dúbidas de se seguir investindo e innovando ou non", di Victoria Armesto avogada da empresa, unha das socias e neta dos seus fundadores (Victoria Fernández-España e Felipe Fernández), que aclara que "non é só unha preocupación de Casa Grande de Xanceda". 

"Defendemos a enerxía renovable, claro que si, pero con sentidiño, unha produción de enerxía que achegue e non que estrague, para todos"

"Toda a comarca de Ordes --e atreveríame a dicir que todo o rural galego-- ve baixar o valor dos seus terreos. Quen quererá vivir ou investir en terreos situados nun potencial parque industrial? Ninguén, pero, quen quererá vir para montar unha granxa autosuficiente? Se cadra máis dun", explica respecto a aposta por outras alternativas ao modelo enerxético actual. 

Armesto destaca que desde a súa empresa defenden a enerxía renovable. "Claro que si, pero con sentidiño, respectuosa coa súa contorna e coa súa comunidade local, coas actividades agrarias e gandeiras tradicionais e nobles da zona", di, e insiste en que Casa Grande de Xanceda defenda "unha produción de enerxía que achega, non que estrague, unha enerxía renovable para todos". 

"Por iso, seguiremos dedicando tempo, esforzo e diñeiro para evitar que o macroparque se autorice. Oxalá pronto poidamos volver centrarnos en producir iogures, que é o que verdadeiramente nos gusta", di quen, como letrada, lidera a batalla legal desde a empresa contra os proxectos eólicos. 

"Seguiremos dedicando tempo, esforzo e diñeiro para evitar que o macroparque Ordes-Curtis se autorice"

Tamén por iso e pola seu coñecemento doutros modelos enerxéticos, aposta por un "máis democrático" e cre que iso implica "fomentar a transparencia". "Na nosa experiencia, a transparencia en Galicia é mellorable", asegura. 

Armesto non dubida e chama a "apostar pola transición enerxética, pero tendo visión e intención". "Quizais nese punto a Xunta está sendo un pouco cegada, non entende o potencial que ten diante", explica, para lembrar que a plataforma veciñal Salvemos a Comarca de Ordes xa alertou de que toda esa área se está a converter en "zona de sacrificio" pola cantidade de proxectos industriais que afectan a calidade de vida dos veciños e o medio ambiente da zona. E faise unha pregunta: "Non será que Galicia se está a converter na zona de sacrificio enerxético de España ou mesmo doutros países? Producimos enerxía para exportala, pero os residuos quedan aquí".

Vacas pacendo nos prados da Casa Grande de Xanceda © Casa Grande de Xanceda

A socia e avogada de Casa Grande de Xanceda cre que xa abonda. "En Galicia xa cumprimos cos obxectivos enerxéticos europeos 2030 e producimos máis do que consumimos, así que a lóxica dime que temos marxe de acción, unha oportunidade para deseñar políticas públicas innovadoras: fomentar o autoconsumo --tanto en cidades como en parques industriais--, buscar maior aforro enerxético, impulsar a eficiencia e a repotenciación", recomenda. Ademais, aclara que, se ben hai pequenas iniciativas do Goberno galego como subvencións ao autoconsumo, "globalmente a Xunta está desperdiciando esta oportunidade".

"Se seguir instalando eólicos ten a súa orixe nun requirimento estatal, Galicia debería dicir que xa abonda, que non precisamos novos parques"

"Se seguir producindo enerxía e instalando parques eólicos novos, aínda que non haxa consumo galego, ten a súa orixe nun requirimento estatal, creo que Galicia debería dicir que xa abonda, que podemos repotenciar, mellorar o xa existente, pero que non queremos nin precisamos novos parques eólicos", insiste con contundencia. 

Para Victoria Armesto, a sensación de "acumulación excesiva" de eólicos en Galicia "é evidente". "Abonda con fixarse cando chegas en avión ou se fas varios tramos do Camiño de Santiago; uns estarán máis lonxe, outros máis perto, pero é esa constancia de eólicos e liñas o que abafa". 

Ante a ameaza que o macroparque --e os muíños, as liñas de alta tensión e subestacións-- supoñen para Casa Grande de Xanceda e toda a comarca, Armesto lembra que a Administración "insite en que os procedementos son 'garantistas" e que tratan de tranquilizalos "dicindo que se os proxectos non cumpren cos requisitos legais non se autorizarán". 

"De aprobarse proxectos legais pero non aceptados pola comunidade local ou polos concellos ou sen ser necesarios, sería interesante saber o porqué"

"Pero, que pasa se o procedemento está mal redactado ou pensado? Que pasa se, malia seren legais, non son aceptados pola comunidade local ou mesmo polos concellos afectados? E se o proxecto é legal pero de facto non é necesario? En todos estes casos, aprobaríanse igualmente os proxectos? Nese caso, sería interesante saber o porque´". 

A avogada e socia da Casa Grande de Xanceda vai máis aló e cre que a Xunta ou o Estado poderían fixarse no que se fixo noutros lugares. "O modelo alemán parece moi sensato; entendo que mudar todo un modelo enerxético non é doado nin é rápido pero insisto: se hai visión e intensión, todo se pode". "A CDU en Alemaña cambiou de estratexia enerxética porque viu que o rexeitamento social era cada vez maior e que instalar milleiros de eólicos (dos pequenos, ollo) non era sustentable nin aceptable a longo prazo", di quen cre que "a Xunta podería perfectamente liderar o cambio e ser un exemplo de éxito para outras comunidades autónomas e mesmo outros países". 

Prado da Casa Grande de Xanceda afectado polo proxecto do parque eólico de Gasalla CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

"A Xunta podería perfectamente liderar o cambio de modelo enerxético e ser un exemplo de éxito para outras comunidades e mesmo outros países"

Armesto asegura que o modelo alemán "considérase máis democrático porque a súa planificacion baséase nunha maior participación das comunidades locais". "Debe ser consensuada entre afectados, propietarios, concellos e empresas: que se instala, como, cando, como se financia, como se xestiona, como se reparten os beneficios... Se a comunidade local está involucrada na toma de decisións, a aceptaicón e o contento social será maior, win-win para todos". 

En cambio, di, "se non consideras opinións, non transparentas información e fomentas a imposición e a expropiación, obivamente a aceptación social será menor". Así, lembra que en Alemaña "tamén se está a apostar por unha produción dispersa de enerxía". "Hai que distribuír os impactos negativos da industria, non se deben acumular nun territorio, que se converte nunha zona de sacrificio inevitable", reflexiona.  

Un modelo "máis democrático"

En resumo, di, o modelo alemán "é máis democrático porque a súa planificación estratéxica consiste en fomentar unha maior participación das comunidades, en máis transparencia e máis dispersión da produción, o que evita a concentración dos impactos". "Se a isto lle engades máis autoconsumo, maior eficiencia e aforro enerxético e maior repotenciación, se cadra consegues un modelo enerxético moi atractivo", conta, tras aclarar a "aposta polo autoconsumo" en Casa Grande de Xanceda.

"Estamos en trámites para instalar placas fotovoltais e non deixamos de analizar máis opcións. Aplaudimos a iniciativa da Xunta de ofrecer algunhas subvencións e agardamos que cada vez lle vaia dando máis énfase á autosuficiencia no rural", conclúe Victoria Armesto, que insiste en que seguirá loitando para evitar que o macroparque que ameaza a gandería que inauguraron os seus avós saia adiante. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.