O presidente di que o nacionalismo está “en contra de todos os proxectos do país, desde aquela autoestrada do Atlántico” e que os socialistas intentan agora vestirse “de verde”
Ao goberno de coalición de PSdeG e BNG que deixou a Xunta en 2009, hai xa doce anos, e mesmo ás protestas de finais dos anos 70 contra a construción da Autoestrada do Atlántico (AP-9) recorreu este mércores o presidente Feijóo para defenderse das críticas da oposición ás súas políticas eólicas e ambientais. Pola contra, o popular considera que as súas actuacións defenden o interese de Galicia fronte a outros supostos desexos ocultos de nacionalistas e socialistas por afundir economicamente o país.
Pontón criticou a Feijóo que o seu modelo eólico propicia “que un puñado de multinacionais se forren deixando aquí as migallas” porque “o árbitro está comprado e ese árbitro é vostede”
A sesión de control á Xunta no Parlamento deste mércores celebrouse catro días despois da manifestación que o sábado reclamou en Santiago, co apoio de BNG e PSdeG, outro modelo eólico fronte á proliferación de proxectos con todo tipo de impactos por toda Galicia. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, centrou a súa intervención en reclamar ese outro modelo que, dixo, debera deixar máis beneficios económicos nas comunidades locais que sustentan a produción de enerxía e sofren os seus efectos. Pontón chegou a dicirlle a Feijóo que o actual modelo propicia “que un puñado de multinacionais se forren deixando aquí as migallas” porque “o árbitro está comprado e ese árbitro é vostede”.
A resposta de Feijóo foi cargar contra o concurso eólico que durante o bipartito de PSdeG e BNG impulsou a consellería de Industria en mans nacionalistas e que recibiu críticas dos socialistas. O presidente obviou, pola contra, que o Tribunal Supremo tombou tanto a súa anulación daquel concurso do bipartito como o posterior concurso que convocou o seu primeiro goberno.
Segundo Feijóo, os nacionalistas realmente non queren máis beneficios para Galicia senón que están “en contra de todos os proxectos do país, desde aquela autoestrada do Atlántico”, en referencia ás protestas sociais que a finais dos anos 70 criticaban o impacto sobre o territorio da vía de comunicación pola que haberá que seguir pagando peaxes ata 2048.
"O que se avanza en Galicia en materia ambiental é a pesares de vostedes", criticou Caballero a Feijóo, que retrucou dicíndolle que levar unha gravata verde non o converte "nun deputado verde"
Pola súa banda o portavoz socialista, Gonzalo Caballero, criticou as políticas ambientais en xeral da Xunta e asegurou que “o que se avanza en Galicia en materia ambiental é a pesares de vostedes” e das “políticas tóxicas” do PP. Feijóo retrucoulle asegurando que os seus gobernos levan aprobadas dez leis de contido ambiental e, igualmente, recorreu ao goberno de coalición de PSdeG e BNG do período 2005-2009 para asegurar que aprobara “cero” normas.
O dato non é certo xa que aquel goberno aprobou entre outras leis para a conservación dos ríos, de axentes medioambientais, de loita contra os incendios, de protección do litoral, de residuos, de protección da paisaxe ou de creación dun imposto polo dano ambiental dos encoros, entre outras moitas normas doutro tipo de sectores que tamén mudaron normas ambientais.
Feijóo atribuíu as críticas de Caballero a un intento dos socialistas por aparentar agora ser un partido “verde” fronte á suposta competencia nese eido doutras formacións políticas. “Non se crea que por vir cunha gravata verde vostede se converte nun deputado verde”, chegou a dicir o presidente sobre a indumentaria do socialista.