Costa da Morte, Norte de Lugo e as Serras Centrais concentran os 50 novos parques eólicos galegos

Aeroxerador, visto dende a súa base © Iberdrola

2019 será o ano do relanzamento da enerxía eólica en Galicia, despois de case unha década de bloqueo provocado pola anulación do concurso do Bipartito a mans do Goberno de Núñez Feijoo e da decisión do Executivo de Mariano Rajoy de eliminar as primas á produción de enerxías renovables. Ao redor de medio cento de novos parques eólicos serán unha realidade entre este ano e os seguintes, atopándose moitos deles xa en construción e varios outros nas últimas fases da súa tramitación.

Unha ducia de novos parques localízanse na Costa da Morte e Bergantiños e 14 abriranse no norte de Lugo, entre A Mariña e a Terra Chá

Este ano deben entrar en funcionamento en Galicia 34 novos parques eólicos, que achegarán uns 700 megavatios á actual potencia instalada, que leva unha década estancada: no 2010 a potencia eólica instalada en Galicia era de 3.285 MW e sete anos despois apenas variara, situándose nos 3.343 MW.

O medio cento de novos parques eólicos aprobados polo Goberno galego distribúense por todo o país, pero concéntranse sobre todo en tres zonas: unha ducia localízase na Costa da Morte e Bergantiños e 14 abriranse no norte de Lugo, entre A Mariña e a Terra Chá. Un número igualmente importante sitúase nas Serras Centrais (Serra do Faro, Serra do Suído...), no espazo no que se unen as catro provincias galegas.

Mondoñedo, con 8 novos parques eólicos (varios deles compartidos con outros concellos) é a localidade na que abrirán máis instalacións. Santa Comba e A Pastoriza (4 cada un) e Vimianzo, Zas, Alfoz e Coristanco (3 cada un) son os outros concellos que acollerán máis parques. Na actualidade, Galicia suma un total de 159 instalacións, repartidas entre 107 concellos. Muras é a localidade con máis aeroxeradores, seguida de Abadín, Ourol, As Pontes, Vilalba, Mazaricos, O Valadouro, Ortigueira, Dumbría e Forcarei.

Norvento, Greenalia e Naturgy son as empresas que controlarán directamente un maior número de novas instalacións

O previsto incremento na produción eólica fará que no 2020 a enerxía xerada só por fontes renovables estea preto de cubrir a totalidade da demanda galega. Así, a pesar do peche da central térmica de Meirama ese ano e do previsto peche da central das Pontes nun futuro próximo, Galicia seguirá sendo excedentaria de electricidade e seguirá exportándoa aos territorios do Estado que consumen máis da que producen, como Madrid, Valencia e Euskadi.

En canto ás empresas concesionarias que explotarán os novos parques eólicos, destaca en primeiro lugar a galega Norvento, con 11 novas instalacións, que se unirán ás 6 que xa posúe. Cómpre salientar igualmente a  tamén galega Greenalia Power, que contará con 7 novos parques eólicos, trala compra dos impulsados por Gamesa e Enebro. Naturgy (directamente ou a través de Fenosa Wind) controla 5 novos parques. E Enel Green Power (Endesa) contará con 2 novas instalacións, o mesmo que Fergo Galicia Vento.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.