Galicia depende totalmente da enerxía fósil importada desde este 18 de marzo ata final de ano. En definitiva, o país ficaría desabastecido durante máis de nove meses se non importase toda esa enerxía procedente de combustibles fósiles.
A partir do 17 de marzo, o país quedaría desabastecido e a vida paralizada de non ser pola importación masiva de enerxía fósil
Esa é a principal conclusión que se tira do informe Día da Depredación Enerxética 2025 feito público polo Observatorio Galego da Acción Climática (Ogacli) este pasado luns 17, xornada do ano na que a demanda de recursos enerxéticos en Galicia iguala a produción de recursos enerxéticos autóctonos, case todos de orixe renovábel (auga, vento e biomasa principalmente).
É, xa que logo, a partir deste 17 de marzo cando a vida social e económica do país "paralizaríase totalmente de non ser pola importación masiva de enerxía fósil, procedente maioritariamente do Sur global, os Estados Unidos de América (EUA) e Rusia.
O cálculo xorde da información oficial sobre o uso de enerxía primaria, isto é, sobre os recursos enerxéticos a partir dos que se obtén a enerxía dispoñíbel para o consumo (combustíbeis, calor, electricidade), tomando como ano de referencia 2022, o máis recente con datos.
O Día da Depredación Enerxética visualiza "a enorme dependencia de enerxía fósil, importada sobre todo do Sur global" e a maior fonte de gases causantes de crise climática
Con esta data e este concepto, tal e como explicou noutras ocasións o Ogacli, preténdese "visualizar a enorme dependencia da sociedade galega de enerxía fósil, importada sobre todo do Sur global", así como sobre o seu uso, que é "a maior fonte de emisións de gases causantes de crise climática". De feito, é responsable de case o 73% das emisións territoriais galegas de gases causantes da mudanza no clima.
Todos estes datos serven tamén para aclarar unha concepción errónea, aínda que moi estendida, sobre a autosuficiencia enerxética en Galicia, unha idea na que se mesturan os conceptos de electricidade (Galicia si produce máis electricidade da que consome) e enerxía.
Galicia produce máis electricidade da que consome, pero ten unha alta dependencia enerxética de fontes fósiles
Porque a electricidade é só unha pequena porcentaxe (menos dunha cuarta parte) da enerxía que consumimos e necesitamos. A enerxía abrangue outras fontes, empregadas por exemplo para a calefacción e, sobre todo, para o funcionamento dos transportes, que a día de hoxe se seguen movendo con motores de combustión alimentados por derivados do petróleo. O conxunto da economía estase a electrificar e tamén o transporte, co obxectivo de deixar de usar os contaminantes produtos petrolíferos. E na medida en que esta tendencia se vaia consolidando nos vindeiros anos, necesitaremos moita máis electricidade.
Daquela, que supón o informe do Día da Depredación Enerxética? Pois que os recursos enerxéticos renovábeis galegos obxecto de aproveitamento adoitan acabarse nalgún día de marzo, cando menos desde 2010. En definitiva, que Galicia depende de enerxía fósil importada para cubrir a demanda da súa economía polo menos durante nove dos doce meses do ano. Unha tendencia que, malia que atrasa aos poucos esa xornada a partir da cal suporía o desabastecemento, non muda moito co paso dos anos.
Así, Ogacli pon o foco en que a enerxía galega renovábel tan só achega un pouco máis do 20% de toda a usada en Galicia, estando ademais o aproveitamento destes recursos enerxéticos de orixe renovable estancados nos últimos anos. En 2022 mesmo baixou o seu nivel por mor da seca.
Porque o recurso enerxético máis utilizado en Galicia segue a ser o petróleo. "O uso de cru de petróleo, ligado á actividade da refinaría da Coruña, e o recurso a produtos petrolíferos importados, regresaron a niveis previos á pandemia da COVID-19", lembra o Ogacli, que sinala que os EUA, México e Libia son os países de orixe da maioría do petróleo importado polo país.
O recurso enerxéico máis utilizado en Galicia é o petróleo, seguido do gas fósil, que se importa como licuado a través dos metaneiros que chegan a Reganosa
Ademais, e desde 2019, o gas fósil, tamén chamado gas natural, é o segundo combustíbel fósil máis empregado. En 2022, de feito, mantívose no seu teito histórico de uso en Galicia, iniciado en 2020. Todo o gas fósil importouse como licuado, transportado en 28 barcos metaneiros descargados na planta regasificadora de Reganosa en Mugardos, procedentes de Rusia (15), Estados Unidos (9) e Nixeria (4).
"Galicia importa masivamente enerxía fósil e externaliza os elevados impactos socioambientais asociados á súa obtención, sendo o Sur global, os EUA e mais Rusia os nosos principais provedores", lembra Ogacli, que insste en que atrasar "rápida e progresivamente o Día da Depredación Enerxética implica diminuír á vez a dependencia enerxética, as emisións de gases causantes da crise climática e a exportación a outros países dos impactos socioambientais asociados á nosa demanda de recursos enerxéticos.
Para que este día límite sexa "cada vez máis serodio é necesario actuar de forma simultánea e decidida en tres grandes frontes: o fin rápido e planificado do sector enerxético fósil (refinaría, regasificadora, centrais de ciclo combinado a gas fósil), o decrecemento do consumo enerxético galego e o desenvolvemento responsábel das enerxías renovábeis a todas as escalas", di Ogacli.