Así se fragmenta un parque eólico para facilitar a súa autorización ambiental: as denuncias espállanse por Galicia

Parque eólico nun monte galego CC-BY-SA Praza Pública

Do Val Miñor a Trives ou a Costa da Morte, a Xunta tramita por separado muíños con emprazamentos próximos e muda a lei para simplificar as avaliacións de impactos malia unha recente sentenza do Tribunal Superior que anulou un parque polo seu efecto acumulativo

Hai tres meses, o pasado novembro, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) anulou a autorización outorgada polo Goberno galego en 2018 que permitiu construír un parque eólico en Mondoñedo grazas a que os seus promotores o tramitaron como dous proxectos distintos. Os xuíces censuraron que a “fragmentación” e “división artificial” do parque que consentiu a Xunta evitou que se analizase correctamente o impacto sobre a natureza e o patrimonio e que se tivesen en conta “os efectos sinérxicos ou acumulativos” de dous proxectos que foran promovidos por dúas empresas formalmente distintas, Norvento Sasdónigas SLU e Norvento Estelo SLU, pero que o tribunal rematou considerando como “o mesmo promotor”.

Fragmento da sentenza do TSXG que anulou a fragmentación artificial dun parque eólico coa que se lle facilitou a autorización ambiental CC-BY-SA Praza Pública

A Xunta vén recibindo diversas condenas por non avaliar completamente o impacto ambiental de todo tipo de plans e proxectos e agora a Lei de Reactivación que impulsa o PP quere reducir e simplificar eses procesos

A fragmentación de parques eólicos mesmo por parte dun mesmo promotor para facilitar a súa autorización ambiental é unha denuncia que están a lanzar diversas entidades por todo o país e que se sustentaría en que canto máis pequeno e menos muíños ten un parque, máis sinxelo lle resulta obter os permisos. Empezando polo feito de que os parques de máis de 50 MW de potencia teñen que ser analizados ambientalmente polo Estado, pero os desa ou menor entidade son autorizados polas comunidades autónomas. Seguindo pola posibilidade que adoitan solicitar á Xunta os promotores de calquera proxecto de que as súas instalacións sexan avaliadas de xeito simplificado e non por un procedemento ordinario máis complexo, decisións que lle veñen supoñendo ao Goberno galego sucesivas condenas xudiciais por non analizar completamente os impactos. E, agora, con novos cambios na Lei de Reactivación Económica que está a impulsar o PP no Parlamento de Galicia para “axilizar” e “simplificar” aínda máis a tramitación dos muíños ou das infraestruturas secundarias que precisan para o seu funcionamento.

A nova lei ademais de permitir que a Xunta autorice parques eólicos á marxe da súa propia planificación para o sector e de deixar en mans de entidades de colaboración privadas parte da tramitación ambiental de todo tipo de proxectos, tamén os eólicos, elimina o trámite de información pública (no que os colectivos ecoloxistas adoitan advertir de impactos non contemplados polos promotores ou as administracións) para determinadas instalacións eléctricas como as liñas que conectan muíños dos parques eólicos. En determinados supostos, tampouco teñen que expoñerse as “modificacións de instalacións de distribución ou conexión con xeradores”, o que abre a porta a que esas redes autorizadas para un determinado parque acaben sendo empregadas por varios cunha menor avaliación do seu impacto.

A estas mudanzas o PP engadiu, como unha corrección de erros ás súas propias emendas contra o seu texto, a ampliación do prazo de vixencia das declaracións ambientais. Unha decisión que se produce despois de que o TSXG anulase a autorización da Xunta para un parque eólico na Serra do Oribio porque caducara a súa declaración ambiental sen que comezasen as obras.

Entidades como Petón do Lobo ou o Instituto de Estudos Miñoráns están a documentar diversos parques tramitados por separado malia a proximidade dos seus muíños, a coincidencia dos seus promotores ou mesmo a existencia de infraestruturas compartidas

Neste contexto é no que diversas entidades de todo o país veñen denunciando supostas fragmentacións de parques en distintas fases de tramitación para facilitar as súas autorizacións. A Plataforma contra a implantación de parques eólicos na comarca de Ordes ou Adega xa o denunciaron hai tres anos nesa comarca coruñesa, por exemplo, e agora fano tras un traballo de documentación de varios proxectos a trámite ambiental na Xunta a Asociación Petón do Lobo ou o Instituto de Estudos Miñoráns (IEM)

Petón do Lobo e o IEM coinciden na súa análise de tres proxectos nas comarcas de Trives e Valdeorras veciños os uns dos outros e cos nomes Ventumelo, Neboada e Treboada. Cada un dos tres ten xusto unha potencia de 50 MW, o límite que permite que sexan analizados pola Xunta e non polo Estado. Comparten infraestruturas de evacuación da enerxía ou accesos, e os seus muíños emprázanse esquivando varios espazos protexidos, segundo reflicte a análise de Petón do Lobo.

Análise das coincidencias de tres parques eólicos distintos en Trives e Valdeorras © Petón do Lobo

Na Groba, última gran serra litoral de Galicia sen aeroxeradores, 44 muíños repartíronse en 6 parques distintos con emprazamentos esquivados pola proposta de Rede Natura para a zona que a Xunta leva unha década evitando aprobar

No Val Miñor o Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) formula unha denuncia similar tras analizar non só os muíños que se están a planificar na súa comarca senón tamén os doutros lugares de Galicia, como os anteditos de Trives e Valdeorras. Nese caso mesmo detectaron que o domicilio social de dúas das empresas que impulsan dous dos parques, Wind Grower SL e Wind Hero SL, é o mesmo, en Palma de Mallorca, e que coinciden varios nomes dos equipos redactores dos dous proxectos.

No seu propio caso, o do Val Miñor, o IEM amosa a súa preocupación polos 44 muíños repartidos en seis parques distintos (Torroña I, Toroña, Torroña III, Albariño I, O Merendón e O Rosal) contemplados no Rexistro Eólico de Galicia que ameazan o feito de que a serra da Groba, entre Baiona e A Guarda, sexa a última gran serra litoral galega sen aeroxeradores.

Emprazamentos dos muíños planificados na serra da Groba e proposta formulada en 2011 pola Xunta de ampliación da Rede Natura que esquivaba eses lugares pero que non chegou a aprobar nunca CC-BY-SA Praza Pública - Xunta de Galicia

A serra da Groba conta con hábitats que a Xunta leva unha década evitando protexer mellor como reclama a UE. De feito, a proposta aínda non aprobada de aplicación na zona da figura da Rede Natura que elaborou a Xunta deixaba á marxe dela xusto os espazos nos que se planificaron os muíños. Uns xeradores que serían visibles desde sitios tan turísticos como Baiona e Nigrán ou o mosteiro de Oia. No caso citado ao comezo desta información, o do parque eólico de Mondoñedo fragmentado ilegalmente, os seus promotores mesmo chegaron a defender que os aeroxeradores resultan "atractivos para os turistas", algo que o TSXG rexeitou pola súa "grave afectación polo seu impacto visual e acústico”.

“A subdivisión dos parques en unidades máis pequenas constitúe claramente unha burla de lei", critica o Instituto de Estudos Miñoráns

O IEM chama a atención sobre a “mestura eólica” que se produce entre muíños -mesmo con algúns intercalados- ou instalacións de evacuación da enerxía dos diversos parques planificados na Groba, varios deles xa en tramitación ambiental e mesmo con obras previas xa iniciadas. “A subdivisión dos parques en unidades máis pequenas constitúe claramente unha burla de lei que vulnera as directivas europeas e dificulta a participación pública da cidadanía na tramitación”, denuncia esta entidade.

Emprazamentos intercalados de muíños de parques distintos planificados na Serra da Groba © Instituto de Estudos Miñoráns

Casos similares rexístranse por toda Galicia, denuncian. O mesmo promotor, EDP Renovables España SLU, teñen tamén os parques eólicos xa a tramitación ambiental de Monte Agrelo e Muriño, en Cabana de Bergantiños e Zas, e o de Bustelo e Baralláns, en Cabana e Coristanco. Nunha zona na que xa existen numerosos parques en funcionamento, estes dous estarán separados por menos de catro quilómetros pero xa están a tramitarse por separado. E igualmente o mesmo promotor, Enel Green Power SL, teñen os parques eólicos Serra de Piñeira e Serra do Furco, en Baralla e Láncara o primeiro e en Becerreá o segundo, separados pouco máis de tres quilómetros e cunha potencia de 35 e 40 MW respectivamente. 

Parte das tramitacións xa en marcha poderán beneficiarse, se non saen adiante antes, das reformas para simplificar e reducir os procesos que se están a ultimar a través da Lei de Reactivación Económica que impulsa o PP.  Unha norma cuxas "oportunidades" para o sector eólico xa lle foron comunicadas polo Goberno galego.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.