Tres megaparques, a maioría na provincia de Ourense e parte no Bierzo, con máis de 80 grandes aeroxeradores e unha potencia prevista de máis de 450 megavatios. É o proxecto co que o Goberno de Noruega entrará no negocio eólico galego a través da empresa Desarrollos Renovables Iberia Delta.
Unha empresa estatal de Noruega proxecta tres megaparques eólicos en Galicia dez anos despois de que Feijóo desbotase a participación pública
O inicio dos trámites administrativos para a futura construción destes parques por parte desta empresa --pertencente ao grupo estatal noruegués Statkraft-- chega cando se cumpren dez anos desde que a Xunta anulase o concurso eólico do goberno bipartito para dar paso a outro. Desde que Feijóo, nada máis chegar ao Executivo, anulase aquel decreto en base á suposta ilegalidade do impulso que o texto daba á participación pública da Administración autonómica no accionariado dos promotores, figura que foi avalada pola xustiza.
Despois dunha década, na que o sector quedou paralizado e perdeu milleiros de empregos, o eólico rexorde da man de megaproxectos como o que lidera Statkraft, empresa hidroeléctrica cuxa propiedade é 100% do Estado noruegués. A empresa, cuns 4.000 empregados en todo o mundo, prepara un investimento duns 400 millóns nos tres parques que prevé ter rematadas nos vindeiros cinco anos.
O proxecto máis grande contará con 31 aeroxeradores e 171 megavatios na área do macizo de Trevinca
Participación pública total, pero do país nórdico, en tres proxectos que se desenvolverán en numerosos concellos da comarca de Valdeorras, pero tamén da de Allariz e Verín, ademais do Bierzo, en León. O máis grande –proxecto Prada– contará con 31 aeroxeradores e 171 megavatios na área do macizo de Trevinca; o de Rebordechao prevé 28 e 154 megavatios no Macizo Central de Ourense, mentres que o de Barjas, a uns 200 metros da Zona de Especial Conservación dos Ancares-Courel, proxecta 22 muíños para 121 MW.
Todos eles contan xa co rexeitamento de colectivos veciñais e ecoloxistas ante a súa magnitude e afectación sobre espazos protexidos ou de especial relevancia, con muíños de máis de cen metros de altura. Salvemos Trevinca é unha das entidades máis activas, cun manifesto que supera as 4.000 sinaturas. "Este desmesurado proxecto eólico na Serra do Eixe, brazo principal das Montañas de Trevinca, con final en Pena Trevinca-Cume de Galicia, suporía unha grave agresión –sen posible solución posterior– ao noso patrimonio natural de montaña en Galicia, bastante danado xa", din.
Ademais, a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, denunciou xa ante a Comisión Europea a posible vulneración da normativa europea dos parques eólicos proxectados na provincia de Ourense por "atravesaren zonas de gran valor ambiental que precisan protección".
De feito, a elevada dimensión dos parques previstos provoca que teñan que someterse a unha declaración de impacto ambiental por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica, proceso aínda encetado e que, malia que a empresa advirte do impacto moderado no medio ambiente, podería supor algún cambio no futuro para aminorar calquera afectación.
O PP cargara en 2009 contra a suposta ilegalidade que supoñía a cesión voluntaria de accións á Xunta por parte dos promotores, avalada logo polo TSXG
A aterraxe desta empresa estatal no negocio eólico galego contrasta coa oposición que o PP e o propio Feijóo fixeran na polémica campaña das autonómicas contra o decreto eólico do goberno de coalición e, en especial, contra a posibilidade da cesión gratuíta de accións á Xunta por parte dos promotores, que puntuaba un máximo do 30% no concurso de adxudicación.
No decreto 242/2007 establecíase que, "con carácter voluntario, e para os efectos de valoración do anteproxecto", as empresas solicitantes podían "presentar a proposta de compromisos adicionais", entre os que incluía a de "participación pública no capital social do proxecto a través de entes de dereito público que teñan como obxecto social ou función a implantación de sistemas de produción de enerxía e que poidan constituír ou participar en sociedades, calquera que for a súa forma, cun obxecto que se relacione cos seus fins". O obxectivo era, segundo se explicaba no texto, garantir "que a sociedade galega no seu conxunto se poida beneficiar de maneira directa dos rendementos xerados por estas instalacións".
Os populares e Feijóo cargaron con dureza contra esta posibilidade, que consideraban un dos "elementos de ilegalidade" do decreto. En 2010, en canto a Xunta aprobou o novo concurso eólico, eliminou a "participación pública" e introduciu un canon de carácter finalista e medioambiental que provocou iniciativas destacadas nalgún concello, pero tamén subas no recibo da luz derivadas daquela figura impositiva –e outras implementadas por Mariano Rajoy desde a Moncloa– que foron recorridas polas eléctricas.
Aquela participación pública como elemento de valoración no concurso eólico do bipartito fora mesmo denunciada por algunha empresa, pero o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) avalou a medida por ser "unha opción válida conforme ás previsións contidas" na lei. "É o exercicio dunha opción que, sen dúbida, puidese merecer as súas críticas, pero non pode reputarse ilegal por vulnerar nin o principio de liberdade de empresa nin disposicións legais ou constitucionais", insistía o ditame.
Duras críticas á "participación pública"
No entanto, na exposición de motivos da Lei de aproveitamento eólico de Galicia impulsada polo PP nada máis recuperar o poder, cargárase con dureza contra aquela pretendida participación pública nos proxectos. "O interese público de Galicia pode e debe encontrarse mellor reflectido e en harmonía plena co ordenamento xurídico son causa e razón suficientes para xustificar o distanciamento do procedemento ideado polo decreto e iniciado pola orde de aplicación co fin de atopar outras fórmulas, outros modelos máis racionais, máis perfectos, máis rectos", expresaba o texto.
Os expertos Rosa María Regueiro e Xoán Ramón Doldán, no seu estudo Política sectorial da enerxía eólica en Galicia: participación social e comparación internacional, reparaban nesta peculiar crítica que advertía como "grande inconveniente" a obriga da Xunta de participar en consellos de administración. "Non deixa de sorprender, cando esta participación é habitual en empresas públicas e empresas semipúblicas, incluídos varios parques eólicos e outras empresas enerxéticas", destaca o informe.
Agora, a entrada do Goberno noruegués unirase ás varias ducias de megaparques eólicos que se están a tramitar para Galicia, que en 2019 instalou o dobre de potencia eólica que en toda a década anterior, cando o sector foi paralizado pola anulación do concurso eólico do goberno de coalición e os obstáculos impostos despois ás renovables en toda España trala chegada de Rajoy á Moncloa.
O Observatorio Eólico destaca o "boom" de peticións de grandes parques en Galicia, máis de 30, que suman máis de 2.500 megavatios
O TSXG e o Tribunal Supremo declararon ilegal a decisión da Xunta de anular aquel concurso eólicao. Naquela altura, Galicia contaba con arredor de 140 parques eólicos e unha potencia instalada total de 3.163 MW, case o 20% do total do conxunto do Estado. As consecuencias, entre outras, foron a perda do 80% do emprego e o pagamento de ata 3 millóns de euros por parte da Administración autonómica ás empresas que foran prexudicadas pola súa actuación, inzada de inseguridades xurídicas. A finais de 2018, despois de nove anos de Núñez Feijóo no Executivo, Galicia contaba con 161 parques eólicos, apenas 15 máis que no ano 2009, e sumaba 3.411 MW, só 229 máis que nese ano. O peso de Galicia en relación ás cifras totais españolas descendera por debaixo do 15%
En 2019 Galicia viviu un relanzamento do sector eólico, cun incremento de potencia instalada de máis de 415 megavatios, unha evolución á alza que continuou en 2020 malia a pandemia, cunha produción que se incrementou un 15%. No entanto, como destaca o Observatorio Eólico de Galicia, o que agora se produce é "un boom de peticións de grandes parques a través do Ministerio de Transición Ecolóxica", ao superaren os 50MW ou estar situados en dúas comunidades autónomas.
Son máis de 30 "que totalizan máis de 2.500 MW, o que representa máis da metade da capacidade instalada en Galicia no 2020", destaca o Observatorio, que repara en Greenalia como "o promotor máis activo" e no parque máis grande, o proposto polo Goberno noruegués no oriente galego.