Tras dez anos de bloqueo o PP súmase agora ás reclamacións da oposición para que a Xunta amplíe a Rede Natura

Turbeiras e zonas húmidas, como estas da serra da Groba, ameazada por parques eólicos, carecen de suficiente protección, segundo vén reclamando a UE © SOS Groba

A UE esixe desde 2004 que se protexan mellor espazos e especies como queirogais ou turbeiras, ameazados polos parques eólicos

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a rematar os traballos para ampliación e revisión da Rede Natura 2000, así como avanzar na aprobación dos diferentes plans de xestión no prazo máis breve posible”. Esa reclamación vén de realizar a Cámara, co voto a favor do PP, para que se retome a ampliación da Rede Natura 2000 que os propios populares paralizaron na Xunta en 2011.

Actual Rede Natural 2000 en Galicia, que non protexe o suficiente espazos e especies para os que a UE reclama desde 2004 maior protección © Xunta

En 2004 a UE considerou que determinados tipos de hábitat e especies non estaban correctamente protexidos pola insuficiente cobertura que lles daban diversos estados europeos nos seus escasos espazos delimitados como Rede Natura 2000. En Galicia a Xunta presentou en 2011 unha proposta de ampliación da rede, pero nunca a chegou a aprobar malia que neste tempo a Comisión Europea mantén aberto un procedemento de infracción contra España por esa insuficiente protección de espazos e especies como os queirogais ou as turbeiras, especialmente presentes en Galicia e ameazados pola instalación de parques eólicos.

En vez de ampliar os espazos protexidos a Xunta vén optando por lograr novas figuras de protección redundantes para lugares xa protexidos

En Rede Natura 2000 xa non se poden instalar novos parques eólicos, só mellorar os existentes, pero a proposta presentada pola Xunta en 2011 trazaba os límites das ampliacións dos espazos protexidos evitando precisamente lugares nos que diversas empresas xa amosaran interese en instalar muíños. A ampliación non se chegou a aprobar malia as reiteradas reclamacións da oposición como de entidades ecoloxistas e periódicas lembranzas por parte de Bruxelas de que seguía sen cumprirse a súa esixencia de 2004. Pola contra, en vez de ampliar os espazos protexidos, a Xunta vén optando por lograr -e publicitar- novas figuras de protección redundantes para lugares xa protexidos.

Posibles emprazamentos de muíños na Serra da Groba e proposta formulada en 2011 pola Xunta de ampliación da Rede Natura que esquivaba eses lugares pero que tampouco chegou a aprobar nunca CC-BY-SA Praza Pública - Xunta de Galicia

Agora, ante unha nova vaga de solicitudes de parques eólicos, volve quedar en evidencia a reducida protección de espazos que poden resultar afectados polos muíños e as súas obras de construción. Neste contexto é no que este martes foi debatida no Parlamento unha proposición non de lei do PSdeG para instar á Xunta a ampliar a Rede Natura. O PP negociouna e acabou apoiándoa, coa abstención do BNG que pedía máis ambición. O resultado é que agora os populares piden á Xunta que actúe “no prazo máis breve posible” tras unha década de parálise.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.