Unha das primeiras medidas adoptadas por Alberto Núñez Feijóo despois da súa chegada á Presidencia da Xunta, no ano 2009, foi a anulación do concurso eólico desenvolvido polo goberno bipartito, unha decisión que o TSXG e o Tribunal Supremo declararon ilegal. Nese momento Galicia contaba con ao redor de 140 parques eólicos e unha potencia instalada total de 3.163 MW, case o 20% do total do conxunto do Estado.
A paralización do concurso eólico decretada por Núñez Feijóo provocou a paralización do sector. Porén, o presidente da Xunta sacou peito este xoves sobre o incremento da potencia eólica no último ano
A decisión, á que se uniron os obstáculos impostos ás renovables en toda España trala chegada de Mariano Rajoy á Moncloa, tivo como consecuencia a paralización do sector en Galicia, a perda do 80% do emprego e, ademais, o Goberno galego tivo que pagar unha multa de 3 millóns de euros ás empresas que foran prexudicadas pola súa actuación, inzada de inseguridades xurídicas. A finais de 2018, despois de nove anos de Goberno de Núñez Feijóo, Galicia contaba con 161 parques eólicos, apenas 15 máis que no ano 2009, e sumaba 3.411 MW, só 229 máis que nese ano. O peso de Galicia en relación ás cifras totais españolas descendera por debaixo do 15%.
No pasado ano 2019 Galicia viviu un relanzamento do sector eólico. Segundo os datos que a Xunta fixo públicos este xoves, nos últimos 12 meses incrementouse a potencia instalada en 415,24 MW. É dicir, case o dobre do aumento que se producira nos nove anos anteriores. En total, puxéronse en marcha 18 novos parques, chegando a un total de 179 instalacións e 3.826 MW totais
Nos últimos 12 meses incrementouse a potencia instalada en 415,24 MW. É dicir, case o dobre do aumento que se producira nos nove anos anteriores
O crecemento continuará nos vindeiros anos. O Goberno galego tamén anunciou que ao longo de 2020 se porán en funcionamento seis novos parques e outro máis será repotenciado. Estas sete actuacións elevarán a potencia total en 143,5 MW, superando os 4.000 MW en total.
Esta dinámica contrasta cos datos dos últimos anos, nos que o sector permaneceu estancado. En 2011 e 2015 non se puxo en marcha ningún novo parque eólico, en 2014 e 2016 foron unicamente un cada ano, e en 2018 só se abriron dúas novas instalacións. Neses anos os incrementos na potencia instalada foron case testemuñais.
Feijóo defende que a recuperación do sector no último exercicio se debe á aprobación da Lei de Implantación Empresarial e á actuación do Executivo de Rajoy
Na presentación dos datos Núñez Feijóo volveu sacou peito sobre as cifras, a pesar da desfeita que viviu o sector nos nove anos anteriores. "O compromiso do Goberno galego co fomento das enerxías renovables e co obxectivo de contar cunha Galicia cada vez máis verde está permitindo que o sector eólico estea de novo en alza", afirmou.
Así mesmo, defendeu que a recuperación do sector no último exercicio se debe á aprobación da Lei de implantación empresarial (tamén coñecida como Lei de Depredación), "que permitiu a creación da declaración de especial interese para dotar dunha maior axilidade os proxectos".
Núñez Feijóo destacou "a oportunidade que supuxeron as poxas de renovables promovidas polo Goberno de Mariano Rajoy", esquecendo os obstáculos impostos polo Executivo do Partido Popular ás enerxías renovables. Ademais, reclamoulle ao novo Goberno central que "teña entre as súas prioridades a convocatoria de novas poxas de renovables para garantir que este sector siga medrando en Galicia".
O Observatorio Eólico de Galicia reclama que "no actual relanzamento da enerxía eólica non se debe caer nos mesmos erros cometidos anteriormente"
Entidades como o Observatorio Eólico de Galicia veñen reclamando que "no actual relanzamento da enerxía eólica non se debe caer nos mesmos erros cometidos anteriormente". Entre os anos 2007 e 2017 os concellos e propietarios rurais recibiron só o 5% da facturación dos parques eólicos galegos . O Observatorio reclama que a "necesaria transición enerxética" sirva "realmente" para "fortalecer ás comunidades locais e rurais" e pon en valor exemplos de boas prácticas en enerxía eólica, como os que se desenvolven no Concello de Muras ou na Comunidade de Montes de Zobra.
De igual xeito, en setembro sete plataformas locais puxeron en marcha a primeira rede galega contra os proxectos eólicos e liñas eléctricas abusivas. As plataformas maniféstanse a favor das enerxías renovables e sostibles, "pero só se son ben planificadas e teñen en conta ás poboacións locais".
O concello de Muras é a localidade con máis aeroxeradores, seguida de Abadín, Ourol, As Pontes e Vilalba
En 1989 instaláronse en Cabo Vilán (Camariñas) os primeiros muíños, xa desmantelados. As zonas que acollen un maior número de parques eólicos e aeroxeradores son as serras do norte da provincia da Coruña ou Lugo, como as do Xistral ou da Capelada, ademais da Costa da Morte e as Serras Centrais. Na actualidade, o concello de Muras é a localidade con máis aeroxeradores (381), seguida de Abadín, Ourol, As Pontes e Vilalba. Mazaricos, O Valadouro, Ortigueira, Dumbría e Forcarei suman tamén máis de cen aparellos.