Mercar ou alugar? O custo do arrendamento supera xa ás cotas das hipotecas en Galicia

Evolución do prezo medio do alugueiro e da cota mensual media das hipotecas en Galicia, sobre a imaxe dun edificio de nova construción © Montaxe: Praza.gal Imaxe: Xunta

Nos contratos asinados entre xuño e agosto en Galicia, o custo medio mensual dos alugueiros sitúase por riba dos 600 euros mensuais, fronte aos 592 euros ao mes que se pagan nas cotas dunha hipoteca

É mellor mercar unha vivenda ou vivir de alugueiro? Trátase dunha pregunta habitual (para as persoas que se poden permitir sequera valorar a compra dun inmoble) cunha resposta que adoita ser diferente en función das preferencias persoal e da situación, en cada momento, do mercado inmobiliario e das condicións das hipotecas. 

Na actualidade, os prezos de compra dunha vivenda nova en Galicia están no seu nivel máis elevado da serie histórica, mesmo por riba do nivel acadado antes do estoupido da burbulla inmobiliaria. E o prezo das vivendas de segunda man están moi preto de chegar a ese máximo histórico.

Mesmo nesta situación os últimos datos coñecidos sitúan o custo medio das cotas mensuais das hipotecas asinadas en Galicia por debaixo do prezo dos alugueiros fixado nos contratos que se están a asinar nos últimos meses. 

O prezo medio dos alugueiros sitúase xa por riba dos 735 euros mensuais e en Vigo supera os 680 euros. Pontevedra e Santiago roldan os 650 euros ao mes

En concreto, mentres que a cota mensual media dunha hipoteca en Galicia rolda os 592 euros mensuais, segundo o último dato feito público polo Colexio de Rexistradores da Propiedade correspondente ao segundo trimestre de 2025, o prezo medio do novos contratos de alugueiro está xa por riba dos 611 euros ao mes, segundo as estatísticas do Observatorio da Vivenda de Galicia, dependente da Xunta.

O sorpasso teríase producido este verán (entre xuño e agosto o custo medio dos alugueiros superou os 600 euros), aínda que xa nos meses anteriores o indicador do alugueiro estaba moi preto de superar o das hipotecas. Nos oito primeiros meses do ano o prezo medio dos novos alugueiros en Galicia sitúase nos 589 euros.

Segundo os datos do Observatorio, na Coruña o prezo medio dos alugueiros sitúase xa por riba dos 735 euros mensuais e en Vigo supera os 680 euros. Pontevedra e Santiago roldan os 650 euros ao mes.

En realidade, dende o ano 2016 os dous indicadores veñen medrando á par, achegándose cada vez máis o prezo dos alugueiros, nunha escalada histórica, ao das cotas mensuais das hipotecas, que medraron en función do encarecemento do prezo da vivenda e dos tipos de xuro. 

As cotas medias das hipotecas en Galicia pasaron de 473 euros en 2021 a 577 euros en 2023, pero no último ano e medio apenas subiu uns 15 euros pola relaxación dos tipos de xuro.

Os tipos de xuro das hipotecas asinadas en Galicia tocaron teito a finais do ano 2023 (3,58%), despois de dous anos de suba na que duplicaran o seu nivel. Dende entón, grazas ao cambio na política do BCE e ao descenso do Euríbor, os tipos de xuro das hipotecas veñen descendendo de maneira paseniña, ata unha media actual do 3,08%.

Porén, o continuado encarecemento do prezo de venda das vivendas leva a que as cotas mensuais que as persoas que asinan unha hipoteca sigan a medrar, aínda que de vagar dende hai dous anos. As cotas medias das hipotecas en Galicia pasaron de 473 euros en 2021 a 577 euros en 2023. Porén, no último ano e medio o valor medio apenas subiu uns quince euros, ata os 592.

Si continuou a medrar de forma notable o importe medio das hipotecas asinadas, que en xuño deste ano 2025 supera os 121 mil euros, un 20% máis que no ano 2020. Galicia é unha das comunidades autónomas nas que máis está a aumentar a sinatura de préstamos hipotecarios. En maio o ascenso en relación ao ano anterior era do 116%, máis do dobre que doce meses antes, o meirande incremento do Estado.

Esta suba sen fin hai tempo que levou os prezos de compra da vivenda por riba do nivel máximo acadando antes do estoupido da burbulla inmobiliaria

E é que o custo de adquisición dunha vivenda, nova ou de segunda man, non deixa de medrar. No segundo trimestre deste ano 2025 os prezos están a subir un 12,7% en relación ao mesmo periodo do pasado ano e mesmo un 13,1% no caso da vivenda de segunda man; a vivenda nova aumenta o seu prezo un 10,5%.

Esta suba sen fin hai tempo que levou os prezos por riba do nivel máximo acadado antes do inicio da Gran Recesión. Isto é así no índice xeral e moi especialmente no que atinxe á vivenda nova, un 35% máis cara que no ano 2009. En canto ás vivendas de segunda man, que concentran o groso das vendas, o prezo actual sitúase lixeiramente por debaixo do nivel máximo acadado a finais de 2007.

Edificios de vivendas na Coruña CC-BY-SA Praza.gal

Os últimos datos da estatística de accesibilidade á vivenda, correspondentes ao segundo trimestre do ano, amosan que aumentou lixeiramente o "esforzo financeiro" que unha persoa debe facer en Galicia para adquirir un inmoble, que segue a superar o 30% do salario medio, o máximo que se recomenda dedicar a pagar as cotas dunha hipoteca. O indicador sitúase no 31,3%, algo por debaixo do 32,8% que chegou a acadar no ano 2023 por mor da suba dos tipos de xuro e do Euríbor, pero aínda por riba do máximo recomendado.

Outro dos datos que ofrece o IGE é un prezo de referencia para a compra dunha vivenda. Trátase do prezo máximo que unha persoa cun salario medio se pode permitir pagar por un inmoble para que non teña que dedicar máis dun terzo do seu soldo a pagar as cotas dun préstamo hipotecario. Segundo o IGE o prezo desa vivenda non debería superar os 184.000 euros, 159.000 euros se a hipoteca se contrata cun tipo fixo -máis seguro- e cun prazo de 20 anos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.