O PP volve prometer os mesmos 15 traspasos de competencias tras quince anos sen lograr ningún

Actos de presentación do programa electoral do PP para as eleccións galegas de 2009 (esquerda) e 2024 e referencias ao autogoberno en ambos documentos CC-BY-SA Fotos: PPdeG | Montaxe: Praza.gal

Hai agora quince anos, o PP presentaba un programa electoral en Galicia dende a oposición por primeira vez en dúas décadas. Con Alberto Núñez Feijóo antigo vicepresidente de Manuel Fraga, como candidato á presidencia da Xunta por primeira vez, os conservadores formulaban unha oferta electoral redactada mentres manexaban enquisas que situaban como difícil a posibilidade de retornaren á Xunta ao primeiro intento -os inquéritos fóranlles mellorando a medida que se aproximaba a cita coas urnas-, o que propiciou que inzasen o programa de promesas de altos voos, moitas elas dificilmente realizables.

En 2009 Rueda reprochara ao Goberno de PSdeG e BNG lograren só unha ducia de "traspasiños". Década e media despois, o PP reedita as promesas de traspasos por cuarto programa consecutivo

Un eido no que non foran especialmente ambiciosos cuantitativamente, non obstante, fora na promesa de traspasos de competencias. Os populares partían da base de que o Goberno de coalición PSdeG-BNG fora un "auténtico antídoto do autogoberno de Galicia" que, polo seu "sometemento a Madrid", apenas lograr unha ducia de "traspasiños menores", afirmaba o daquela secretario xeral e xefe de campaña do PP de Galicia, Alfonso Rueda, este 18F candidato á presidencia da Xunta por primeira vez. Nese contexto, fixaban doce prioridades para outros tantos traspasos.

Naquela primeira lexislatura (2009-12), o Goberno de Feijóo non logrou transferencia ningunha. Tampouco na que transcorreu entre 2012 e 2016 nin na rematada en 2020 e o mesmo sucedeu co gabinete do PP que presidiu Feijóo ata 2021 e Rueda ata este 2024, coa única novidade da xestión dun tributo sobre xestión e incineración de refugallos que non foi, en sentido estrito, un traspaso de competencias. Mentres, nos sucesivos programas electorais do PP foron figurando diversas promesas de traspasos de competencias que tenderon a sintetizar nunha listaxe de quince. Esas mesmas quince, que xa aparecían na súa proposta programática de 2020, volven figurar sen apenas alteracións no programa que veñen de presentar para as eleccións do 18 de febreiro. 

No capítulo do programa titulado "a dignidade de Galicia" os populares prometen "insistir" en competencias como a AP-9 ou outras que xa comezara a negociar o Goberno de coalición

O documento, presentado a pasada fin de semana por Rueda, inclúe as promesas en materia de autogoberno nun capítulo titulado "a dignidade de Galicia" e mantén que, se o PP segue gobernando tras o 18F, vai "insistir" na "ampliación do noso teito competencial naquelas materias que son de especial interese para Galicia". A continuación, cita as mesmas quince competencias que xa citaba hai catro anos, pero excluíndo a ordenación do litoral -que a dan por asumida tras a aprobación da lei que deu lugar a un conflito co Estado- e incluíndo o traspaso do Ingreso Mínimo Vital, que en 2020 citaban, pero á marxe da listaxe principal.

Polo demais, o programa promete reclamar competencias que non só supoñen reeditar promesas pasadas do propio PP, senón reiterar asuntos que xa formaban parte do paquete de 70 competencias acordado por unanimidade en tempos do Executivo de coalición, algunhas das cales mesmo comezara a negociar o Executivo de socialistas e nacionalistas co Goberno de España, presidido naquela altura por José Luis Rodríguez Zapatero. É o que sucede, por exemplo, coas competencias sobre museos, bibliotecas e arquivos do Estado en Galicia, bolsas de estudo, Inspección de Traballo ou servizos meteorolóxicos.

Promesas de autogoberno e peticións de traspasos de competencias nos programas electorais do PPdeG en 2009, 2020 e 2024 [Preme para ampliar] CC-BY-SA Documentos: PPdeG | Montaxe: Praza.gal

Investigación oceanográfica; ordenación, inspección e vixilancia pesqueira ou sanidade penitenciaria son tamén, outra volta, parte das promesas do PP sobre traspasos competenciais. Nun programa máis inclúen, igualmente, a reclamación do traspaso da AP-9, transferencia que está avalada por recorrentes acordos unánimes no Parlamento de Galicia e vén embarrancando sistematicamente no Congreso, primeiro polo bloqueo do Goberno do PP de Rajoy -mesmo forzando un mecanismo constitucional- e despois, por sucesivos atrancos, interrupcións ou remates de lexislatura que ata o momento seguiron freándoo malia á existencia, sobre o papel, de votos dabondo para aprobalo.

45 'deberes' para o Goberno de España

As "demandas" para o Estado que o PP inclúe no seu programa triplican as novas competencias que, din, quererían que asumise a Xunta

A cantidade de competencias cuxa petición o PP volve incluír no seu programa electoral contrasta co número de "demandas" para o Goberno de España que o propio programa sitúa a continuación. Son un total de 45, isto é, tres veces máis que os traspasos que, din, pedirán se os resultados do 18F lles permiten seguir gobernando.

Entre esas demandas inclúense asuntos reiterados pola Xunta tanto con Feijóo como con Rueda nestes anos, caso de aumentar os efectivos da Unidade de Policía Adscrita -no canto de reclamar as competencias na materia para despregar a Policía de Galicia, avalada por lei dende 2007- ou realizar diversas infraestruturas. Entre as peticións de obras inclúen algunhas xa en marcha, como a modernización da conexión ferroviaria entre Ourense e Lugo, na que Feijóo prometera construír unha liña de alta velocidade "cos cartos da Xunta".

Feijóo, con Rueda na Xunta Directiva do PP, este 29 de xaneiro CC-BY-SA PPdeG

Conservación de estradas, xestión dos fondos europeos de recuperación, máis fondos para as escolas infantís e a lei de dependencia ou diversas peticións en materia sanitaria conviven neses deberes que o PP promete poñer ao Goberno de España do PSOE e Sumar con outras directamente tiradas da axenda política da dirección estatal do PP, que agora encabeza o ex-presidente Feijóo. Así, por exemplo, esixen o "endurecemento das penas no caso de ocupación dunha vivenda", "indemnizar as vítimas de violencia de xénero que se viron revitimizadas a consecuencia da chamada lei do só si é si" -en referencia á lei de liberdade sexual- ou instaurar unha proba de acceso á universidade idéntica en todo o Estado.

Programa electoral do PP para o 18F

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.