En Oleiros o prezo medio de compra o pasado ano foi de 284 mil euros. Na Coruña e Santiago, os valores tamén superaron a media do Estado
Os prezos da vivenda, que dende hai unha décadas veñen subindo moi por riba do IPC e dos salarios, sitúanse en niveis elevados en todo o país. Con todo, segue a haber importantes diferenzas entre uns e outros concellos. O INE publicou hai uns días a última edición dos Indicadores Urbanos, con información actualizada sobre distintos indicadores en localidades de máis de vinte mil habitantes, 22 no caso de Galicia.
Entre eses indicadores está o das compravendas de vivenda realizadas no ano 2024, unha información que procede da información notarial, ofrecida polo Consello Xeral do Notariado. Entre os concellos sobre os que se ofrece información, Oleiros sitúase como o lugar no que o prezo de adquisición dunha vivenda resultou máis elevado, con máis de 284 mil euros de media. Na lista seguen A Coruña (210 mil euros) e Santiago (207 mil), ambas as dúas por riba da media española (205 mil euros).
O resto de localidades galegas aparecen xa por debaixo da media, con valores próximos a ela en Vigo (202 mil). Pontevedra (177 mil), Cangas (172 mil), Cambre (167 mil), Culleredo (165 mil) e Ames (152 mil) superan tamén os 150 mil euros
O resto de localidades galegas aparecen xa por debaixo da media, con valores próximos a ela en Vigo (202 mil). Pontevedra (177 mil), Cangas (172 mil), Cambre (167 mil), Culleredo (165 mil) e Ames (152 mil) superan tamén os 150 mil euros. Lugo (126 mil) e Ourense (121 mil) sitúanse máis abaixo, o mesmo que Ferrol (82 mil), que se converte nunha das cidades de todo o Estado no que se mercaron e venderon vivendas a un prezo máis reducido.
Os datos galegos contrastan cos dalgunhas localidades das áreas metropolitanas de Madrid e Barcelona e de zonas turísticas, con prezos medios de compra que chegan aos 969 mil euros de Sant Josep de Sa Talaia, os 687 mil de Boadilla del Monte ou os 581 mil de Sant Cugat del Vallès. Tamén cos valores da propias cidades de Madrid (386 mil) ou Barcelona (355 mil).
Os valores recollidos polo INE, en todo caso, son inferiores no caso de pisos e máis elevados no caso de vivendas unifamiliares. En Oleiros, unha vivenda unifamiliar acadou un prezo de compra medio de 367 mil euros e de 310 mil na Coruña, moi por riba da media do Estado.
O prezo medio dos pisos acada tamén o seu máximo en Oleiros (212 mil euros), pero neste caso con pouca diferenza co prezo acadado na Coruña (206 mil), Santiago (199 mil), Vigo (196 mil) e mesmo Pontevedra (176 mil).
Vigo e A Coruña aparecen como os concellos galegos con alugueiros máis caros, que se elevaron entre un 3,3% e un 6,5% nun ano
O INE ofrece tamén un indicador sobre o prezo medio dos alugueiros, aínda que con datos menos actualizados, correspondentes ao ano 2023. Neste caso, os valores máximos en Galicia corresponden a Vigo (541 euros ao mes), por diante da Coruña (533), Pontevedra (514) e Santiago (498). As outras cidades galegas aparecen por debaixo: Ourense (412), Lugo (396) e Ferrol (365).
Entre o 2022 e o 2023 os prezos eleváronse entre o 3,3% e o 6,5%, un incremento moi superior ao do IPC ou ao dos salarios medios.
Os valores son inferiores aos que ofrecen outros indicadores, ao referirse ao conxunto dos alugueiros existentes (non só aos novos contratos), o que inclúe moitos que hai tempo que non varían e tamén o de vivendas en peores condicións de habitabilidade
Trátase de datos que presentan unha gran fiabilidade, pois proceden da declaración da renda de propietarios e inquilinos. Son, ademais, cifras que se sitúan por debaixo doutros indicadores, como o que mensualmente ofrece o Observatorio da Vivenda de Galicia ou os portais inmobiliarios como Fotocasa, Idealista ou Pisos.com.
A explicación é que neste caso a media refírese a todos os alugueiros existentes, o que inclúe moitos que hai tempo que non varían e tamén o de vivendas en peores condicións de habitabilidade. Pola contra, as outras estatísticas fan referencia aos contratos asinados recentemente ou ao prezo no que as vivendas se están a ofertar no mercado, é dicir, os prezos reais que vai atopar unha persoa que queira acceder a un alugueiro.
Así mesmo, neste caso, os prezos refírense ao importe total cobrado ao longo dun ano por un propietario, o que reduce a media resultante ao non ter en conta que algunhas vivendas só se alugan para estadías máis curtas, de tempada.