A Xustiza dá tres meses para subir o recibo da luz en Galicia e compensar as eléctricas polo pago de impostos

Detalle dunha factura da luz CC-BY-SA Praza Pública

Logo de que o Estado certificase o pasado mes de xaneiro unha nova suba no recibo da luz dos galegos para compensar as eléctricas polo pagamento de impostos na comunidade, o Tribunal Supremo aprema agora o Ministerio de Enerxía e as autonomías a aplicar este incremento canto antes e ameaza con multas á Administración que non o faga. 

O Supremo aprema a que se apliquen as subas no recibo da luz que afectarán os galegos

Malia que a Xunta rexeita esta suba obrigada pola pasada sentenza xudicial de xuño de 2014, o mecanismo está en marcha. Non lle queda outra. Os fogares galegos pagarán máis pola luz e un último auto do Tribunal Supremo, ao que tivo acceso Praza.gal, pon data límite para que se aplique esta medida: o vindeiro 15 de xullo. "En caso contrario poderase acudir ás medidas coercitivas ou ben substitutorias ou indemnizactorias que se consideren procedentes", advirte a resolución. 

A decisión do Supremo, adiantada polo Faro de Vigo, insiste en que se repercutirán nos recibos dos galegos aqueles tributos que a Xunta cobrou ás eléctricas en 2013 e que acabarán pagando os consumidores. 

O Supremo pon data límite para a aplicación deste incremento: o 15 de xullo. De non facerse, aplicaranse sancións

Son as consecuencias derivadas da sentenza de 11 de xuño de 2014 e do auto do Supremo de marzo de 2017 na que se determina que as compañías poderían aplicar un "suplemento territorial" á factura da luz para repercutir o custo dos tributos específicos mediambientais que se fixaran nas diferentes comunidades autónomas, entre elas Galicia. Dábase vía libre para que as eléctricas recuperasen estes gravames mentres estivo en vigor o decreto-lei de estabilidade orzamentaria aprobado por Rajoy en 2012. Aquel decreto fixaba como obrigatoria a posibilidade aberta pola Lei do sector eléctrico, que permitía incorporar suplementos territoriais aos consumidores de autonomías con recargos sobre os tributos estatais. Era un risco do que advertía a oposición e que o Goberno galego negaba ou non quería crer.

Varias sentenzas recoñécenlle ás eléctricas aplicar un "suplemento territorial" á factura para compensar os tributos autonómicos pagados

En vigor durante todo aquel ano 2013, aquela posibilidade non se chegou a aplicar e a finais de ano outra lei para o sector botou por terra todo o anterior, pero as compañías eléctricas acudiron ao Supremo, que lles deu a razón. O Goberno central tivo que reaccionar pero a súa orde para acatar a resolución, de hai xa máis dun ano, tan só logrou fixar os suplementos territoriais de catro autonomías. O Ministerio de Enerxía non foi quen de acadar a información necesario para o seu cálculo noutros territorios como Galicia. 

Así, hai tan só uns meses informou ás autonomías de que pasaría a cobrar eses recargos e reclamoulles as cifras da recadación para determinar a suba dos recibos. Ademais, especificou os impostos polos que se vería afectada cada comunidade, que no caso de Galicia non só abranguen o canon eólico, como se prevía, senón tamén ao de saneamento, ao imposto sobre contaminación atmosférica (ecotaxa) e ao imposto sobre dano medio ambiental causado por determinados usos e aproveitamentos da auga en encoros.

Agora, o novo auto do Supremo, máis aló de informar o Ministerio, advirte do "desigual resultado" do intento por apañar a información necesaria das autonomías, entende "oportuno remitir testemuño deste auto ás correspondentes consellerías" de cada comunidade, "instando á súau colaboración, esixible para o cumprimento das resolucións xudiciais". 

Ao recargo que se lle aplique aos consumidores haberá que aplicarlle os intereses

Ademais, advirte de que as cantidades que queden fixadas definitivamente non deberan ser afectadas polo atraso na execución da orde, polo que "deberán incorporar, na forma que resulte procedente, os intereses legais correspondentes" a partir da notificación do auto do 10 de marzo de 2017. 

O Estado ten previso aplicar axiña a suba para cumprir coa sentenza xudicial e cumprir co prazo marcado polo Supremo. A Xunta foi enviando os datos, aínda que non se coñecen con detalle cantos, pero tamén recorreu a orde. Ao tempo, o BNG instou este xoves ao presidente Alberto Núñez Feijóo a "dar explicacións" ante a sentenza do alto tribunal "que permitirá ás eléctricas encarecer o recibo da luz" por un valor que a formación nacionalista cifra nuns "70 millóns de euros". Para a portavoz do Bloque, Ana Pontón, é unha “burla a Galiza” que o PP permita "que os galegos e as galegas paguemos máis pola luz cando somos un país produtor de enerxía".

Galicia recadou uns 40 millóns de euros en 2013 polo canon eólico, a ecotaxa e o imposto por dano ambiental dos encoros

Segundo os datos do IGE, que non inclúe cantidade ningunha no de saneamento, en 2013 pola ecotaxa Galicia ingresou 2'92 millóns; 22,92 máis polo canon eólico e 13,99 millóns por dano ambiental dos encoros. Un total de case 40 millóns de euros que, como mínimo, terán que ser pagados polos consumidores galegos. A Xunta argumenta que estes tributos non deberían ser contemplados polo Ministerio nin repercutir sobre os consumidores ao ser medioambientais e non gravar as actividades ou instalacións eléctricas. 

Parque eólico en Galicia © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.