17 anos despois de que o Executivo de socialistas e nacionalistas aprobase construír 172 pisos públicos no barrio lucense de Garabolos, o gabinete do PP dá luz verde a 146 vivendas de promoción pública na mesma contorna
Algo máis de 17 anos. Ou, máis concretamente, 6.232 días. É o tempo transcorrido dende que o Goberno de coalición de PSdeG e BNG aprobou o que sería o seu derradeiro proxecto de construción de vivendas de promoción pública na cidade de Lugo e ata que o Executivo do PP deu luz verde ao primeiro co seu selo, que vén de iniciar trámites de contratación neste inicio de 2025.
Foi o 5 de decembro de 2007 cando o Consello da Xunta presidido polo socialista Emilio Pérez Touriño aprobou, a proposta da Consellería de Vivenda que dirixía Teresa Táboas (BNG), investir 17 millóns de euros para construír 172 pisos públicos que serían ofertados en réxime de alugueiro no barrio lucense de Garabolos. E non foi ata o pasado 27 de decembro de 2024 cando o actual Consello, co popular Alfonso Rueda á fronte, deu o seu visto e prace para construír 146 novas vivendas en parcelas do mesmo barrio.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, ratificaba este pasado mércores na sede lucense da Xunta o inicio por parte do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) da contratación do proxecto, que consta de dous edificios. Un deles terá 76 vivendas e está dotado cun orzamento de case 15 millóns (3,8 procedentes de fondos europeos de recuperación transferidos polo Goberno de España) e e outro terá 70, con 13,3 millóns de financiamento (3,5 chegados da UE).
Polo momento, o Goberno galego non detalla cal será o réxime de adxudicación, se en alugueiro ou propiedade, duns novos pisos en Lugo que a conselleira Martínez Allegue prevé ter rematados en 2026. En caso de cumprirse o prazo, para daquela terán transcorrido xa 13 anos dende a primeira entrega das ata agora últimas vivendas protexidas impulsadas pola Xunta na cidade da Muralla, as promovidas polo Goberno de coalición de PSdeG e BNG pero xa inauguradas e entregadas polo gabinete de Alberto Núñez Feijóo en novembro de 2013.
Para a alcaldesa de Lugo, a socialista Paula Alvarellos, as novas vivendas son "unha boa nova para a cidade", en tanto que supoñen abrir "unha vía para que a Xunta salde a débeda histórica con Lugo", urbe na que malia á "gran demanda de vivenda pública", "non construíu nin un só piso de promoción oficial" en máis de década e media. Emendarse agora, sinala, é "unha forma de comezar a corrixir o agravio".
A alcaldesa da cidade ve unha "boa nova" que a Xunta comece a "saldar a débeda histórica" en materia de vivenda pública e subliña que "seguiremos esixindo que cumpra" porque só en Lugo as inscricións no rexistro de demandantes superan o milleiro
Neste sentido, e dadas a inscrición de máis dun milleiro de persoas na cidade como demandantes de vivenda protexida no rexistro da Xunta (1.288 con data deste 9 de xaneiro), "como Goberno local seguiremos esixindo á Xunta estas dotacións tan necesarias, para que cumpra cos compromisos adquiridos e coas súas competencias", resalta Alvarellos. Asegura Martínez Allegue que eses compromisos seguirán concretándose "proximamente" coa contratación doutras 300 vivendas de promoción pública, tamén en Garabolos, desta volta a través da nova Sociedade de Vivenda Pública de Galicia.
Afirma Alvarellos que, "como xa fixo no seu día co presidente da Xunta", durante a visita da conselleira trasladou a "total colaboración do Concello" para "poñer solución a este déficit" acumulado durante os anteriores catro mandatos dos populares en San Caetano no que atinxe aos trámites de competencia municipal. Tamén para "avanzar na permuta de parcelas ou na cesión de solo para que, nun futuro, avance no desenvolvemento" de novos edificios de vivenda de promoción pública, conclúe.