As case 23.000 inscricións no Rexistro de Demandantes de Vivenda protexida supoñen un novo récord nun contexto no que a fin de década e media de parálise case absoluta anima a demanda
As inscricións no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda Protexida, paso imprescindible para poder optar a un piso con algún réxime de protección no noso país, son máis ca nunca. O pasado 24 de setembro, cando Praza.gal consultou os datos para elaborar esta información, eran concretamente 22.678, un 25% máis que hai apenas un ano. Máis de 17.000 destas solicitudes concéntranse nas sete principais cidades, onde o incremento en apenas doce meses xa che achega ao 30%.
Malia á caducidade das peticións aos tres anos se non se renovan -unha das modificacións que o PP introduciu ao retornar á Xunta en 2009 sobre as condicións do Rexistro orixinal, creado pola Consellería de Vivenda do Goberno de coalición PSdeG-BNG-, as peticións van de récord en récord. E teñen como pano de fondo a fin da década e media na que a vivenda protexida en xeral e a promovida pola Xunta en particular estiveron paralizadas practicamente por completo.
Con Vigo á fronte do total de peticións (máis de 7.000), resulta especialmente significativo que a cidade onde máis aumentan sexa Pontevedra, con algo máis de 1.500 que supoñen case un 60% máis que hai un ano. As solicitudes dispáranse en meses nos que a Consellería de Vivenda vén subliñando que ten "en marcha" na cidade unhas 300 vivendas de promoción públicas cos proxectos de Valdecorvos, Tafisa e As Devesas, áreas onde foi clave a cesión por parte do Concello de solo ao que se sumará o previsto en San Mauro, "para construír máis de 2.000 vivendas, o 80% delas protexidas", indica o departamento de María Martínez Allegue.
Unha oferta que apenas cobre o 12% da demanda
Máis de 9.400 peticións, 7.000 delas en Vigo, concéntranse na provincia de Pontevedra, onde Vivenda ten en marcha 1.300 pisos de promoción pública distribuídos en seis concellos
Un recente informe abordado no Consello da Xunta cifra, concretamente, en 2.943 as vivendas de promoción pública que o Goberno galego ten "en diferentes fases de tramitación e execución". Case a metade sitúanse na provincia de Pontevedra, un total de 1.304 en seis concellos: as cidades de Vigo e Pontevedra e mais Vilagarcía, Mos, A Estrada e Lalín.
Malia tratarse dunha cantidade significativa, esas máis de 1.300 vivendas para esa media decena de municipios -o devandito balance non desagrega cantas corresponden a cada concello- apenas cobren o 13% da demanda. Segundo as inscricións no Rexistro de Demandantes, nesas mesmas localidades ata 9.400 persoas agardan por un piso con algún réxime de protección.
Algo semellante acontece na outra provincia máis poboada, a da Coruña. Sempre segundo o balance da Consellería, o Goberno galego promove actualmente 966 vivendas na Coruña, Santiago, Ferrol, Narón e Teo, concellos onde as peticións de vivenda protexida superan as 6.000. Daquela, a oferta pública dos vindeiros anos equivale ao 15% da demanda.
Os concellos con máis de 50 peticións son unha trintena na que a maioría son as principais cidades e as súas contornas
En Lugo, todas as vivendas en marcha están na capital da provincia, onde a Xunta promove vivenda pública por primeira vez dende a fin do Goberno de PSdeG e BNG. As promocións lucenses en marcha, sinala a Consellería, chegan ás 597 nunha cidade con 1.600 solicitudes pendentes das que, polo tanto, o 65% non terán resposta a curto prazo. En Ourense, pola súa banda, a Xunta proxecta 76 pisos en dous concellos (a capital e San Cibrao das Viñas), o cal equivale ao 8% das 881 solicitudes actualmente activas.
Se abrimos o foco ao conxunto do país, o devandito total de 2.943 vivendas que a Xunta ten "en marcha" responde a apenas o 12% dunha demanda que, como amosa o mapa baixo estas liñas, se concentra sobre todo nas principais cidades e as súas áreas de influencia. Son, concretamente, 34 os concellos con máis de 50 solicitudes de vivendas protexidas -os destacados no mapa en tons vermellos- encabezados polas áreas de Vigo e da Coruña
Alén da contorna das principais cidades os concellos con máis de 50 peticións son escasos e sitúanse en cabeceiras comarcais como Lalín, Vilagarcía, Monforte ou Sarria. Tamén en puntos da Mariña e, máis cara ao interior, no Carballiño ou Allariz.