O PSdeG confronta o seu plan de 2.500 vivendas protexidas anuais coa promesa de Rueda: "O dobre de cero é cero"

Feijóo, visitando en 2013 o edificio de 172 vivendas públicas no barrio lucense de Garabolos, aprobadas polo Goberno de coalición PSdeG-BNG en 2007, en vésperas de seren entregadas. Á esquerda, Lara Méndez, na altura vicepresidenta da Deputación CC-BY-SA Xunta

Nas eleccións galegas do ano 2020 o escano final da provincia de Lugo, que elixe 14, estivo disputado entre o PP e o PSdeG. Mentres o BNG protagonizou o maior ascenso desta circunscrición, gañando dous asentos no lexislativo galego para un total de tres, os populares acadaron o noveno representante en detrimento dos socialistas por unha marxe de apenas 1.500 votos.

Este é un dos motivos polos que a lucense é unha das pugnas relevantes dos comicios do 18 de febreiro. Máis aínda para o PSdeG, cuxo candidato á Xunta é cabeza de cartel por Lugo, circunscrición na que asemade veñen de realizar unha das súas apostas máis fortes, ao situar no número dous á xa ex-alcaldesa da capital provincial, Lara Méndez, que este martes apuntaba a un dos puntos fracos do balance da xestión do Goberno do PP na provincia de Lugo en xeral e na cidade en particular: a vivenda.

Foi precisamente en Lugo onde o PP presentou a pasada fin de semana o seu programa electoral, sinalando como unha das medidas estrela a promesa de chegar a duplicar o número de vivendas protexidas no país. Este martes, Méndez confrontaba esta promesa coa lanzada por José Ramón Gómez Besteiro, un plan de 2.500 vivendas protexidas anuais se o PSdeG goberna tras o 18F, e tamén co balance da Xunta en Lugo década e media despois, que Méndez ve doado de resumir: "O dobre de cero é cero".

 "A última licenza concedida en Lugo para vivenda pública foi outorgada polo Concello en decembro de 2008, con Touriño na Xunta", ilustra Lara Méndez, número dous do PSdeG pola circunscrición lucense. Foi para 172 pisos que acabou inaugurando Feijóo xa como presidente

Porque cero, resalta, é o "demoledor" dato de vivendas protexidas impulsadas polo Goberno do PP en Lugo nesta década e media. "A última licenza concedida en Lugo para vivenda pública foi outorgada polo Concello en decembro de 2008, con Touriño na Xunta, para a construción dun edificio na avenida Paulo Fabio Máximo". Dáse a circunstancia de que as 172 vivendas dese edificio foron inauguradas e entregadas xa polo Goberno de Feijóo, que herdou o proxecto.

Porque "cos gobernos de Feijóo e Rueda executáronse menos da metade das vivendas sociais do Goberno de Touriño en só catro anos", resume Méndez: 5.855 fronte a case 12.000. "Sería un mal chiste se non estivésemos a falar de que a falta de vivenda a prezo accesibles é un dos principais problemas para a cidadanía, especialmente para a que ten menos recursos" e mostra disto, resalta, son as 18.000 solicitudes pendentes no rexistro de demandantes de vivenda protexida da propia Xunta.

Lara Méndez, flanqueada por Jorge Bustos e Ana Abelleira, en rolda de prensa este 30 de xaneiro de 2024 en Lugo CC-BY-NC-SA PSdeG

Tras "quince anos perdidos", conclúe a socialista, o plan de Besteiro pasa por "actualizar a lei de vivenda de Galicia do 2012" para adaptala á norma estatal e "dar un impulso á construción de vivenda protexida" para acadar esa media de 2.500 ao ano. Ao tempo, avanza, se os socialistas volven ao Goberno galego despois do 18 de febreiro determinarán por lei "a definición de vivenda baleira, como fan outras autonomías coma o País Vasco", pasra "así poder levar a cabo un plan efectivo para a súa rehabilitación e incorporación ao mercado de alugueiro".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.