Galicia seguirá exportando enerxía tras o peche de Meirama

Acción de Greenpeace na Central Térmica de Meirama © Greenpeace

Cada ano entre 6.000 e 13.000 xigavatios por hora son transferidos a outras comunidades autónomas que demandan máis electricidade da que xeran

Galicia é excendaria en produción de enerxía. Cada ano entre 6.000 e 13.000 GWh son transferidos a outras comunidades autónomas que demandan máis electricidade da que xeran. Sobre todo Madrid (cun saldo negativo de 27.554 GWh) pero tamén Valencia (11.262 GWh) ou Euskadi (10.770 GWh). Galicia é un dos territorios que exporta máis electricidade ao resto do Estado, unha categoía que comparte con Estremadura, Castela-León e Castela-A Mancha, e por diante de Asturias ou Aragón, que tamén producen moito máis do que consomen.

En concreto, Galicia xera entre 26.420 (2017) e 33.274 (2013) GWh, unhas oscilacións que proceden sobre todo da enerxía hidráulica, irregular en función do nivel de precipitacións. A demanda eléctrica mantense estable dende hai anos lixeiramente por debaixo dos 20.000 GWh. Entre o 50% e o 60% da electricidade xerada en Galicia procede de fontes renovables, sobre todo dos parques eólicos e ao redor dun terzo ten a súa orixe na queima de carbón.

O previsto incremento na produción eólica fará que no 2020 a enerxía xerada só por fontes renovables estea preto de cubrir a totalidade da demanda galega

Esta semana coñeceuse a nova do peche da central térmica de Meirama, que deberá abandonar a produción no verán de 2020. Na actualidade esta central está a producir ao redor de 2.600 GWh, que deberán restarse da xeración global galega. Porén, a inminente posta en marcha dunha trintena de parques eólicos en Galicia (cunha potencia total de case 700 megavatios achegará ao redor do 60% desa cantidade, polo que a produción eléctrica galega apenas se verá afectada. 

Galicia seguirá sendo, para ben ou para mal, excedentaria en enerxía. De feito, mesmo nos anos de menor xeración (por exemplo), o saldo entre a produción e o consumo foi moi superior aos 2.600 GWh achegados por Meirama. De feito, o previsto incremento na produción eólica fará que nese ano 2020 a enerxía xerada só por fontes renovables estea preto de cubrir a totalidade da demanda galega (algo que xa sucedeu, por exemplo, no ano 2013).

A plataforma Galiza, un futuro sen carbón, formada por unha ducia de entidades ecoloxistas (dende ADEGA a Greenpeace, pasando por Verdegaia ou a APDR), esixe o peche da central térmica das Pontes antes do ano 2025, que en calquera caso deberá pechar obrigatoriamente antes do 2030.

Fronte a esta realidade, o pasado 23 de novembro o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo afirmou que "pechar as centrais térmicas de Meirama e As Pontes supón automáticamente que Galicia produce menos enerxía da que consume". Algo que á vista dos datos é máis que cuestionable. Dende o 2008, tan só dous anos (2012 e 2017) a produción eléctrica galega de fontes distintas ao carbón estivo por debaixo da demanda interna. E a diferenza foi, ademais, moi pequena.

Dende o 2008, tan só dous anos (2012 e 2017) a produción eléctrica galega de fontes distintas ao carbón estivo por debaixo da demanda interna

Ademais, como lembraba Xosé Veiras neste artigo, Galicia non quedaría sen térmicas se pechan as de carbón. "Hai outras dúas hoxe moi infrautilizadas. De ciclo combinado e gas natural, cunha potencia total de 1250 MW, equivalente á de dúas centrais de Meirama", sinalaba Veiras. Unha sitúase tamén nas Pontes (ENDESA) e a outra en Sabón (Naturgy). Durante o 2017 só aproveitaron, respectivamente, o 21% e o 8,5 % da súa capacidade de produción dispoñible. "Tamén son contaminantes, e non pouco, pero sono bastante menos que as de carbón. E son menos ineficientes na transformación da enerxía do combustíbel en electricidade", engadía.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.