As Illas Atlánticas convértense na sexta zona húmida de Galicia incluída na principal figura internacional de protección

Vista das illas Cíes desde o seu faro CC-BY-SA Praza Pública

Ao tempo que amplía recoñecementos para espazos naturais xa protexidos, a Xunta demora a ampliación da Rede Natura que esixe a UE e aínda non protexeu ningunha turbeira, ameazadas polos eólicos, coa figura legal galega creada hai vinte anos

O Consello de Ministros aprobou este martes a inclusión do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia como nova zona humida da lista de Ramsar, a principal figura internacional de protección dese tipo de espazos naturais, cuns 2.000 en todo o planeta e na que Galicia xa contaba con outras cinco áreas: o complexo intermareal Umia-O Grove, Corrubedo, Valdoviño e as rías do Eo e de Ortigueira e Ladrido. 

A Xunta “celebra” que a súa “proposta de inclusión” das illas na lista Ramsar, que toma o nome da cidade iraniana na que se asinou o convenio internacional en 1971, fose ratificada e salienta algunhas das diversas figuras de protección con que xa contaba ese espazo: Parque Nacional, Rede Natura 2000 ou área mariña protexida do Convenio Ospar do Atlántico Nordeste. 

Algunha das 2.000 zonas húmidas de todo o planeta protexidas polo convenio de Ramsar © Convenio de Ramsar

Porén, ao tempo que vén ampliando o número de recoñecementos para espazos naturais xa protexidos por diversas lexislacións galegas, estatais ou internacionais, o Goberno galego segue a demorar a inclusión de novos espazos aínda non protexidos dentro da Rede Natura, como vén esixindo a UE, e aínda non creou ningunha Zona Húmida Protexida, figura legal galega aprobada hai vinte anos para protexer non só marismas senón tamén turbeiras, espazos que entidades ambientais de toda Galicia alertan que están a ser ameazados pola instalación de parques eólicos.

A UE vén advertindo desde 2004 de que os espazos delimitados como Rede Natura 2000 son insuficientes para protexer diversos tipos de hábitat, entre eles brañas e zonas húmidas elevadas ou turbeiras

A UE vén advertindo desde 2004 de que os espazos delimitados como Rede Natura 2000 son insuficientes para protexer diversos tipos de hábitat, entre eles brañas e zonas húmidas elevadas ou turbeiras, e ten aberto un procedemento de infracción. En 2011 a Xunta presentou unha proposta de ampliación da Rede Natura cuxa tramitación nunca chegou a rematar.

A Xunta tampouco chegou a aplicar nunca a figura legal da Zona Húmida Protexida que creou en 2001 e nin sequera ten ningún espazo inscrito no Inventario de Zonas Húmidas de Galicia, paso previo á súa protección.

Cabalos salvaxes nunha zona húmida da Serra da Groba, coa ría de Vigo ao fondo © SOS Groba

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.