Con turbeiras ameazadas por eólicos por toda Galicia, o novo subdirector de Espazos Naturais, Tomás Fernández-Couto, confirma que non hai ningún espazo inscrito no inventario galego, paso previo para unha protección que só teñen cinco zonas litorais pola súa relevancia internacional
“Non hai ningunha zona húmida inscrita no Inventario de Humidais de Galicia”. Esa é a resposta oficial que o novo subdirector xeral de Espazos Naturais da Consellería de Medio Ambiente, Tomás Fernández-Couto, máximo responsable ata novembro da loita contra o lume na Xunta durante as dúas últimas décadas, vén de dar a unha petición formal de información ambiental formulada pola asociación ambiental Cova Crea. Estar inscrita nese Inventario de Zonas Húmidas é o paso previo para que un espazo dese tipo poida ser declarado Zona Húmida Protexida, figura legal de ámbito galego creada en 2001 e que só ostentan de xeito automático pola súa protección superior as cinco áreas de interese internacional contempladas no marco do Convenio de Ramsar: o complexo intermareal Umia-O Grove, Corrubedo, Valdoviño e as rías do Eo e de Ortigueira e Ladrido.
Outras zonas húmidas galegas poden estar amparadas por outras figuras que protexen outro tipo de valores naturais a nivel internacional como a Rede Natura, ou estatais como os parques nacionais, pero ningunha o está como tal Zona Húmida Protexida. Unha figura creada para protexer non só marismas ou pantanos senón tamén turbeiras, espazos que entidades ambientais de toda Galicia alertan que están a ser ameazados pola instalación de parques eólicos.
A lei prevé que nas zonas húmidas protexidas “poderanse limitar os aproveitamentos dos recursos naturais, prohibíndose en todo caso os incompatibles coas finalidades que xustificasen a súa declaración”
A Lei 9/2001 de conservación da natureza creou entre outras a figura da Zona Húmida Protexida (daquela denominada humidal protexido), entendendo estas como “extensións de marismas, pantanos, turbeiras ou superficies cubertas de auga, sexan estas de réxime natural ou artificial, permanentes ou temporais, estancadas ou correntes, doces, salobres ou salgadas, incluídas as extensións de auga mariña nas que a profundidade en marea baixa non exceda de seis metros, que á vez cumpran unha función de importancia internacional, nacional ou autonómica na conservación dos recursos naturais, e que sexan declaradas como tales”. A lei contemplou que nesas zonas “poderanse limitar os aproveitamentos dos recursos naturais, prohibíndose en todo caso os incompatibles coas finalidades que xustificasen a súa declaración”.
Non foi ata 2008 que o daquela goberno bipartito de PSdeG e BNG desenvolveu esa parte da lei e, no Decreto 127/2008, estableceu o réxime xurídico das zonas húmidas protexidas e creou o inventario de zonas húmidas. Ese decreto estableceu que pasaban a nese momento a ser consideradas zonas húmidas protexidas os cinco espazos xa incluídos no convenio internacional de Ramsar: o complexo intermareal Umia-O Grove, Corrubedo, Valdoviño e as rías do Eo e de Ortigueira e Ladrido. O decreto tamén estableceu que “para que un humidal poida ser declarado humidal protexido deberá estar previamente incluído no Inventario de humidais de Galicia”, procedemento de inclusión que finaliza cunha resolución que debe ser publicada no Diario Oficial de Galicia.
No marco da preocupación polo posible impacto de novos parques eólicos en espazos húmidos das terras altas como as tubeiras, a Asociación Cova Crea formulou unha petición oficial de información ambiental á Xunta para coñecer que espazos figuran actualmente nese inventario e así poder avaliar o impacto dos novos muíños.
A resposta que agora vén de emitir o novo subdirector de Espazos Naturais, tras lembrar ese proceso de publicación no DOG, é que “a día de hoxe non hai ningunha resolución de inclusión publicada no Diario Oficial de Galicia, polo que non hai ningunha zona húmida inscrita no Inventario de Humidais de Galicia”. Na súa resposta tamén sinala que a inclusión nese inventario non implica ningún réxime de protección senón que sería só un paso previo á posterior declaración de zona húmida protexida que a Xunta aínda non deu con ningún espazo húmido de Galicia máis alá dos cinco amparados polo Convenio de Ramsar.
Por outra banda, en 2019 a Lei do patrimonio natural mantivo o procedemento xa establecido en 2001 e 2008 para a declaración de zonas húmidas protexidas e a inclusión de espazos no inventario previo pero engadiu un apartado no que establece que dito inventario “incorporará todos os espazos naturais protexidos declarados nesta categoría”, polo que nel deberan figurar os cinco amparados polo Convenio de Ramsar declarados como zonas protexidas en 2008 pero todos eles no litoral.
A UE advertiu en 2004 da insuficiente protección das turbeiras dentro da Rede Natura e a proposta da Xunta que incorporaba varios deses espazos a esa outra figura de protección nunca rematou a súa tramitación e o seu borrador excluía xusto espazos reservados para eólicos
A falta de protección das turbeiras das terras altas galegas xa foi advertida pola UE en 2004, cando considerou que os espazos daquela delimitados como Rede Natura non cubrían suficientemente ese tipo de hábitat. En 2011 a Xunta presentou unha proposta de ampliación da Rede Natura na que incluíu diversos espazos con turbeiras, pero nunca rematou a súa tramitación. Ademais, aquela proposta de ampliación realizárase cunha delimitación que por exemplo no caso da serra da Groba realizárase esquivando xusto os lugares nos que xa daquela estaba prevista a implantación de eólicos que agora veñen de reactivar a súa tramitación. Nas avaliacións de impacto ambiental deses e das ducias de parques eólicos que se están a impulsar por toda Galicia non interferirá ningunha zona húmida protexida porque a Xunta non creou ningunha en toda Galicia en 20 anos.